Saltar navegación

3.3. Desertización

 

Glosario

Aridez

Terreo seco con dúas árbores sen follas.

Definición:

Fenómeno climático que a longo prazo implica déficit de humidade permanente.

Exemplo:

A aridez das terras fai dificultoso o cultivo.

Ecodependencia

Planta, persoa e animal.

Definición:

Relación de dependencia entre os seres humanos e os ecosistemas.

Exemplo:

A explotación excesiva de recursos afecta directamente á ecodependencia.

A desertización

Home nun terreo de seca

Tras un incendio, como o da fraga de Carballo, aumenta o risco de desertización, o terreo fértil convértese nun terreo árido sen materia orgánica. Como consecuencia, o solo degrádase e perde a capacidade de reter auga e nutrientes, o que non permite que vivan as plantas. E sen plantas non hai comida nin osíxeno, e por tanto tampouco animais (ecodependencia).

A desertización pode ser por causas naturais, debido aos cambios climatolóxicos, ou pola actividade humana (sobreexplotación, incendios ou mal uso da auga). 

Pensas que é importante frear a erosión despois dun incendio para axudar a que os carballos sobrevivan? Por que? Como poderías axudar? Comenta co resto da clase. 

A través desta páxina do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico podes consultar a situación en España respecto a este fenómeno (mapa de aridez, mapa de risco de desertificación, causas e efectos) e observar imaxes de diferentes paisaxes afectadas.

Lectura facilitada

Despois dun incendio, como o da fraga de Carballo, aumenta o risco de desertización.

O terreo fértil convértese nun terreo árido sen materia orgánica.

O solo perde a capacidade de reter auga e nutrientes.

As plantas non poden vivir.

Sen plantas non hai comida nin osíxeno.

Por tanto, tampouco poden vivir animais (ecodependencia).

A desertización pode ser por causas naturais, debido a cambios climatolóxicos.

Pero tamén pode ser pola actividade humana: sobreexplotación, incendios e mal uso da auga entre outras causas. 

Pensas que é importante frear a erosión despois dun incendio para axudar a que os carballos sobrevivan?

Por que? Como poderías axudar?

Comenta co resto da clase. 

Nesta páxina do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico podes consultar a situación en España.

Podes ver o mapa de aridez e o mapa de risco de desertización.

Tamén podes observar imaxes de diferentes paisaxes afectadas.

O deserto do Sahara

Mapa desertización do Sahara

Sabías que o deserto do Sahara foi unha sabana hai uns miles de anos?
Nesa época, era unha paisaxe verde con lagos, ríos e vexetación densa. Grazas ás pinturas rupestres atopadas nas covas, sabemos que nela vivían animais como hipopótamos, crocodilos e elefantes.

Este cambio debeuse principalmente a variacións na inclinación do eixe da Terra. Trátase dun proceso cíclico polo que se espera que o Sahara volva a ser verde dentro duns 15.000 anos.

Neste caso é un proceso de desertización natural, a diferenza do que ocorre na actualidade con outras zonas do planeta que sofren a desertización a consecuencia das actividades humanas.

Coñeces algunha? Investiga.

Lectura facilitada

Sabías que o deserto do Sahara foi unha sabana hai uns miles de anos?

Foi unha paisaxe verde con lagos, ríos e moita vexetación.

Alí vivían animais como hipopótamos, crocodilos e elefantes.

Sábese grazas ás pinturas rupestres atopadas nas covas. 

Este cambio debeuse a variacións na inclinación do eixe da Terra.

Trátase dun proceso cíclico.

Espérase que o Sahara volva a ser verde dentro duns 15.000 anos.

Este é un caso de desertización natural.

Outras zonas do planeta sofren a desertización como consecuencia das actividades humanas.

Coñeces algunha? Investiga.

A pegada ecolóxica

Reducindo a nosa pegada ecolóxica podemos evitar que o deserto lle gañe a partida á natureza. Pero, que é a pegada ecolóxica?

pegada ecolóxica é un indicador que serve para medir o noso rastro, é dicir o impacto que as nosas actividades teñen sobre o medio ambiente.

Calcula que cantidade de superficie natural (terra, auga e aire limpo) necesitamos para producir os recursos que consumimos e para absorber os residuos que xeramos. Se consumimos máis rápido do que a Terra pode repoñer, non deixamos que a natureza se rexenere.

Por iso, sendo conscientes da nosa pegada, poderemos camiñar cara a un modelo de vida máis sustentable. Podes calcular a túa pegada a través de calculadoras en liña como a de esta páxina: calculadora pegada ecolóxica. 

Agora que es máis consciente, pensa como podes axudar a frear a desertización reducindo a túa pegada.

Algunhas medidas son:

  • O coidado do monte.
  • Reducir, reciclar e reutilizar.
  • O consumo de proximidade.
  • O aforro de auga.
  • A compostaxe.

En grupo, escollede unha destas medidas e buscade en que consiste. Podedes empregar o seguinte documento como guía, cubríndoo en formato papel ou a través do ordenador. 

» Pegada verde.odt (editable).

» Pegada verde.pdf (nova xanela).

Lectura facilitada

É preciso reducir a nosa pegada ecolóxica.

Así podemos evitar que o deserto lle gañe a partida á natureza. 

Pero, que é a pegada ecolóxica?

É un indicador que serve para medir o noso rastro.

Podemos medir o impacto que as nosas actividades teñen sobre o medio ambiente.

Este indicador mide a cantidade de terra, auga e aire limpo que necesitamos para vivir.

Tamén mide canta natureza se necesita para limpar os residuos que producimos.

Non se pode consumir máis rápido do que a Terra pode repoñer.

É preciso dar tempo para que a natureza se rexenere.

Por iso debemos ter un estilo de vida máis sustentable.

Podes calcular a túa pegada en calculadoras en liña.

Aquí tes un exemplo: calculadora pegada ecolóxica.

Como podes axudar reducindo a túa pegada ecolóxica?

Algunhas medidas son:

- O coidado do monte.

- Reducir, reciclar e reutilizar.

- O consumo de proximidade.

- O aforro de auga.

- A compostaxe.

En grupo, escollede unha destas medidas.

Buscade en que consiste.

Podedes empregar o seguinte documento como guía.

Cubrídeo en formato papel ou a través do ordenador. 

Os incendios

Paisaxe de montaña con luz de incendio

Como puideches ver na historia do noso protagonista, os incendios forestais son unha das principais causas da desertización. A súa prevención e a detección temperá son fundamentais. 

A AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía) pon a disposición da cidadanía unha páxina co mapa de España onde sinala as zonas en risco de incendios por día.

Observa as imaxes do terreo despois dun incendio nesta páxina de Greenpeace. Despois comenta co resto da clase cales cres que son os impactos dos incendios no medio ambiente e na sociedade.

Poderías dicir algunha medida para frealos ou previlos?

Elabora un pequeno folleto onde recollas ao menos 7 posibles recomendacións. Podes axudarte das pautas de prevención de incendios do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Prácticas responsables

Plantar un carballo hoxe non é só dar vida a unha árbore; é un acto de xenerosidade para as futuras xeracións que buscarán a súa sombra dentro duns anos, evitando que a terra se converta nun deserto.

Pero necesitamos da colaboración de toda a sociedade para garantir unha xestión sostible dos recursos naturais e a conservación do solo.

Imaxina que es o alcalde ou a alcaldesa dun pobo ou cidade onde o solo está morrendo. Escribe no teu caderno que medidas a curto e longo prazo tomarías para protexelo. Axúdate das causas principais da desertización para propoñer posibles solucións.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)