Saltar navegación

1.1. Presentación do reto

 

Glosario

Deporte

Balonmán

Definición:

Actividade física competitiva e con regulamento.

Exemplo:

O seu deporte favorito é o balonmán.

Equipo

Equipo dun deporte

Definición:

Conxunto organizado de persoas que colaboran e interactúan para practicar un deporte específico cun obxectivo común.

Exemplo:

Un equipo de xogadoras de fútbol.

Na procura do ADN do deporte de equipo

Preme no seguinte vídeo e prepárate para descubrir o segredo que cambiará a túa forma de entender o deporte colectivo!

Transcrición do vídeo

Un can, un lagarto, unha quenlla... Todos son animais, pero pouco teñen que ver entre si, non si? En cambio, un pastor alemán e un labrador, aínda sendo diferentes, son recoñecibles como parte dunha mesma familia porque comparten un ADN común: ambos son cans.

Pois no deporte pasa exactamente o mesmo. A competición e o esforzo son comúns a todos, pero a escalada e o fútbol son especies totalmente distintas. Porén, o fútbol, o baloncesto ou o balonmán teñen un ADN moi semellante. Son a gran familia dos deportes colectivos. Coma os cans!

Ben! E se che digo que, se aprendes a descifrar esa esencia común, poderás xogar con éxito a calquera deporte de equipo? Dá igual que sexa un que xa coñezas ou un que aínda estea por inventar. Se entendes a súa esencia, o teu cerebro saberá como actuar sempre.

Dámosche a benvida a este reto no que te converterás en experto/a en xenética deportiva. Prepárate para desbloquear o segredo que se agocha detrás de cada xogada e de cada deporte de equipo.

É o momento de coñecer o ADN dos deportes colectivos!

Lectura facilitada

Un pastor alemán e un labrador son cans.

Teñen o mesmo ADN.

No deporte pasa igual.

Fútbol, baloncesto e balonmán son parecidos, son de equipo.

Todos teñen algo en común.

Se aprendes iso, xogas mellor.

Vas descubrir o ADN dos deportes.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)