Saltar navegación

3. O ADN dos deportes colectivos

Chegou a hora!

Cromosoma 3

Agora que xa refrescaches a túa memoria, é o momento de entrar de cheo no laboratorio. Nesta fase, ti xunto cos teus compañeiros e compañeiras ides aprender os segredos que fan funcionar calquera deporte de equipo.

A través da práctica de diferentes modalidades alternativas, descubrirás como conservar o móbil, como progresar cara á meta e cal é o mellor momento para finalizar con éxito. Estás a piques de obter as pezas clave para completar o teu propio quebracabezas deportivo.

Prepárate para dominar o xogo!

Lectura facilitada

Chegou a hora!

Agora imos ao laboratorio.

Aprenderás co teu grupo os deportes de equipo.

Verás como:

  • Conservar o móbil.
  • Avanzar cara á meta.
  • Finalizar con éxito.

Prepárate para xogar!

O ADN dos deportes colectivos

Xa viches que todos os deportes colectivos, convencionais e alternativos, teñen moitos aspectos en común. Manteñen esa esencia que fai que teñamos momentos onde atacar, para conseguir o obxectivo, alternados con outros momentos onde teñamos que defender. E todo isto baixo a supervisión dun regulamento que temos que cumprir. Pois xa o tes! Acabas de descubrir o ADN dos deportes colectivos.

A (Ataque)

Logo de ataqueFalamos de atacar cando temos a posesión do móbil, que pode ser un balón, un disco voador ou unha pelota xigante, por exemplo.

Cando ataques pode ser que sexas o xogador/a co móbil ou atacante sen o móbil. Cada rol terá os seus obxectivos que sempre buscarán o beneficio do equipo. 

D (Defensa)

Logo da defensa

Falamos de defender cando non temos o móbil e debemos tentar recuperalo.

Pode ser que teñas que defender a persoa atacante co móbil, o que te obrigará a estar moi preto dela, ou a persoa atacante sen o móbil, para o que precisarás saber onde están o teu adversario ou a túa adversaria, o móbil e a portería. 

N (Normativa)

Logo da normativa

A normativa é o regulamento que debemos cumprir para xogar. 

Vai determinar canto tempo se xoga, cantos xogadores/as, que se pode facer ou non facer e cal será a forma de gañar. Incluso regula como debes ir vestido para xogar.

Lectura facilitada

Todos os deportes colectivos teñen cousas en común.

Hai momentos de atacar e de defender.

Todo baixo regras que hai que cumprir.

Xa descubriches o ADN dos deportes colectivos.

Imos centrarnos en:

  • Ataque.
  • Defensa.
  • Normativa.

Os principios dos deportes colectivos

É o mesmo atacar cando estás preto da túa portería ou lonxe? Podes defender igual cando estás preto da túa canastra ou cando o balón está no campo contrario? É mellor pasar ou botar?

Para responder a estas preguntas, que terás que resolver en milisegundos, debes coñecer os principios dos deportes colectivos.

Imos con eles:

Conservación / recuperación do móbil

Logo conservaciónAtaque: debes manter a posesión do móbil cando o tes. Así seredes os únicos membros que poderedes marcar e evitar que vos marquen.

Defensa: debes recuperar o móbil para evitar que vos marquen e poder puntuar vós.

Progresión da xogada / temporización defensiva

Logo progresiónAtaque: debes progresar cara o obxectivo para conseguir marcar e afastarte da túa zona de perigo.

Defensa: debes evitar que avance o teu rival.

Finalización da xogada / bloqueo

Logo finalizaciónAtaque: debes tentar puntuar, ben sexa cun gol, cun pase ou cunha canastra, por exemplo.

Defensa: debes evitar que marque o teu adversario / a túa adversaria cunha parada, unha interceptación ou un tapón, por exemplo.

Lectura facilitada

Atacas igual preto ou lonxe?

Defendes igual preto ou lonxe?

Mellor pasar ou botar?

Para responder, debes coñecer os principios dos deportes colectivos:

  1. Conservación ou recuperación do móbil.
  2. Progresión ou temporización.
  3. Finalización ou bloqueo

Feito con eXeLearning (Nova xanela)