Saltar navegación

1.3. Aves migratorias

 

Glosario

Carrear

Espiral en cor vermella que remata nunha frecha

Definición:

Ter como consecuencia algo negativo.

Exemplo:

A perda da nai sendo moi novo carreoulle moitos problemas persoais.

Na procura de oportunidades

Os desexos de Haruki cando pregaba xornais elaborando as figuras de origami eran un xeito de fuxir da realidade á que non quería enfrontarse.

Sabías que as grúas son aves migratorias? Ao mesmo que as andoriñas, paporroibos, estorniños..., realizan desprazamentos estacionais na procura de mellores condicións climáticas e recursos alimenticios.

Isto mesmo lle sucede ao ser humano. Ao longo da historia, unha serie de casuísticas condicionaron, e condicionan, movementos migratorios que carrearon consigo consecuencias nas persoas que os viviron e na sociedade en xeral.

A seguinte imaxe reflicte un momento da emigración galega:

Home e neno abrazados chorando.

En pequeno grupo, reflexionade sobre que vos transmite a fotografía, tentando dar resposta a estas cuestións:

  • Quen son os protagonistas?
  • Que tipo de parentesco haberá entre eles?
  • Por que pensas que están chorando?
  • Como son os seus xestos?
  • A quen están mirando?
  • Trátase dunha despedida ou dun regreso?

Logo, escenificade esa situación na aula. Que sensación vos transmite?

Na seguinte fase descubrirás máis información sobre este fotógrafo galego: Manuel Ferrol, autor da imaxe anterior.

Lectura facilitada

Haruki facía figuras de grúas de papel con xornais.

Haruki facía estas figuras para non pensar na súa realidade.

As grúas son aves que viaxan para buscar comida e un clima mellor.

As andoriñas e os estorniños tamén fan estas viaxes.

As persoas fan o mesmo que as aves.

Moitas persoas cambian de país para vivir.

Diferentes causas obrigan ás persoas a marchar.

Estas viaxes teñen consecuencias para a sociedade.

Tamén teñen consecuencias para as persoas que viaxan.

A foto ensina a emigración en Galicia.

Formade grupos pequenos para pensar na foto.

Respondede a estas preguntas:

  • Quen son as persoas da foto?
  • Que relación de familia teñen entre eles?
  • Por que pensas que están chorando?
  • Como son os seus xestos?
  • A quen miran estas persoas?
  • É unha despedida ou un regreso?
  • Agora representade esta escena na clase.
  • Pensade que sentides ao facer a escena.

Manuel Ferrol é o fotógrafo que sacou a foto.

Na seguinte fase coñecerás a Manuel Ferrol.

Organización

Os movementos migratorios teñen varias causas. Ninguén deixa atrás o seu país sen xustificación aparente. As guerras, a falta de oportunidades laborais, as catástrofes naturais e a persecución política ou étnica, afectan de xeito distinto ás persoas.

Isto carrea consecuencias de diferente índole:

  • Psicolóxicas: afastarse do lugar onde medras, deixando atrás seres queridos, supón un impacto emocional importante.
  • Económicas: a migración ten varias repercusións tanto no país de orixe como no destino, diminuíndo ou aumentando considerablemente a poboación, xunto coas cualificacións de traballos.
  • Socioculturais: as tradicións, a lingua, a relixión ou o xeito de vida poden ser moi diferentes na sociedade receptora.

Neste sentido, o noso reto ten que ter en conta a importancia de visualizar estes aspectos. A instalación exporá un contido concreto, seguindo un traballo grupal.

Formade cinco grupos, preferentemente os mesmos que no reto anterior. Teredes asignada unha cor, xunto cunha temática específica:

GRUPO 1

GRUPO 2

GRUPO 3

GRUPO 4

GRUPO 5

Pobreza

Violencia de xénero

Multiculturalidade

Explotación laboral

Identidade de xénero

Lectura facilitada

As persoas marchan do seu país por varios motivos.

Ninguén deixa a súa casa sen un motivo importante.

As guerras ou a falta de traballo son motivos comúns.

Outros motivos son os desastres naturais ou as persecucións.

Estas causas afectan moito a todas as persoas.

A migración ten consecuencias de moitos tipos.

Estas son as consecuencias principais:

  • Consecuencias emocionais por estar lonxe da familia.
  • Consecuencias económicas polo cambio no número de habitantes e o cambio nos postos de traballo.
  • Consecuencias sociais polas diferenzas na lingua ou na relixión.

A nosa obra de arte debe ensinar estes problemas.

Agora imos traballar en grupo.

Formade cinco grupos coas mesmas persoas de antes.

Cada grupo ten unha cor e un tema diferente.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)