Saltar navegación

5.1. De feira!

Para as medras

Para as medras é unha frase que se emprega ao falar de que algo vai valer para cando sexa máis grande o destinatario. Por exemplo: Ese pantalón é moi grande para ela, quedará para as medras.

Pois algo así sucederá agora. As ideas de mellora que vexas agora servirán para "as túas medras". Avalía e mellora!

Así que colle caderno e lapis:

Le estas preguntas

  • Cumprín cos meus prazos e responsabilidades?
  • Axudei o grupo cando o precisou ou só traballei na "miña parte"?
  • Escoitei e respectei as ideas dos demais aínda non sendo as miñas?
  • Que faría diferente a próxima vez para que funcione mellor o grupo?
  • Tivéronse en conta as habilidades de cada persoa do grupo, á hora de facer o reparto de tarefas, para que fose o máis xusto posible? 
  • Fuches útil para o grupo ou, pola contra, parecía que só molestabas alá onde ías?
  • Que podes mellorar como membro dun grupo de traballo?
  • Que fixeches ben?
  • Que podes copiar da actitude doutras persoas da aula ao traballar en grupo? Ou que viches que é mellor evitar?

Copia e engade 

Copia aquelas preguntas que consideras interesantes ou escribe outras que se che ocorran.

Contesta e reflexiona

Crea unha lista coas túas respostas. Estas ideas son as que servirán para mellorar o teu traballo no futuro.

Posta en común

Poñede en común estas ideas co resto da clase. Se hai algunha que non tiñas e consideras que é interesante, engádea á túa lista. 

Non esquezas ter esta lista á man "para as medras"

Nun futuro poderás empregar o que aprendiches hoxe.

Lectura facilitada

“Para as medras” é unha frase que usamos cando algo servirá para máis adiante, cando a persoa sexa maior. Por exemplo: un pantalón que agora é grande, pero que servirá no futuro.

Agora imos facer algo parecido: as ideas que teñas hoxe serviranche no futuro para mellorar.

1. Colle un caderno e un lapis.

- Copia estas preguntas e engade outras que ti penses:

  • Cumprín os prazos e fixen as miñas tarefas?
  • Axudei o grupo ou só fixen a miña parte?
  • Escoitei e respecte as ideas dos demais?
  • Que faría diferente a próxima vez.
  • Repartimos ben as tarefas segundo o que cada persoa sabe facer?
  • Fun útil para o grupo?
  • Que podo mellorar cando traballo en grupo?
  • Que fixen ben?
  • Que podo aprender doutras persoas? Que é mellor evitar?

2. Responde as preguntas con calma.

3. Fai unha listaxe coas ideas importantes que che saíron.

4. Comparte as túas ideas coa clase. Se escoitas ideas novas e interesantes, engádeas á túa lista.

Lembra! 

Garda esta lista. No futuro poderache axudar a mellorar cando traballes en grupo.

Vendo e aprendendo

Agora avaliarás ti o traballo dos outros grupos.

Que tedes que facer?

  1. Xuntádevos e analizade os traballos presentados polos demais grupos. Poden tirar dalgunhas das preguntas da tarefa anterior. Na fase 4 tiñas unha rúbrica do proxecto para axudarche no reto. Emprégaa para valorar o traballo do resto dos grupos.
  2. Realizade un proceso de reflexión sobre o traballo dos outros grupos. Que vos gustou, que vos sorprendeu, como encararon as diferentes partes do reto... 
  3. Agora, imaxinade que tedes que repetir o reto:

    - Que fariades igual?

    - Que copiariades doutro grupo?

    - Que cambiariades?

  4. Creade unha listaxe das cousas que poderiades mellorar do voso traballo.
  5. Despois poñede en común coa clase os resultados de todas as avaliacións.

Reláxate

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa.

Que tal eses nervios?

Como che saíu a exposición? Foi como no ensaio?

Abre o teu diario de aprendizaxe e completa as preguntas que aparecen na fase 5.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)