Saltar navegación

3.2. Non, oh! Vaiche boa!

O que digo sen dicir

unha rapaza de costas e un rapaz con lentes falando con interxeccións

"Ah" Esa foi a resposta de Breixo cando Sabela lle explicou como solucionar o problema de mates. Con esa expresión, dúas letras, Sabela soubo que Breixo entendera todo. Curioso, non si? Ás veces empregamos sons, sílabas, palabras que din moito máis do que parecen. Son as interxeccións.

A interxección é unha clase de palabra invariable que se utiliza para expresar emocións, reaccións afectivas, impresións súbitas, verbalizar sentimentos ou chamar a atención.

As máis frecuentes son: 

  • Ah!: indica que caes na conta de algo. (Ah! Xa sei o que teño que facer).
  • Ai!: expresa dor física, desánimo... (Ai! Esta perna non para de doerme!).
  • Ala!: úsase para dar ánimo, expresar sorpresa... (Ala, Sabela! Xa logo temos o programa).
  • Bah!/Boh!: indica incredulidade, desgusto, desprezo (Bah! Non me fixo caso!) (Boh! Non entendín nada!).
  • Ca!: nega ou indica incredulidade (Ca, nin falar!).
  • Eh!/Ei!: serve para responder a unha chamada ou para chamar a atención de alguén (Ei! Chámame cando chegues!).
  • Ho!: úsase para dirixirse a alguén (Non ho! Desta non pasa).
  • Oi!: indica sorpresa (Oi! Isto non hai quen o aguante!).
  • Vaites!: expresa sorpresa, admiración ás veces con ironía (Vaites, vaites, quen moi ía dicir a min!).

Lectura facilitada

Ah! -Esa foi a resposta de Breixo.

Sabela explicoulle un problema de matemáticas. Con esa palabra, Sabela soubo que Breixo xa entendera todo.

Ás veces usamos sons. Ás veces usamos palabras moi curtas. Estas palabras chámanse interxeccións.

As interxeccións expresan emocións, reaccións e sentimentos. Tamén serven para chamar a atención. As interxeccións non cambian. Sempre se escriben igual.

Algunhas interxeccións son:

  • Ah!: cando entendes algo.
  • Ai!: cando che doe algo ou estás triste.
  • Ala!: para animar ou mostrar sorpresa.
  • Bah! / Boh!: cando algo non che gusta ou non o cres.
  • Ca!: para dicir que non.
  • Eh! / Ei!: para chamar a atención.
  • Ho!: para falar con alguén.
  • Oi!: cando algo sorprende.
  • Vaites!: cando algo chama moito a atención.

Apoio visual

Interxeccións - Nube de palabras

Conversa de interxeccións

Le o seguinte texto extraído de Begoña Muñoz Saa, María Xesús Sarmiento Macías, Serafín Alonso Pintos (2004), Expresión escrita. Editorial Xerais (ISBN: 84-972-111-4):

A: Ah!
B: Que pasa?
A: Puf!
B: Tampouco é para tanto, é só unha arañeira. Anda, entremos.
A: Ca!
B: Pois queda aí, eu vou mirar o que hai dentro.
A: Ei!
B: Xa dicía eu que eras un cagarolas. Mira, a porta está aberta. Vai ti diante.
A: Oh!
B: Quen o diría! Isto é como a cova de Alí Babá! Veña, enchamos os petos.
A: Eh?
B: Ti fai o que queiras pero eu vou arrepañar todo o que poida.
A: Vaites! Vaites!
B: Eu serei o que sexa pero ti es parvo. Que ben me vai vir esta caixa!
A: Ala!
B: Canto máis leve menos terei que traballar. Colle ti este anel e lévallo á moza...
A: Bah!
B: Haste tirar dos pelos cando me vexas nadando na abundancia mentres ti segues emporcallado na miseria.
A: Boh! Boh! Boh!
B: Xa case está... que foi ese ruído?
A: Ui! Ui! Ui!n
B: Cala, rediola!
A: Uf!
B: Demo de gato!

Agora ti!

Viches que o personaxe B só contesta con interxeccións. Pois ben, terás que reconstruír as posibles respostas de B para completares o texto.

Unha vez que as teñas grava cunha compañeira ou compañeiro o texto resultante. Ponlle ganas e coida a entoación!!!

Ei! Sei onde hai máis

Duración: 15 minutos.  Agrupamento: 3 – 5 persoas.

Como ves as interxeccións son parte da vida. Por iso aparecen na literatura de todas as linguas, sobre todo na banda deseñada ou cómic.

Seguro que na túa biblioteca tes unha selección de cómics ou de banda deseñada na que podes procurar diferentes enunciados onde aparezan interxeccións. Xunto co teu grupo de traballo busca 5 en que aparezan diferentes interxeccións e cópiaas no teu caderno. Serán parte do reto final. Anota tamén o significado que achegan.

Lectura facilitada

As interxeccións úsanse todos os días. Aparecen nos libros. Aparecen moito nos cómics.

Busca cómics na biblioteca.

Traballa co teu grupo.

  • Busca 5 frases con interxeccións.
  • Cópiaas no caderno.
  • Escribe o que significa cada unha.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)