Saltar navegación

1. Detectives en acción

 

Glosario

Guionista

pictograma dunha persoa cunha idea.

Definición:

Persoa responsable de elaborar a trama da historia, os diálogos... Desenvolve o seu labor antes da fase do deseño.

Exemplo:

Os cómics desta autora son moi bos e enganchan moito. É unha gran guionista.

Historietista

pictograma do conto de Carapuchiña.

Definición:

     Figura profesional na creación do cómic que pode encargarse tanto de guionizar, como de debuxar ou rotular as bandas deseñadas.

Exemplo:

O historietista deste cómic é o responsable de toda a creación, incluso das ilustracións.

Rotulista

pictograma dunha persoa falando.

Definición:

Persoa encargada de maquetar e deseñar os diálogos, onomatopeas ou outros elementos verbais dos cómics.

Exemplo:

Eu prefiro ser rotulista que debuxante, xa que teño boa letra.

Colle a túa lupa

A día de hoxe, a mocidade consome historias en formatos moi variados: vídeos curtos en redes sociais, series, videoxogos, memes... Un destes formatos é o das novelas gráficas, que combinan imaxe e palabra.

Sabes que outros nomes recibe este tipo de creacións?

Olla o vídeo e descúbreo!

Queres ser mangaka?

Ás e aos debuxantes de cómic chámaselles mangakas, historietistas ou autores de cómic. Concretamente, o termo mangaka procede do xaponés combinando ''manga'' e o sufixo ''-ka'' (creador). Ademais, estas persoas asumen múltiples roles: son guionistas, debuxantes e rotulistas.

Todo este traballo dá lugar ao que coñecemos como banda deseñada. Aquí tes algúns exemplos en galego:

Neste contexto, chega a ti unha nova proposta: por que non converterte en mangaka e crear unha pequena banda deseñada? Aceptas o reto de pasar de consumir contidos a crealos ti?

Lectura facilitada

Que é unha persoa mangaka?

As persoas que fan cómics chámanse:

  • Mangakas.
  • Historietistas.
  • Autores de cómic.

A palabra mangaka vén do xaponés. Significa “persoa que crea manga”.

Estas persoas fan varias tarefas:

  • Escriben a historia
  • Debuxan
  • Engaden os textos (rotulación)

Que é a banda deseñada?

Todo este traballo crea o que chamamos banda deseñada.

Aquí tes algúns exemplos:

  1. Banda deseñada en Galicia
    • En Galicia hai cómics moi importantes.
    • No 2024, o cómic galego O corpo de Cristo gañou o Premio Nacional do Cómic. É unha banda deseñada de Bea Lema.
    • Máis adiante, coñecerás moitos máis exemplos de cómics galegos.
  2. Manga coñecido
    • Seguramente coñezas Dragon Ball.
    • Conta a historia de Son Goku, un guerreiro.
    • Este manga xaponés traduciuse ao galego.
  3. Memes e cómics
    • Un meme é unha imaxe divertida. Pode ter tamén texto.
    • Moitas veces emprégase o cómic para crear memes.

Aceptas o reto de crear o teu propio cómic?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)