Saltar navegación

3.4. A liberdade de expresión

 

Glosario

Represalia

Unha persoa, con cara de enfado, ameaza a outra co puño pechado.

Definición:

Resposta vingativa tomada contra alguén por algunha ofensa.

Exemplo:

Non opinou sobre o acontecido por medo ás represalias.

Manifestar unha opinión

Neno con cascos e un cartel de Silencio

A liberdade de expresión é un dos dereitos ameazados na actualidade en varios países, moitas persoas e colectivos vense privadas e privados de expresar e manifestar a súa opinión sobre diferentes temas. Isto implica un dilema moral: alzar a voz para denunciar a súa realidade ou manter silencio para evitar represalias.

Nesta actividade vaste poñer na pel destas persoas. Escoitarás a unha persoa experta falar sobre diferentes fotografías que aparecerán proxectadas na pantalla ou impresas. A única premisa é que non podes falar nin reaccionar de ningún xeito mentres escoitas, por moitas ganas que teñas de expresarte ou de amosar o teu agrado ou desagrado ou calquera outra emoción. Debes permanecer inmóbil ata que remate a exposición.

Lectura facilitada

A liberdade de expresión é un dereito.

Este dereito está en perigo en varios países hoxe en día.

Moitas persoas non poden expresar a súa opinión.

Esta situación crea un dilema moral.

Falar e denunciar a súa realidade ou manter silencio para evitar castigos.

Nesta actividade tes que poñerte no lugar destas persoas.

Vas escoitar a unha persoa experta.

Esta persoa falará sobre varias fotografías.

Estas fotografías proxectaranse na pantalla.

Tamén estarán impresas.

Hai unha norma principal.

Non podes falar.

Non podes reaccionar de ningún xeito.

Pode que teñas ganas de expresarte.

Pode que queiras amosar o teu agrado ou desagrado.

Pode que sintas outras emocións.

Pero debes permanecer inmóbil ata que remate a exposición.

Para finalizar a actividade

Ao finalizar a actividade comenta co resto da clase a resposta a estas preguntas:

  • Tiveches ganas de falar nalgún momento?
  • Por que non falaches se, o que contaba a persoa experta, sabes que non é verdade?
  • Que emocións sentiches ao escoitar as incongruencias entre o que escoitabas e as imaxes?
  • Tiveches que reprimir algunha emoción?
  • Que pensabas sobre a persoa experta a medida que ía falando?

Lectura facilitada

Cando remates a actividade comenta co resto da clase.

Fala sobre estas preguntas:

  • Tiveches ganas de falar nalgún momento?
  • Ti sabes que o que dicía a persoa experta non é verdade.
  • Se non falaches, explica por que.
  • Vías imaxes diferentes ao que escoitabas?
  • Que emocións sentiches nese momento? 
  • Tiveches que reprimir algunha emoción? 
  • Que pensabas sobre a persoa experta mentres falaba?

Debate sobre a liberdade de expresión

Un home moderador e dúas persoas debatendo

Aínda que, grazas ao dereito da liberdade de expresión, se protexe a capacidade de ter opinións propias e poder expresalas, este dereito tamén ten as súas restricións. A nosa liberdade de expresarnos remata onde comezan os dereitos das demais persoas. 

Por exemplo, se cando nos expresamos o facemos con violencia, atacando ou discriminando, a nosa liberdade debería de ser restrinxida, pero como marcar os límites entre ambos os dereitos? Propoñémosvos realizar un debate sobre esta cuestión.

 Liberdade de expresión: sempre ou con restricións?

Formade dous grupos seguindo as indicacións do profesorado.

Antes de comezar, recorda as normas de realización dun debate no seguinte apartado. Despois reúnete co teu equipo e recollede as ideas clave dos posibles argumentos que defendan a vosa postura.

Lectura facilitada

A liberdade de expresión é un dereito.

Este dereito permite ter opinións propias e poder expresalas.

Este dereito tamén ten límites.

A túa liberdade remata onde comeza a das demais persoas. 

Ás veces, as persoas exprésanse con violencia, atacando ou discriminando.

Nestes casos, a liberdade de expresión ten límites.

Como marcar os límites entre os dereitos? 

Imos facer un debate sobre este tema.

  • Liberdade de expresión sempre. 
  • Liberdade de expresión con límites.

Formade dous grupos.

Seguide as indicacións do profesorado.

As normas do debate aparecen no seguinte apartado.

Lembra as normas antes de comezar. 

Despois reúnete co teu equipo.

Recollede as ideas clave.

Preparade argumentos da vosa postura.

Normas dun debate

Os debates serven para intercambiar ideas de forma respectuosa e escoitar outras posturas ou razoamentos sobre un mesmo tema. Non se trata de ganar ou perder nin de competir, senón que o obxectivo é intentar chegar a un punto en común a través do desenvolvemento do pensamento crítico, as habilidades comunicativas, o traballo en equipo e mellora da propia autoestima.

Para que as intervencións sexan ordenadas e todas as persoas participantes poidan ser escoitadas é importante respectar as normas. Recórdaas lendo a imaxe. Se precisas vela máis grande, fai clic sobre ela.

Imaxe con tarxetas que conteñen as normas para o debate

» Normas para o debate.pdf (nova xanela).

Lectura facilitada

Os debates serven para intercambiar ideas.

As persoas deben falar con respecto e escoitar outras opinións.

Un debate non é para ganar.

Un debate non é para perder.

Un debate non é para competir.

O obxectivo dun debate é chegar a acordos e pensar de forma crítica.

O obxectivo dun debate é mellorar a comunicación, o traballo en equipo e a propia autoestima.

Para que o debate sexa ordenado hai normas.

As normas están na imaxe.

Se precisas ver a imaxe máis grande fai clic encima.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)