Feira de Santos
Dende hai moitos anos celébrase en Monterroso a coñecida Feira de Santos. Como poderás comprobar, non se trataba só dun día para mercar e vender produtos. As feiras eran momentos moi importantes na vida das persoas. Alí non só se facían tratos comerciais, senón que tamén se realizaban xestións importantes: facer papeis, pagar taxas, acudir ao médico ou resolver asuntos administrativos. Ademais, eran lugares de encontro onde a xente se relacionaba, intercambiaba novas, reforzaba amizades e establecía contactos.

Se ti viras o que eu vin! Así di o cantar popular propio da feira de Monterroso.
Reflexiona sobre a importancia que tiveron as feiras en Galicia ao longo do tempo: por que eran tan importantes nunha sociedade maioritariamente rural?
E agora?
Pensa tamén no presente. Hoxe en día, moitas feiras tradicionais seguen existindo e conservan o seu valor cultural e social. Ao mesmo tempo, xorden novas feiras adaptadas aos tempos actuais: feiras do libro, feiras de innovación, feiras de turismo, feiras de arte… Aínda que cambien os produtos ou os temas, seguen sendo espazos de encontro, intercambio e convivencia.
Lectura facilitada
As feiras foron moi importantes en Galicia durante moitos anos. Moita xente vivía no campo e as aldeas estaban afastadas. Por iso, a feira era un momento especial.
Nas feiras neses anos as persoas compran e venden produtos. Poden mercar comida, roupa, animais ou ferramentas para traballar.
Tamén é un lugar onde se fan outras cousas importantes: papeis importantes, pagar taxas ou ir ao médico.
A feira tamén é un lugar para falar con outras persoas. A xente atopábase con familiares, amizades e veciños. Contaban novas e sabían o que pasaba noutros lugares.
Hoxe moitas feiras seguen existindo. Algunhas son tradicionais, como a Feira de Santos de Monterroso. Outras son novas, como as feiras do libro ou de turismo.
As feiras seguen sendo importantes porque son lugares de encontro e convivencia.
Audio
Descubre a Feira de Santos de Monterroso
Na seguinte ligazón podes atopar información sobre ela e descubrir a súa longa historia.
Que tal esta primeira parte?