Saltar navegación

4. Acende a gravadora

Pon as orellas e abre os ollos!

Como sabes, o teu pódcast deberá conter unha entrevista. Para axudarche nesta tarefa, propoñémosche a modo de inspiración tres fragmentos de entrevistas moi distintas entre elas. Escoita os dous primeiros minutos de cada entrevista (dende o punto en que se reproducen ao darlle ao play):

Que sacaches en limpo?

Pictograma que amosa un símbolo de reprodución de vídeo en liña.Logo de escoitares eses dous minutos de cada entrevista, contesta no caderno as seguintes preguntas:

  1. Vídeo 1: que fixeron de pequenas as dúas persoas entrevistadas que parecía avanzar a paixón que as leva hoxe a seren coñecidas?
  2. Vídeo 2: de que feito pouco común falan respecto aos concertos das persoas entrevistadas?
  3. Vídeo 3: que leva á persoa deste vídeo a decidir dedicarse á gandería?
  4. Que semellanzas e diferenzas atopas entre as tres entrevistas? Pensa en todo: temática, ton da entrevista, lugares empregados etc.
  5. A segunda entrevista corresponde a un fragmento dun pódcast. Que podes dicir que ten de diferente respecto ás outras dúas?

Lectura facilitada

Escoita dous minutos de cada vídeo e responde a estas preguntas no teu caderno:

Vídeo 1

As persoas entrevistadas son hoxe moi coñecidas.

Que facían cando eran pequenas que xa indicaba que lles ía gustar o seu traballo actual?

Vídeo 2

Os artistas falan de algo curioso que pasa nos seus concertos. Que é iso tan pouco común que contan?

Vídeo 3

Por que decidiu a persoa do vídeo dedicarse a coidar gando (á gandería)?

Compara as tres entrevistas

Agora, pensa en que se parecen e en que son distintas as tres entrevistas. Fixate nestes detalles:

O tema: de que falan?

O ton: é unha charla divertida ou máis seria?

O lugar: onde están gravadas? (Nun estudio, na rúa, no campo...)

Sobre o pódcast

A segunda entrevista é un fragmento dun pódcast.

Que diferenzas notas entre este pódcast e os outros dous vídeos?

Agora tócache a ti!

Agora que xa coñeces un pouco mellor o que é unha entrevista, é o momento de que de volvas xuntar co teu equipo e sigades avanzando co reto: é a vosa quenda de entrevistar! Para isto, tede en conta:

Paso 1:

Pictograma que amosa a unha persoa cun interrogante na cabeza.Escollede definitivamente a quen entrevistar.

Podedes escoller a calquera persoa que poida relacionarse coa temática do voso pódcast. Iso si, pensade que teredes que realizar esta entrevista, así que evitade escoller persoas coas que logo non poderedes contactar.

Pode ser alguén do instituto, da vosa vila ou cidade, da vosa familia etc. De seguro que se vos vén á cabeza alguén que terá historias moi interesantes que contar.

Paso 2:

Pictograma que amosa un calendario de parede.Asegurádevos da dispoñibilidade desa persoa.

Unha vez teñades decidido a quen queredes entrevistar, poñédevos en contacto con esa persoa e asegurádevos de que estea de acordo e dispoñible para participar na entrevista.

Paso 3:

Pictograma que amosa un texto escrito.Elaborade o guión da entrevista.

Antes de entrevistar a persoa que escollésedes, tedes que redactar o guión coas preguntas que lle ides formular. Para isto, pensade que razóns vos levaron a elixir esa persoa e guiade por aí a entrevista. Preguntádelle por aquilo que esa persoa comparta coa temática do pódcast e intentade aproveitar a entrevista para conseguir a información que máis vaia poder interesar ás persoas oíntes. Sacádelle todo o potencial á vosa entrevista!

Pode resultar de utilidade facer unha pequena investigación sobre a biografía ou traxectoria de quen vaiades entrevistar, xa que iso vos pode dar pistas para pensar que preguntarlle.

Paso 4:

Pictograma que amosa unha muller entrevistada na televisión.Realizade e gravade a entrevista.

Agora chega o traballo de campo. Collede o guión que acabades de elaborar e reunídevos coa vosa estrela invitada. Dende o respecto e buscando crear un clima agradable, formuládelle as preguntas e gozade do camiño da entrevista.

Tede en conta que unha pequena parte sempre vai ter que quedar á improvisación, para asegurarvos de que a entrevista será natural e fluída.

E, por suposto, non esquezades gravalo todo! Máis abaixo atoparedes uns consellos en relación a isto.

Paso 5:

Pictograma que amosa o botón do play.Gardade o arquivo.

Non esquezades gardar o arquivo de son coa gravación da entrevista, posto que logo teredes que traballar con el para o pódcast. Pode resultarvos moi útil gardalo cun nome recoñecible, como o nome da persoa entrevistada e a data de realización da entrevista.

Como imos gravar?

Imaxe que amosa o envorcado de pantalla do logotipo de Audacity, formado por uns auriculares e unha onda sonora.

Unha ferramenta moi doada de usar e que tes á túa disposición para realizar a gravación é o programa Audacity, que vén xa instalado nos ordenadores coa maqueta Abalar.

Ao abrir o programa, atoparás a seguinte barra de ferramentas:

Imaxe que amosa a barra de controis de gravación de Audacity.

Con tan só premer no botón vermello desa barra, a gravación xa comeza. Cando a queirades parar, premede sobre o botón de stop (o terceiro empezando pola esquerda) e traballo feito!

