Esta é a historia dun carballo que comezou a camiñar. Pensarás, como unha árbore pode desprazarse? Podería dicirche que nas historias todo pode acontecer, ou ti non les libros de magos? Pero agarda un intre, e saberás do que falo.
Había unha vez unha fraga poboada de árbores: teixos, salgueiros, castiñeiros, acivros... E tamén había unha vez unha guerra, de pobos sen vencedores. A liorta entre as ideas dos homes fixo que o bosque comezara a arder, nunha desas tardes en que o lume decide ser dono do chan.
Ai! Como quedou a fraga! Onde todo era campeiro, pintouse de cinza. Onde as matogueiras escondían coellos, descubriron nus os seus buracos. E as árbores..., negras osamentas engalanando o ceo.
Toda a fraga chorou. E fíxose o silencio.
Soamente un pequeno carballo se mantiña en pé. Rabizado por todas as súas costas, agás nunha póla que sostiña unha landra.
Naquel mesmo tempo, unha bota vella cansa de seguir os pasos da guerra liscou dos pés dun soldado. Chea de terra e medo, escondeuse na sombra do carballo. Alí aconteceu a maxia: a última landra da árbore caeu no interior da bota.
O tempo encheu de lendas, auga e soños os dous protagonistas do conto. E ao chegar a primavera, eran xa un único personaxe. Do interior daquel calzado engurrado medrara unha planta moi ben feitiña: o Carballo Ventureiro!
Dende entón, van xuntos enchendo os camiños de árbores e as árbores de contos.
Elaboración propia (Proxecto cREAgal). Texto baseado no libro: Moure, Anxo (2012). O carballo con botas. Sotelo Blanco.