Competición deportiva na que se disputa o título de campión ou campioa. Pode ser un título individual, de parella ou por equipos.
Exemplo:
Algúns exemplos de campionatos son a UEFA Champions League (fútbol), a liga da NBA (baloncesto), ou Roland Garros (tenis)...
O campionato deportivo
Da teoría á práctica...
Unha vez que creaches xunto ao resto do grupo a nova "especie deportiva", o seguinte paso no LAXEDE é deseñar o escenario onde vai convivir e levarse á práctica: o campionato.
Dependendo do tempo do que dispoñamos e do número de equipos, podemos escoller diferentes xeitos de organizar os encontros.
Aquí tes as tres estratexias principais para que o voso deporte se poña a proba:
Sistema de liga
Todos contra todos: é a opción máis xusta e participativa. Neste formato, cada equipo enfróntase a todos os demais polo menos unha vez. A súa gran vantaxe é que todo o mundo xoga o mesmo número de partidos, o que permite unha experiencia longa e estable. Porén, require moito máis tempo de execución e unha organización máis detallada para levar a conta de todos os puntos.
Sistema de eliminatoria
Quen perda, non xoga máis: é a opción máis rápida e emocionante, ideal para cando o tempo no laboratorio é limitado. Neste sistema, quen perde un partido queda fóra da competición e o gañador / a gañadora avanza á seguinte rolda. O punto forte é a intensidade e o aforro de tempo, pero ten un inconveniente: algúns equipos poderían xogar moi pouco (quizais só un ou dous partidos) se perden ao principio.
Sistema mixto
Modelo combinado de liga e eliminatoria: é a estratexia que mellor equilibra os dous mundos e a que adoitas ver en grandes eventos como os Mundiais. Primeiro organízase unha fase de grupos (estilo liga pequena), onde todos aseguran un mínimo de partidos, e os mellores de cada grupo pasan despois a unha fase final de eliminación ata que só queda un gañador. É flexible e asegura emoción ata o último segundo.
Lectura facilitada
Da teoría á práctica
Xa creaches o deporte.
Agora imos facer o campionato.
Hai varias formas de organizar os xogos.
Aquí están tres opcións:
Liga.
Eliminatoria.
Mixto.
Audio
A practicar!
Agrupamento: por equipos
Agora que xa coñeces os sistemas de campionato posibles, toca poñelos en práctica e organizar un torneo deportivo entre todos. Para iso, como equipo de bioenxeñaría, debedes convertervos en xestores do ecosistema deportivo e tomar as seguintes decisións:
Deseño da competición: debatede no voso grupo que sistema se adapta mellor ao tempo de clase e ao número de equipos. Buscaremos a estabilidade dunha liga, a rapidez dunha eliminatoria ou a emoción dun formato mixto? Lembrade que o obxectivo é que o voso novo deporte se poña a proba da mellor forma posible.
Reparto de roles: para que o torneo funcione como un organismo vivo, cada persoa debe asumir unha función vital. Debaixo destas instrucións, deixámosche algún exemplo das funcións clave que debe haber nun campionato deportivo (aínda que podedes engadir ou quitar segundo prefirades).
Que comece o torneo! Con todo organizado é o momento de empezar o torneo. Cada persoa ás súas funcións! Se hai calquera problema, o profesor ou profesora axudará a sacar adiante o campionato, pero é importante ter todo o máis controlado posible! Se sodes un bo equipo, entre todos os membros poderedes facer un torneo para a lembranza! Ánimo!
Lectura facilitada
Agora imos facer un torneo.
O grupo organiza todo.
Escoller o tipo de torneo: liga, eliminatoria ou mixto.
Repartir roles: cada persoa fai un traballo importante.
Comeza o torneo! Cada persoa fai o seu rol. O profesor axuda se hai problemas.
Audio
Reparto de roles
Arbitraxe: encargaranse de asegurar que se respecten as normas establecidas no regulamento e o xogo limpo.
Xestores/as deportivos/as: encargaranse de controlar o tempo de cada partido, facer os sorteos, anotar os puntos acadados de cada equipo e pasar os datos aos encargados do calendario.
Anotación: encargaranse de ir anotando os resultados na táboa do torneo e organizando as datas, horas e espazo de xogo dos próximos partidos. Se hai imprevistos e algún equipo non pode xogar, deberán ter un plan B.
Loxística: prepararán o espazo de xogo, delimitarán as zonas e terán listos os móbiles e implementos necesarios.
Comunicación: encargaranse de rexistrar os momentos estelares do torneo mediante crónicas, fotos ou vídeos para o arquivo final. Tamén informarán ao resto de equipos das novas sobre o torneo. Antes do comezo do torneo, prepararán carteis promocionais para que a xente se apunte!
Comodíns: son os/as que se aseguran de que todos os roles se están a cumprir á perfección. Se falta algo nalgún ámbito ou algún rol precisa un reforzo, irán na súa axuda.
Animación: para que o torneo teña un bo ambiente, debe de haber xente animando todo o tempo, a todos os equipos. Este rol queda reservado para xente animada e con enerxía. A súa función é que todo o mundo se sinta con motivación e folgos para competir e dar o mellor de si!
"Todoterreo": son os encargados de todo o demais: que premio se lles dará aos gañadores? quen se asegurará de que o espazo deportivo está dispoñible? Todo o que non teña rol asignado, é para os/as todoterrea.
Lectura facilitada
Reparto de roles:
Arbitraxe: Respectar normas.
Xestores/as: Anotar puntos.
Anotación: Organizar partidos.
Loxística: Preparar material.
Comunicación: Fotos e vídeos.
Comodíns: Axudar onde falta.
Animación: Animar equipos.
"Todoterreo": Todo o demais.
Audio
Diario de aprendizaxe
Fase 4 completada e isto está chegando ao seu fin!
Seguro que isto de crear un novo de deporte xa che era familiar, non si? Desta volta non foi só desenvolver un deporte e xogar, senón que tiveches que ir moito máis aló, e iso supón abrir un novo mundo de erros e acertos. É o momento de contalo no teu diario de aprendizaxe:
Explica que é o que máis e o que menos che gustou do deporte que levaches a cabo co teu grupo. Que modificación farías para mellorar ese aspecto que non che gustou?
Como te sentiches realizando os diferentes roles na organización do torneo? Cal foi o teu rol favorito? E o que menos che gustou? Explica brevemente o por que.