Por último, para gardar a gravación, deberedes ir a ficheiro > exportar > exportar como mp3; seleccionade o cartafol do ordenador onde queirades gardalo e xa está!

Imaxe dun envorcado de pantalla das opcións de exportación de Audacity.

Máis alá destas indicacións de carácter técnico, ten en conta tamén outros aspectos importantes para gravar a entrevista:

  • Crea un ambiente libre de ruído.Pictograma que amosa un estudio de radio con dúas persoas sentadas diante de cadanseu micrófono.
  • Evita poñer preto do equipo de gravación un móbil ou calquera outro dispositivo electrónico que poida producir interferencias.
  • Non esquezas exportar a gravación ao rematar.
  • Crea un ambiente distendido: intenta que a persoa que vas entrevistar se sinta cómoda, non lle fagas preguntas inadecuadas etc.
  • Goza moito da entrevista, xa verás canto che gusta!

Rúbrica - Para acadardes o mellor traballo posíbel!

Sabes o que é unha rúbrica? Trátase dun instrumento de avaliación que vos vai axudar a elaborar o voso pódcast. Por medio desta rúbrica poderedes: 1. Saber cales son os aspectos a acadar no reto. 2. Ter claros os criterios de avaliación. 3. Ter unha avaliación xusta e transparente. 4. Autoavaliarvos a medida que ides avanzando. 5. Acadar a máxima calidade no traballo. Non perdas de vista a rúbrica e vai marcando nela a consecución de cada un dos pasos.

Rúbrica do reto - Un pódcast en galego
 Nivel - AcadadoNivel - MellorableNivel - Non acadadoNivel - Non valorable
O guión inclúe unha entrevista e unha recomendación literaria.O guión inclúe unha entrevista e unha recomendación literaria. (1)O guión inclúe unha entrevista e unha recomendación literaria pero estas son excesivamente básicas. (0,7)O guión inclúe só un destes elementos. (0,4)O guión non inclúe ningún destes elementos. (0,1)
A introdución do pódcast contén todos os apartados.A introdución contén presentación do/a locutor/a, presentación do tema e música de cabeceira. (1)A introdución contén só dous apartados dos anteriores. (0,7)A introdución contén só un apartado dos anteriores. (0,4)Non se realizou a introdución. (0,1)
A introdución do pódcast realízase cunha expresión de calidade, incluíndo a corrección, a fluidez do discurso, a orixinalidade...A introdución conta cun guión correcto e perfectamente deseñado e o discurso oral é fluído, presenta un ritmo dinámico etc (1)A introdución conta cun guión correcto e o discurso oral é fluído. (0,7)A introdución conta cun deseño do guión con erros e o discurso oral non é fluído. (0,4)A introdución conta cun guión excesivamente simple e o discurso é lido. (0,1)
A parte central do pódcast contén todos os apartados.A parte central contén os bloques principais (presentación da actualidade, desenvolvemento do tema, debate e entrevista) e a interacción coa audiencia (recomendación literaria). (1)A parte central contén todos os apartados anteriores pero de maneira excesivamente sinxela. (0,7)A parte central non contén algún destes dous apartados. (0,4)Non se realizou a parte central do pódcast. (0,1)
A parte central do pódcast realízase cunha expresión de calidade, incluíndo a corrección, a fluidez do discurso, a orixinalidade...A parte central conta cun guión correcto e perfectamente deseñado e o discurso oral é fluído, presenta un ritmo dinámico etc. (1)A parte central conta cun guión correcto e o discurso oral é fluído. (0,7)A parte central conta cun deseño do guión con erros e o discurso oral non é fluído. (0,4)A parte central conta cun guión excesivamente simple e o discurso é lido. (0,1)
O peche do pódcast contén todos os apartados.O peche do pódcast contén un breve resumo, agradecementos e música de despedida. (1)O peche do pódcast contén só dous destes apartados. (0,7)O peche do pódcast contén só un destes apartados. (0,4)O pódcast non conta cun peche ou este é completamente inadecuado. (0,1)
O peche do pódcast realízase cunha expresión de calidade, incluíndo a corrección, a fluidez do discurso, a orixinalidade...O peche conta cun guión correcto e perfectamente deseñado e o discurso oral é fluído, presenta un ritmo dinámico etc. (1)O peche conta cun guión correcto e o discurso oral é fluído. (0,7)O peche conta cun deseño do guión con erros e o discurso oral non é fluído (0,4)O peche conta cun guión excesivamente simple e o discurso é lido (0,1)
A gravación do pódcast realízase de maneira axeitada.A gravación realízase con Audacity, non hai ruídos de fondo e os cortes están perfectamente enlazados. (1)A gravación realízase con Audacity, pero hai certo ruído de fondo e os cortes non están perfectamente enlazados. (0,7)A gravación realízase con Audacity pero hai ruído de fondo e aprécianse os cortes. (0,4)A gravación non se realiza con Audacity, hai ruídos e fondo e aprécianse os cortes. (0,1)
O pódcast desenvólvese a través do traballo en equipo, de maneira colaborativa.O pódcast desenvólvese totalmente a través do traballo en equipo, de maneira colaborativa. (1)O pódcast desenvólvese maioritariamente a través do traballo en equipo e de maneira colaborativa. (0,7)O pódcast desenvólvese minoritariamente a través do traballo en equipo e de maneira colaborativa. (0,4)O pódcast non se desenvolve a través do traballo en equipo. (0,1)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica do reto - Un pódcast en galego (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Feito con eXeLearning (Nova xanela)