Saltar navegación

1. O programa de noso

 

Glosario

Eureka!

Pictograma de entrar na bañeira.

Definición:

Interxección que se emprega para expresar alegría porque se consegue algo que se buscou moito.

Exemplo:

Eureka! dixo Arquímedes ao entrar na bañeira.

Veterano, -a

Xogadora de bádminton con raqueta e pluma. Tamén hai unha rede

Definición:

Persoa que ten experiencia en algo.

Exemplo:

Levo 5 anos xogando ao bádminton. Son unha veterana.

O programa de Sabela

Nena sentada diante dunha mesa cuns papeis na man e pensando.

Xa é o segundo ano de Sabela no centro e tamén o segundo ano na radio escolar. Como xa é unha veterana, este curso pode dirixir ela mesma un programa. Leva varias semanas escoitando a radio, vendo a televisión e falando con xente para coller ideas.

Tamén falou co seu equipo: Breixo, Daniela e Abdul.

Hoxe Sabela espertou con mellor humor e de súpeto...

Eureka! Xa o teño! Co que me gusta a música e a lectura xa sei como chamalo: Lecturas compartidas!

Cando lle explica ao seu equipo a idea que tivo, todos están de acordo.

Van facer un programa onde se fale de música, de poesía, de libros e das súas historias: divertidas, fantásticas, de medo... Iso vai levar traballo, sábeno, pero están con moitas ganas. Vai saír xenial pero..., por onde empezan? Haberá que lembrar todo o que xa saben e organizarse ben. 

Esa formiguiña que a acompañou estes días comeza a calmarse. Que ben! Un novo curso e un programa por facer! Que meses máis divertidos e entretidos van ter.

Atréveste a facer algo semellante? Queres divertirte e aprender no novo curso?

Hai programas que falan dun escritor ou escritora, e mesmo fan entrevistas; hai programas nos que falan dunha obra específica ou dun xénero literario... Durante os próximos días visitarás bibliotecas, verás portadas de libros, aprenderás un milleiro de cousas que servirán para completar o teu reto final. Pero antes, se queres, podes ver algún exemplo de programas similares.

Lectura facilitada

É o 2.º ano de Sabela no instituto. Tamén leva 2 anos na radio escolar.

Agora xa é unha veterana. Este curso pode facer o seu propio programa.

Durante varias semanas buscou ideas. Escoitou a radio. Viu a televisión. Falou con moitas persoas.

Tamén falou co seu equipo. O equipo está composto por 4 persoas. Sabela, Breixo, Daniela e Abdul.

Un día Sabela  espertou e dixo:
—Eureka! Xa o teño!

A Sabela gústalle a música e a lectura.
Por iso pensou neste nome para o seu programa: Lecturas compartidas.

Explicou a idea ao seu equipo. A todos lles pareceu moi boa.

O programa contará de música, poesía e libros. Tamén contará historias.
Sabela e o seu equipo saben que hai moito traballo.
E ti, atréveste a facer algo parecido?
Queres pasalo ben e aprender neste novo curso?

Hai moitos tipos de programas literarios. A continuación podes ver algúns exemplos.

Aquí tes dous exemplos

Radio escolar

Aquí tes unha mostra de programas de radio escolar.

Envorcado de Pantalla - Radio Escolar da biblioteca do IES de Ribeira.

Programa televisivo

E aquí podes ver un exemplo dun programa televisivo dedicado á literatura.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)