Saltar navegación

3.5. Perda da diversidade

 

Glosario

Autóctono

Unha superficie de cor vermella e unha frecha sinalando esa superficie, indicando aquí.

Definición:

Que ten a súa orixe nun territorio específico, desenvolvéndose de xeito natural contribuíndo ao equilibrio ecolóxico.

Exemplo:

O carballo é unha especie autóctona de Galicia.

Carrizo

Paxaro de cor parda.

Definición:

Paxaro de tamaño pequeno e cor parda.

Exemplo:

O carrizo come moitos insectos.

Cru

Bidón do que sae un líquido negro que é o petróleo.

Definición:

Petróleo sen refinar.

Exemplo:

O cru é unha substancia viscosa cun cheiro moi característico.

Lique

Imaxe dunha especie de manto verde vexetal pegado a unha pedra.

Definición:

Organismo composto pola asociación dunha alga e un fungo.

Exemplo:

O tronco do carballo estaba cuberto de liques.

Píntega

Imaxe dun animal parecido a un lagarto pequeno de cores negra e amarela.

Definición:

Anfibio de cor negra con manchas amarelas.

Exemplo:

A píntega produce unha secreción cutánea como método de defensa.

Catástrofes ambientais

No apartado anterior expúxose a catástrofe do Prestige. Facede unha lectura común do seguinte texto e buscade na rede algunha noticia sobre o acontecido.

A perda da diversidade ocasionada polo afundimento do Prestige tivo grandes consecuencias para o ecosistema mariño e costeiro de Galicia. A vertedura de petróleo contaminou máis de dous mil quilómetros de litoral, afectando gravemente a fauna mariña, as aves migratorias e a flora. Os ecosistemas costeiros quedaron cubertos por unha espesa capa de cru.

Desa ferida aberta, xurdiu un acto de amor colectivo cara a defensa da natureza. As imaxes de aves recubertas de chapapote fican na conciencia de todas as persoas que se achegaron á costa para axudar. 

Ese desastre medioambiental sacudiu os cimentos da sociedade, poñendo a vista na fraxilidade do noso entorno natural e na xestión preventiva de crises ambientais.

Pato cuberto de chapapote tentanto nadar na auga chea tamén de chapapote.

Lectura facilitada

No apartado anterior expúxose a catástrofe do Prestige.

Facede unha lectura común do seguinte texto.

Tamén buscade na rede algunha noticia sobre o acontecido.

Texto:

O afundimento do Prestige tivo terribles consecuencias.

Afectou ao ecosistema mariño e costeiro de Galicia.

Contamináronse máis de dous mil quilómetros de costa.

Danouse a fauna mariña, as aves migratorias e a flora.

Os ecosistemas mariños cubríronse de cru.

Aí xurdiu un acto de amor colectivo de defensa da natureza.

As imaxes da costa e de animais cubertos de chapapote impactaron ás persoas.

Moitas achegáronse á costa para axudar a limpar.

Este desastre medioambiental sacudiu a sociedade.

Recoñecemos a fraxilidade do noso entorno natural.

Recoñecemos a importancia da xestión preventiva de crises ambientais.

Desaparición de especies

A perda de diversidade nos ecosistemas está condicionada fundamentalmente pola acción do ser humano.

A biodiversidade comprende a variedade de animais, plantas e microorganismos que constitúen un ecosistema; pero tamén a diversidade xenética dentro das propias especies. A mingua desta biodiversidade afecta á estabilidade ecolóxica, repercutindo directamente nos recursos que o ser humano dispón da natureza: auga, alimentos e regulación climática.

Causas:

Degradación de hábitats

A deforestación, drenaxe de espazos húmidos e transformación de montes, reducen a capacidade das especies para sobrevivir.

Sobreexplotación de recursos

A caza furtiva, a pesca incontrolada, a minería ilegal e o comercio de animais afectan gravemente á fauna e á flora, promovendo a extinción de especies.

Cambio climático

Altera de xeito negativo a función dos ecosistemas.

Contaminación

Os diferentes tipos de contaminación afectan á saúde da biodiversidade.

Especies invasoras

A introdución de especies non nativas pode desprazar as autóctonas, alterando os ecosistemas.

Lectura facilitada

A perda de biodiversidade ten unha causa fundamental.

Está condicionada pola acción do ser humano.

