Saltar navegación

3. O camiño da paz

 

Glosario

Larpeiro

Cara dun neno relambéndose ao mirar varias larpeiradas

Definición:

Que lle gustan os doces.

Exemplo:

Era tan larpeiro que lambía a cunca do chocolate.

Tinguir

Rapaza cambiando a cor do pelo de castaño a amarelo

Definición:

Impregnar dunha determinada cor ou carácter.

Exemplo:

Pensou en tinguir a roupa de negro para acudir á cea.

Vagalume

Debuxo dun vagalume, insecto que pode emitir luz

Definición:

Insecto pequeno que emite luz na escuridade.

Exemplo:

Os vagalumes non sobreviven nas cidades.

Negros e brancos

Elefante en branco e negro

Hai moito tempo, todos os elefantes do mundo eran negros ou brancos. Fermosos animais tinguidos de noite e de neve. 

Amaban a todos os animais, dende o vagalume máis pequeno ata o merlo máis larpeiro. Pero entre eles odiábanse. Por este motivo, cada un mantíñase no seu lado da selva. Non querían compartir nin o azul do ceo, nin a sombra das árbores.

Pero un día, os elefantes negros coma a noite decidiron acabar con todos os elefantes brancos coma a neve. Do mesmo xeito que os elefantes brancos coma a neve decidiron acabar con todos os elefantes negros coma a noite.

Os elefantes que amaban a paz escondéronse no máis profundo da selva. Onde case non chegaba a luz do día nin os chíos dos paxaros.

Comezou unha batalla cruel e longa. O ceo tornouse vermello e murcharon os sorrisos. Os anos pasaban lentos e fríos, esquecendo a primavera. Ata que morreron todos os elefantes negros como a noite e todos os elefantes brancos como a neve.

Durante milleiros de anos non se viron elefantes no mundo.

Pero chegou un día no que os descendentes dos elefantes que amaban a paz saíron do máis profundo da selva. Eran grises!

Dende entón, todos os elefantes viven en paz compartindo o azul do ceo e o abrazo dos atardeceres.

Aínda que, ultimamente... Os elefantes de orellas pequenas e os de orellas grandes míranse dun xeito estraño.

Texto baseado no libro  "Negros e Brancos", de David MacKee.

Colle o teu caderno

No caderno, tenta dar resposta a estas cuestións. Logo, poñédeas en común co resto de compañeiros e compañeiras, facendo un pequeno debate:

  • Cal pensas que é a orixe dunha guerra?
  • Cales son as súas consecuencias?
  • Hai algún motivo que xustifique un conflito?
  • Coñeces algunha situación bélica actual?
  • Que aprendizaxes extraes da historia?
  • Podería aplicarse a situacións da vida escolar?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)