Saltar navegación

1.1. Emocionarte

 

Glosario

Lenzo

Cadro dunha paisaxe cun pincel e paleta

Definición:

Tea, xeralmente de liño, que se emprega para pintar sobre ela.

Exemplo:

No taller había moitos lenzos pintados con óleo para a exposición de arte.

Museo de emocións

Lenzo en branco

Cadro en branco con ollos, mans, pernas e pes

Algunha vez escoitaches a expresión "ir feito un cadro"? Pois iso mesmo son eu. Son Lenzo, un lenzo en branco que non sabe onde ir. Estou na procura dun museo que me acepte e comprenda. Todos os que percorrín expuxeron o mesmo: non transmito nada, son un máis dos milleiros de teas de liño que podes mercar en calquera obradoiro. Verás, aprendín que a arte transmite emocións, pero aínda non son quen de identificalas. Axúdasme na transformación?

Lectura facilitada

Algunha vez escoitaches a expresión ir feito un cadro?

Iso mesmo son eu.

Eu son un lenzo en branco.

Busco un museo.

Visitei moitos museos.

En todos me pasa o mesmo.

Din que non transmito nada.

Eu sei algo importante.

A arte transmite emocións.

Pero eu non sei recoñecer emocións. 

Pídoche que me axudes a cambiar.

Esta área, Educación en Valores Cívicos e Éticos, está configurada a través de tres proxectos, que seguen un fío condutor: a creación dun museo. Co desenvolvemento dos retos, configuraremos as obras que darán forma a este espazo, con tres salas definidas (unha para cada reto). 

Neste primeiro proxecto, exporemos cadros dunha temática moi concreta: as emocións. A arte e as emocións camiñan sempre da man.

Pero, que é un museo? A Real Academia da Lingua define un museo como o lugar onde se conservan e expoñen ao público coleccións de obxectos que amosan un interese histórico ou artístico. Polo tanto, existen distintos tipos de museos (arqueolóxicos, históricos, científicos...). Aquí centrarémonos na creación dun museo de arte.

Coñeces algún museo? Bótalle unha ollada a estes!

O personaxe que acabas de descubrir no botón verde, acompañarate ao longo desta viaxe. Será o noso museo o lugar que busca?

Lectura facilitada

Esta materia chámase Educación en Valores Cívicos e Éticos.

Esta materia ten 3 REA.

Os REA seguen unha mesma idea. 

A idea é crear un museo.

Co traballo dos retos creas as obras do museo.

O museo ten 3 salas.

Cada sala corresponde a 1 reto.

Agora estás no primeiro.

Neste REA o tema son as emocións.

Os cadros do museo serán sobre emocións.

Agora pensa no museo.

Un museo é un lugar onde se gardan cousas importantes.

Nun museo expóñense esas cousas importantes ao público.

As cousas poden ter valor histórico ou artístico.

Existen moitos tipos de museos:

  • Museos arqueolóxicos.
  • Museos históricos.
  • Museos científicos.

Aquí traballas cun museo de arte.

Agora pensa ti. 

Coñeces algún museo?

Mira estes museos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)