Preme no vídeo e responde as preguntas no caderno:
Que conta a historia?
Por que pensas que os paxaros pequenos non inclúen o paxaro grande?
Hai algún momento no que identifiques rexeitamento por parte deles?
Sentícheste algunha vez excluído/a?
Actuaches dalgún xeito semellante aos paxariños pequenos con algún compañeiro/a?
Como describirías a personalidade do paxaro grande?
Audio
Iguais e diferentes
Todas e todos somos distintos. Estas diferenzas persoais fan referencia ás características únicas de cada individuo.
Fíxate no protagonista da curtametraxe anterior.
Empregaremos a imaxe dese paxaro para que saibas identificar as diferenzas que o fan único:
Tipos de diferenzas:
Físicas
Aquelas que percibimos a simple vista. Trazos físicos de cada persoa.
É grande en relación ao resto dos paxaros. Ten patas alongadas, peteiro afiado e cor azulada. Amosa plumas na cabeza, que o fan parecer despeiteado.
Psicolóxicas
Relacionadas co comportamento e personalidade.
Gústalle a compañía, séntese ben preto dos demais. É divertido e algo parvo. Parece simpático.
Cognitivas
Inclúen as habilidades en resolución de problemas e variacións de intelixencia.
Sabe resolver conflitos e aprender dos erros, ten ideas claras.
Emocionais
Cada individuo experimenta as emocións dun xeito particular e único.
Non lle importa que non o inclúan, nin se dá conta do rexeitamento que amosan o resto de paxaros cara a el.
Audio
Creamos personalidades
Os trazos distintivos que traballamos neste apartado son os que confiren a personalidade de cada individuo.
Fíxate no seguinte cadro e imaxina como é a persoa que representa.
No caderno, de xeito individual, redacta unha descrición que inclúa diferenzas físicas e psicolóxicas. Posteriormente, deberedes ler os textos, por quendas, para reflexionar en pequeno grupo sobre as distintas percepcións dunha mesma realidade.
Audio
Analizando un cadro
Descubre agora a protagonista do cadro!
Sabías que...
O retrato de Lisa Gherardini, máis coñecida como A Gioconda ou Mona Lisa, é unha obra do pintor Leonardo da Vinci. Está considerado o cadro máis famoso do mundo. E esconde unha serie de misterios que o fan tremendamente especial:
O sorriso. A técnica de pintura empregada por da Vinci (sfumato) crea unha ilusión óptica suavizando os contornos, o que dificulta determinar o estado de ánimo.
A mirada. A obra consérvase sen cellas, malia que se descubriu que desapareceran nos intentos de restauración.
A identidade. Algúns investigadores sinalan a posibilidade de que o rostro sexa máis unha representación idealizada que unha persoa real.
A paisaxe de fondo non se corresponde con ningunha localización precisa.
Lectura facilitada
Este cadro é un retrato.
A persoa do retrato é Lisa Gherardini.
Moita xente coñece este cadro como A Gioconda.
Moita xente tamén o coñece como Mona Lisa.
O autor é Leonardo da Vinci.
Moitas persoas din que é o cadro máis famoso do mundo.
O cadro ten varios misterios que o fan especial.
Estes misterios son:
O sorriso cambia segundo como o miras.
Non é doado saber o seu estado de ánimo.
A mirada.
A figura non ten cellas.
As cellas desapareceron nunha restauración antiga.
A identidade da persoa non está clara.
Algunhas persoas pensan que non é unha persoa real.