As palabras non viaxan soas
A semántica é a disciplina da lingüística que estuda os significados das palabras e é xusto aí onde nos temos que parar a analizar as relacións que se establecen entre elas. A continuación, descubrirás as principais relacións semánticas. Premendo sobre a seguinte imaxe, podes accede ao documento en formato PDF unha presentación sobre estes contidos, que máis abaixo tamén tes presentados nas lapelas.
Sinonimia e antonimia
As palabras sinónimas son aquelas que comparten o mesmo significado. Por exemplo, pechar e cerrar son palabras sinónimas. Non obstante, temos que facer unha pequena distinción:
- Sinónimos absolutos: son palabras cuxo significado é equivalente en calquera contexto (por exemplo, bágoa e lágrima).
- Sinónimos parciais: palabras que comparten algún significado, pero non todos. Isto vai implicar que non sempre poidamos intercambiar unha pola outra. Por exemplo, xornal e diario son sinónimos nalgúns contextos ("O diario/xornal Nós é unha publicación en galego") pero non noutros ("Escribín no meu diario todo o que me ocorrera").
Ollo: O emprego de sinónimos pode resultar un recurso moi útil para evitar repetir unha mesma palabra nun texto. Podemos velo no seguinte exemplo: O galego é a nosa lingua. Este idioma é parte da nosa esencia.
Finalmente, as palabras antónimas son aquelas con significados contrarios. Son antónimos, por exemplo: pechar e abrir, grande e pequeno, branco e negro...
Polisemia e homonimia
As palabras polisémicas son aquelas que teñen máis dun significado, polo que eses significados adoitan manter relacións entre si. Por exemplo, a palabra moeda pode referirse a: 1. 'Peza de metal con valor económico' ("Paguei cunha moeda de dous euros") ou 2. 'Divisa empregada nun determinado territorio' ("A maior parte dos países europeos teñen como moeda o euro").
Ao buscar unha palabra polisémica no dicionario, cada significado aparecerá numerado debaixo da mesma entrada. Podes comprobalo na entrada da palabra moeda no dicionario da RAG (pica sobre a imaxe para vela en grande):
As palabras homónimas, en cambio, son palabras diferentes (proceden de diferentes raíces latinas) que teñen a mesma aparencia. Isto implica que os seus significados non teñen ningún tipo de relación entre si. É o que ocorre, por exemplo entre: 1. Real: 'que é certo, que existe de verdade' ("Non o estou inventando, esta é unha historia real") ou 2. Real: 'que está relacionado coa realeza' ("O rei é a figura principal da familia real").
As palabras homónimas recóllense no dicionario en entradas diferentes, como podes ver na entrada da palabra real no dicionario da RAG:
Hiperonimia e hiponimia

Os hiperónimos son palabras que designan un conxunto de realidades, mentres que os hipónimos son cada un dos elementos que forman parte dese conxunto.
Para telo máis claro, verémolo cun exemplo: a palabra rede social é o hiperónimo de palabras como Instagram, Tiktok, Facebook... Polo tanto, estas últimas son hipónimos de rede social.
Ademais, os hipónimos dun mesmo campo semántico (Instagram, Tiktok...) son hipónimos entre si.
Se precisas outros exemplos, podemos dicir que balonmán, fútbol, baloncesto etc. son hipónimos de deporte, que é o seu hiperónimo.
Audio
Por se non che queda claro: esquema visual
Aquí tes un esquema do que acabas de ver sobre as relacións semánticas. Ao picar sobre el, amplíase.
Tamén podes descargar este esquema en PDF (abre nunha nova xanela).

Para traballar a homonimia e a polisemia, formade grupos de tres ou catro persoas e escollede un dos pares de palabra que poñemos a continuación.