Saltar navegación

2.2. Expo, exposición!

Perigo químico

Sinal amarelo de perigo químico. É triangular coa imaxe en negro dun recipiente saíndolle algo.Exposición oral! Sabela xa ten experiencia falando na radio, pero aí ninguén a ve. Hoxe, a profesora de Física e Química mandoulle un traballo sobre un elemento da táboa periódica e ten medo de que a exposición se converta nun perigo químico. Pásache tamén que tes nervios antes dunha exposición oral?

Pero que é unha exposición oral? Impón menos se dicimos que é unha explicación que facemos diante doutras persoas para contar información sobre un tema.

Para lograr unha boa exposición oral é importante preparar ben o contido. Debes buscar información sobre o tema en fontes fiables, seleccionar as ideas máis importantes e organizar a información nun esquema. Para que as ideas que presentas sexan claras:

  • Debes seguir unha orde lóxica.
  • Empregar conectores para unir as ideas (en primeiro lugar, ademais, por outra banda, finalmente...).
  • Non repetir sempre as mesmas palabras.
  • Explicar os termos difíciles, se é necesario.

Isto axuda a que o público entenda mellor o que estamos explicando.

Estrutura

Unha boa exposición adoita ter tres partes: introdución, desenvolvemento e conclusión.

Primeiro presentamos o tema e explicamos do que imos falar. Despois explicamos as ideas principais de maneira ordenada e por último resumimos as ideas máis importantes e pechamos o tema.

Falando segundo a situación

O contexto da comunicación e as persoas receptoras da mensaxe marcan o rexistro da lingua. É dicir, segundo a situación empregamos unha maneira de falar determinada. Nunha exposición oral na aula debemos empregar un rexistro formal.

O rexistro formal:

Non é o mesmo falar coas amizades no recreo que facer unha exposición diante da clase. Na aula debemos demostrar respecto e seriedade. Por iso debemos cumprir con estes puntos:

  • linguaxe correcta e coidada;
  • ideas ben organizadas;
  • claridade e respecto ao público.

Lectura facilitada

Sabela xa falou algunha vez na radio. Pero na radio ninguén a ve.

Agora ten que facer unha exposición oral na clase de Física e Química.

A profesora mandoulle un traballo sobre un elemento da táboa periódica. Sabela está nerviosa. Ten medo de facelo mal.

Unha exposición oral é explicar un tema diante doutras persoas.

Nunha exposición oral contamos información para que os demais a entendan.

Para facer unha boa exposición oral hai que prepararse ben.

  • Primeiro, hai que buscar información en fontes fiables.
  • Despois, hai que escoller as ideas máis importantes.
  • Tamén é útil facer un esquema antes de falar.
  • As ideas deben seguir unha orde clara.
  • É importante usar conectores. Por exemplo: en primeiro lugar, ademais, por outra banda, finalmente.
  • Tamén hai que evitar repetir sempre as mesmas palabras.
  • Se aparece unha palabra difícil, hai que explicala.

Todo isto axuda a que o público entenda mellor a explicación

Apoio visual

infografía exposición oral

Falando vai

Duración: 5 minutos  Agrupamento: pequenos grupos

Xunto co teu grupo de traballo practicarás cunha pequena exposición oral. Busca un tema do teu interese e do interese do teu grupo relacionado con Galicia (música, deporte, cultura...). Grava unha exposición oral sobre ese tema seguindo as pautas anteriores. Lembra que no reto final terás que facer unha exposición oral, así que deberás facelo con atención.

Podedes escoller entre tres opcións:

  1. Exposición oral apoiados soamente nun guión.
  2. Exposición oral cun guión e unha presentación.
  3. Exposición oral cun guión e unha presentación con ligazóns, vídeos...

Como?

  • Os grupos serán de 2-3 persoas.
  • A duración da gravación será de 3 minutos.
  • O rexistro empregado deberá ser axeitado para alumnado dun centro de ensino coma o teu.
  • Algunhas ideas sobre as que traballar: Guadi Galego, Xabier Díaz, Mondra, Ana Peleteiro, Adrián Ben, o Entroido, os Maios...

Feito con eXeLearning (Nova xanela)