Dominando a lingua!
Sabela e o seu grupo están xa no proceso de escrita da súa presentación e é aquí que aparecen as dúbidas de sempre: “é con b ou con v?” Na aula hai dicionarios, mais non son suficientes para toda a clase. Así que empregan o Portal das palabras. Aquí está o dicionario da Real Academia Galega.
Hoxe en día temos moitas ferramentas en liña que nos axudan a escribir mellor. Entre elas están os dicionarios, os correctores ortográficos e os manuais de dúbidas ou guías de lingua. Empregándoas ben podemos mellorar moito a nosa escrita e aprender máis sobre a lingua.
Dicionarios
Os dicionarios en liña serven para buscar o significado das palabras, saber como se escriben correctamente ou coñecer sinónimos e antónimos. Tamén hai dicionarios especializados en diferentes temáticas, ou dicionarios plurilingües que permiten buscar unha palabra e ver a súa correspondencia noutra lingua.
Correctores
Os correctores ortográficos revisan automaticamente un texto e sinalan posibles erros de ortografía ou gramática. Ollo, a lingua ten moitos casos de palabras que se escriben parecidas. Por exemplo se queremos escribir país e escribimos pais, o corrector non detectará o erro. Por iso sempre cómpre revisar as correccións antes de aceptalas.
Manuais
Os manuais de dúbidas ou guías de lingua explican as normas do galego: como se escriben certas palabras, como se usan os acentos ou como construír frases correctamente. Serven para aprender as regras e entender por que algo está ben ou mal escrito. Moitos deles están especializados nas dúbidas máis habituais e axudan a coñecer mellor a nosa lingua.
O Portal das palabras non é só un dicionario, tamén ten seccións como a de dúbidas. Aquí tes un exemplo.
Lectura facilitada
Sabela e o seu grupo están a escribir unha presentación.
Durante o traballo, teñen dúbidas, por exemplo: "con b ou con v?”.
Na aula hai dicionarios, pero non chegan para toda a clase. Por iso usan Internet.
Empregan o Portal das palabras, onde está o dicionario da Real Academia Galega.
Hoxe en día hai moitas ferramentas en liña que nos axudan a escribir mellor.
Por exemplo: dicionarios, correctores ortográficos e guías de lingua.
Se usamos ben estas ferramentas, podemos: escribir mellor e aprender máis sobre a lingua.
Dicionarios
Serven para buscar información sobre as palabras.
Con eles podemos saber o significado e como se escriben correctamente.
Hai dicionarios plurilingües que nos ensinan como se di unha palabra en diferentes linguas.
Correctores ortográficos
Revisan os textos automaticamente. Axudan a atopar erros de ortografía ou gramática.
Pero hai que ter coidado. Algunhas palabras escríbense moi parecido.
Por exemplo: país (con acento gráfico)/ pais (sen acento gráfico).
Se nos equivocamos, o corrector pode non detectar o erro.
É importante revisar sempre as correccións antes de aceptalas.
Manuais de lingua
Explican as normas do galego.
Ensínannos:
- como se escriben as palabras;
- como usar os acentos;
- como construír frases correctamente.
Serven para aprender as regras e entender por que algo está ben ou mal.
Moitos manuais céntranse nas dúbidas máis habituais. Axudan a coñecer mellor a lingua.
Portal das palabras
Non é só un dicionario. Tamén ten outras seccións, como a de dúbidas.
Nesas seccións podemos aprender máis sobre o uso correcto do galego.