A biodiversidade comprende a variedade de animais, plantas e microorganismos dun ecosistema.

Tamén comprende a diversidade xenética dentro das propias especies.

A mingua desta biodiversidade afecta á estabilidade ecolóxica.

E repercute nos recursos que o ser humano ten na natureza: auga, alimentos e regulación climática.

Causas:

- Degradación de hábitats.

A deforestación, drenaxe de espazos húmidos e transformación de montes.

Provoca que moitas especies non poidan vivir.

- Sobreexplotación de recursos.

A caza furtiva, a pesca incontrolada e o comercio de animais entre outras.

Promove a extinción de especies.

- Cambio climático.

Altera de xeito negativo a función dos ecosistemas.

- Contaminación.

Afecta á saúde da biodiversidade.

- Especies invasoras.

As especies invasoras poden desprazar ás autóctonas, alterando os ecosistemas.

Visualiza o vídeo

Xa coñeces as causas da perda de biodiversidade no planeta.

  • Visualiza o seguinte vídeo e elabora no caderno dúas listaxes:

a) Consecuencias da perda de diversidade.

b) Solucións e medidas para freala.

Sabías que...

Os vagalumes, pequenos insectos que embelecen as noites estivais, están a piques de desaparecer.

Estes animais cumpren unhas funcións ecolóxicas importantes: son indicadores de ecosistemas sans, controladores biolóxicos de pragas e participan activamente na polinización da contorna. Malia iso, enfróntanse a unha extinción inminente.

O espectáculo natural que prende luz nos montes e campos está desaparecendo a gran velocidade por diversos motivos:

  • A contaminación luminosa, que interfire nos seus sinais de apareamento.
  • O emprego de fertilizantes e pesticidas, que contaminan o solo matando larvas.
  • A deforestación, que destrúe o seu hábitat fomentando a expansión urbana.
  • A contaminación de aire e auga, afectando directamente ao seu ciclo vital.
  • O turismo excesivo, que altera o entorno con luces e ruído.

Seremos a última xeración que verá vagalumes?

Unha luz de cor verde relucente na escuridade

Lectura facilitada

Os vagalumes están a piques de desaparecer.

Son pequenos insectos que embelecen as noites estivais.

Cumpren funcións ecolóxicas importantes.

Son indicadores de ecosistemas sans.

Son controladores biolóxicos de pragas.

Participan na polinización da contorna.

Pero enfróntanse a unha extinción inminente.

O espectáculo natural que prende luz nos montes e campos está desaparecendo.

Motivos:

- A contaminación luminosa que interfire nos seus sinais de apareamento.

- O emprego de fertilizantes e pesticidas que contaminan o solo matando larvas.

- A deforestación que destrúe o seu hábitat.

- A contaminación de aire e auga, afectando directamente ao seu ciclo vital.

- O turismo excesivo que altera o entorno con luces e ruído.

Seremos a última xeración que verá vagalumes?

Invadindo a fraga

Cando regresei á fraga, xa nada era o mesmo. A extensión do monte que lembraba, chea de fentos e liques, nos que se asomaban píntegas e chiaban os carrizos, estaba ateigada de acacias.

Carballo Ventureiro

Carballo nunha bota 

Le os seguintes textos e realiza a actividade:

A mimosa

Fotografía dunha mimosa. Planta de flores amarelas con forma de pequenas bolas.

A mimosa (Acacia dealbata) chegou a Europa no século XIX da man do explorador e científico James Cook. Esta especie é orixinaria de Australia, pero axiña se adaptou ao clima, conquistando coa súa beleza e perfume todos os xardíns.

Trátase dunha árbore de crecemento rápido. Malia que en moitas partes do mundo está naturalizada, en Galicia constitúe unha especie invasora, desprazando as autóctonas en poucos anos. Consome moita auga e acidifica o solo; tamén arde con facilidade propagando incendios.

O acivro

Fotografía das follas, de cor verde escura e con picos e froito redondo e vermello e froito do acivro

O acivro (Ilex aquifolium) medra nas zonas montañosas de Europa. As flores masculinas e femininas nacen en distintas árbores, dando lugar a un froito vermello moi característico. Esta baga é velenosa para o ser humano, porén, serve de alimento a moitas aves na época do inverno, cando as sementes escasean.

