A biblioteca extraordinaria do Castelo de Gledamoar

Escoita con atención este fragmento que escribiu Carlos López na súa novela Expedición Tilovante. Editorial Galaxia, 2017. (ISBN 978-84-9151-052-9). A continuación responde as preguntas.
De todos os lugares que se poden describir, imos centrarnos na biblioteca pois é o que nos permite viaxar e coñecer outros mundos diferentes que tamén podes imaxinar, contar e describir.
Accede á transcrición do audio
Fragmento de Carlos López na súa novela Expedición Tilovante.
A biblioteca do Castelo de Gledamoar tiña fama de ser a máis extraordinaria de cantas se coñecían. A couza poñíase a ler os libros e esquecíase de comelos, de tan belas como eran as historias narradas neles. Ao longo da súa vida, a raíña fora adquirindo libros ben curiosos.
No seus andeis, a biblioteca de Gledamoar albergaba a novela máis longa xamais escrita. Non chegaba a vida dunha persoa para terminala. O mago Bracalte afanouse en buscar e conseguir o elixir da eterna mocidade só para poder lela enteira, sendo ata o día de hoxe a única persoa en logralo.
Durante anos a raíña cre que lle roubaran unha das súas xoias: o libro máis pequeno do mundo. Non llo roubaran: era tan pequeno que non se vía á primeira ollada e non resultaba fácil localizalo. Foi imposible lelo durante anos; fíxose necesario que o mago Bracalte inventase o microscopio. Unha vez que tras meses de arduo traballo Bracalte o inventou, puxo o libro baixo a lente e leu o título: O príncipe admirado. Abriuno e poñía: Oh! E isto era todo. Bracalte agarrou un enfado tremebundo.
-Pasei meses inventando este cacharro para isto! Maldición!
Pero pasoulle deseguida, porque viu que o microscopio podía ser empregado para moitas outras cousas.
A raíña ía repasando coa súa man o lombo dos seus tesouros de papel e tinta. Tomou un en cuxa portada se lía: Memorias do pirata Barballán. A raíña sorriu, porque este volume tiña unha historia singular. Resulta que no medio dunha das súas abordaxes a un galeón, o pirata Barballán perdeu unha man. Fíxoselle un gancho de ferro forzado; pero a man seguía tendo vida, e agarrou unha pluma de ganso e un tinteiro e dedicouse a escribir as memorias do que fora o seu propietario.
A raíña tiña especial predilección por un libro que, se un tirano o ceibaba á fogueira e o queimaba por completo, o libro rexurdía das súas cinzas.
Outros dos seus favoritos era unha historia de aventuras que lle mercara un rei veciño. Trataba dun cabaleiro que loitaba contra unha serpe de mar xigante. Ao lelo por primeira vez, quedou fascinada. Tanto que á semana seguinte quixo relelo. E comprobou estupefacta que a historia cambiara. Agora trataba dunha princesa de mar que loitaba contra un xigante, o cal cantaba belas cancións a unha serpe e a un cabaleiro. Cada vez que o lía a historia era diferente.
Carlos López, Expedición Tilovante. Editorial Galaxia, 2017. (ISBN 978-84-9151-052-9)