As emocións a través da arte
Aristóteles, filósofo grego do século IV a.C., afirmaba que o obxectivo final da arte non é representar a aparencia externa das cousas, senón o seu significado interior.
A arte está totalmente vencellada ás emocións e sentimentos.
De xeito individual, escolle un dos catro cadros seguintes, e realiza no caderno as actividades que o complementan:
Pintando o medo

- Busca información sobre Eduard Munch.
- A través dunha distorsión de figuras, o artista representa a desolación humana: o medo, a angustia, a saudade...
- Actividade "Pintando o medo". Como te sentes ao observar a obra? Pensa nunha situación na que experimentaches medo e represéntaa a través dun debuxo no que te amoses. Non esquezas identificar o espazo, as cores, a túa postura, tamaño...
Se fose un animal

- Busca información sobre Franz Marc.
- A través de cores vivas e rechamantes, o artista plasma a felicidade do amor cara á vida na natureza.
- Actividade "Se fose un animal". Como te sentes ao observar a obra? Pensa nun animal co que te identifiques e debúxao nunha actitude que amose ledicia. Non esquezas identificar o espazo, as cores, a postura, o tamaño...
Escollendo cores

- Busca información sobre Pablo Picasso.
- A "serie azul" de Picasso expón unha sensibilidade especial tras un conflito emocional vivido. A traxedia marca dun xeito singular a tristeza do artista.
- Actividade "Escollendo cores". Como te sentes ao observar a obra? Escolle unicamente dúas cores que representen para ti a pena. Pensa nunha situación na que experimentaches tristura e represéntaa a través dun debuxo no que empregues soamente as dúas cores escollidas.
Calma

- Busca información sobre Claude Monet.
- O artista pasou toda a súa vida na procura da fermosura da natureza, ata que se decatou de que podía atopar todo o universo no seu propio xardín.
- Actividade "Calma". Como te sentes ao observar a obra? Pensa nunha situación que che xere calma e represéntaa a través dun debuxo. Non esquezas identificar o espazo, as cores e os elementos que achegan esa tranquilidade.
Lectura facilitada
Aristóteles é un filósofo grego.
Aristóteles di algo importante.
A arte non serve só para representar o aspecto das cousas.
A arte mostra o que hai dentro das cousas.
A arte relaciónase coas emocións e os sentimentos.
Agora traballas ti.
Escolle un dos 4 cadros.
Despois fai as actividades no caderno.

- Busca información sobre Eduard Munch.
- Este artista usa figuras deformadas.
- Coas figuras mostra emocións.
- Actividade "Pintando o medo".
Pensa como te sentes ao mirar a obra.
Agora pensa nun momento da túa vida no que sentiches medo.
Debuxa esa situación.
No debuxo apareces ti.
No debuxo indica o espazo, as cores, a túa postura e o tamaño.

- Busca información sobre Franz Marc.
- Este artista usa cores moi vivas.
- Coas cores mostra felicidade.
- Actividade "Se fose un animal".
Pensa como te sentes ao mirar a obra.
Agora pensa nun animal co que te identificas.
Debuxa o animal mostrando felicidade.
No debuxo indica o espazo, as cores, a postura e o tamaño.

- Busca información sobre Pablo Picasso.
- Picasso ten unha etapa que se chama serie azul.
- Nesta etapa usa principalmente cores azuis.
- Esta serie nace dunha dor persoal.
- A tristura marca as obras do artista.
- Actividade "Escollendo cores".
Pensa como te sentes ao mirar a obra.
Escolle só dúas cores.
As cores representan a pena para ti.
Agora pensa nun momento da túa vida no que sentiches tristura.
Debuxa esa situación coas cores escollidas.

- Busca información sobre Claude Monet.
- Este artista observa a natureza.
- Monet entende algo importante.
- No seu xardín ve todo o universo.
- Actividade "Calma".
Pensa como te sentes ao mirar a obra.
Agora pensa nun momento que che dá calma.
Debuxa esa situación.
No debuxo indica o espazo, as cores e os elementos que dan tranquilidade.
Audio
Proxecto Thyssen
O Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, xunto coa Universidad Rey Juan Carlos e un hospital, levou a cabo un proxecto de investigación no que fixeron unha análise obxectiva sobre as emocións xeradas a través da contemplación de obras de arte. No seguinte vídeo podes ver como se fixo esta investigación.
Tamén podes acceder aos resultados do estudo: Que obras son as que máis emocionan? Descúbreo.
Lectura facilitada
Hai un proxecto de investigación levado a cabo por tres organismos:
- O Museo Nacional Thyssen-Bornemisza.
- A Universidad Rey Juan Carlos.
- Un hospital.
Nese proxecto faise unha análise.
Esta análise é sobre as emocións que xorden ao ver obras de arte.
No vídeo explícase como se fixo este estudo.
Tamén podes acceder aos resultados do estudo.