Esta árbore recibe outros moitos nomes en galego, que reflicten o bordo espiñento das súas follas. Mesmo os celtas a consideraban unha árbore sagrada, posto que sempre estivo considerada protectora das fragas.

Lectura facilitada

Le os seguintes textos e realiza a actividade:

A mimosa

A mimosa (Acacia dealbata) chegou a Europa no século XIX (século dezanove).

Tróuxoa o explorador e científico James Cook.

A mimosa é orixinaria de Autralia.

Axiña se adaptou ao clima.

Conquistou coa súa beleza e perfume todos os xardíns.

É unha árbore de crecemento rápido.

En Galicia constitúe unha especie invasora.

Consome moita auga e acidifica o solo.

Tamén arde con facilidade propagando incendios.

O acivro

O acivro (Ilex aquifolium) medra nas zonas montañosas de Europa.

As flores masculinas e femininas nacen en distintas árbores.

Ten un froito vermello moi característico.

Esta baga é velenosa para o ser humano.

Pero serve de alimento a moitas aves na época do inverno.

O acivro recibe outros moitos nomes en galego.

Os celtas a considerábana unha árbore sagrada.

Considérase protectora das fragas.

Pequena comprensión lectora

Sinala se son verdadeiras ou falsas as seguintes afirmacións sobre os textos anteriores.

Pregunta 1

  • A mimosa é unha especie autóctona de Galicia.

Pregunta 2

  • A mimosa é unha especie pirófita, isto quere dicir que arde moi rapidamente.

Pregunta 3

  • O acivro posúe na mesma planta flores femininas e masculinas.

Pregunta 4

  • O froito do acivro é velenoso para as aves.

Pregunta 5

  • O explorador James Cook introduciu a mimosa en Europa.

Pregunta 6

  • A mimosa é unha árbore de crecemento rápido.

Pregunta 7

  • Os celtas consideraban o acivro unha árbore sagrada.

Pregunta 8

  • O acivro recibe moitos outros nomes en galego, por exemplo: xardeira, acevedo, cebro, alcivre, espín...

Identificando especies

Árbore na que sae unha especia invasora e un can.

Fíxate na imaxe da esquerda. Que dúas especies de árbores invasoras identificas nela?

Unha especie invasora é un organismo introducido nun ecosistema distinto ao seu, no que se reproduce de xeito indiscriminado, causando danos á biodiversidade. Desprazando especies propias e nativas dun territorio concreto.

Pode tratarse dunha planta, un animal ou outro organismo que se desenvolva fóra da súa área de crecemento natural.

De xeito individual, elabora un pequeno traballo de investigación sobre algunha especie invasora da túa contorna próxima (avespa asiática, cangrexo vermello, herba da pampa, tartaruga americana...). Tenta identificar a orixe, como chegou á península Ibérica e as consecuencias que está xerando.

Podes buscar información a través de diferentes noticias locais ou na listaxe de especies exóticas:

» Noticias sobre diversas especies invasoras na área de Galicia.

» Listaxe de especies exóticas da Unión Europea.

Na seguinte sesión, poñede en común a información recadada, argumentando sobre o necesario coidado dos animais e plantas endémicos.

Lectura facilitada

Fíxate na imaxe.

Bosque con eucaliptos e mimosas

Que dúas especies de árbores invasoras identificas nela?

Unha especie invasora é un organismo introducido nun ecosistema distinto ao seu.

Reprodúcese de xeito indiscriminado.

Causa danos á biodiversidade.

Despraza especies propias e nativas dun territorio concreto.

Pode ser unha planta, un animal ou outro organismo,

que se desenvolva fóra da súa área de crecemento natural.

De xeito individual, elabora un pequeno traballo de investigación.

Investiga sobre algunha especie invasora da túa contorna próxima.

Por exemplo: avespa asiática, cangrexo vermello ou herba da pampa entre outros.

Identificar a orixe.

Identifica como chegou á península Ibérica e as consecuencias que está xerando.

Podes buscar información a través de diferentes noticias locais.

Tamén podes informarte nas seguintes ligazóns:

» Noticias sobre diversas especies invasoras na área de Galicia.

» Listaxe de especies exóticas da Unión Europea.

Despois poñede en común a información recadada.

Argumenta sobre o necesario coidado dos animais e plantas endémicos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)