Saltar navegación

Salto de lonxitude

Sabías que...?

Ánfora do museo de Roma onde observamos unha persoa saltando cunhas pesas nas mans
  • Na Grecia clásica, o salto de lonxitude era unha das probas máis practicadas. Naquela época, os atletas utilizaban pequenas pesas nas mans e balanceábanas cara adiante para impulsarse e intentar saltar máis lonxe.
  • Os atletas ás veces saltaban acompañados de música, porque crían que o ritmo lles axudaba a coordinar mellor o movemento.
  • Os récords do salto de lonxitude son 8,95 m no masculino (Mike Powell) e 7,52 m no feminino (Galina Chistyakova) e levan décadas sen ser superados.

Lectura facilitada

  • Na Grecia clásica, no salto de lonxitude os atletas usaban pequenas pesas nas mans.
  • Saltaban ao ritmo da música, porque lles axudaba a coordinar o movemento.
  • Os récords do salto de lonxitude levan décadas sen ser superados.

Aspectos técnicos no salto de lonxitude

Pictograma onde unha atleta está realizando un salto de lonxitude

No salto de lonxitude o obxectivo é saltar o máis lonxe posible despois dunha carreira previa.

A persoa atleta colle velocidade nunha pista, impulsa cun pé sobre unha táboa de batida e cae nunha zona de area.

Un salto considérase nulo cando a persoa atleta pisa máis alá da táboa de batida (na plastilina) antes de impulsarse. Tamén pode ser nulo se non realiza a batida cun só pé ou na caída volve cara atrás.

Nas competicións oficiais, cada atleta adoita dispoñer de tres intentos iniciais. As mellores marcas pasan a unha segunda rolda, onde poden realizar tres intentos máis, sumando un total de seis. A clasificación establécese segundo a mellor distancia conseguida.

Está dividido en catro fases: carreira de aproximación, batida, fase de voo e caída ou fase de aterraxe.

Demostración

No seguinte vídeo tes un exemplo de salto de lonxitude no que se indican as fases das que consta:

Carreira

  • Consiste en correr a máxima velocidade posible antes de chegar á táboa de batida, mantendo unha técnica controlada.
  • É fundamental coordinar os pasos e preparar o corpo para o impulso ou batida final.

Batida

  • A batida é o momento no que o ou a atleta impulsa o corpo desde o pé de apoio sobre a táboa para comezar o voo.
  • É a fase clave para transformar a velocidade da carreira en distancia no salto.

Fase de voo

  • O voo é o momento no que o ou a atleta xa está no aire despois da batida.
  • Durante esta fase, é importante controlar o corpo para manter o equilibrio e preparar unha caída segura.

Caída

  • A caída é o último momento do salto, cando o atleta toca a area.
  • O obxectivo é manter o corpo recto e evitar perder centímetros de distancia co movemento das pernas ou brazos cara atrás.

Lectura facilitada

O obxectivo é saltar o máis lonxe posible.

Antes do salto, a persoa atleta corre por unha pista para coller velocidade.

Logo:

  • Impúlsase cun pé sobre unha táboa de batida.
  • Cae nunha zona de area.

Un salto considérase nulo se:

  • O atleta pisa máis alá da táboa antes de impulsarse.
  • Non fai a batida cun só pé.
  • Na caída, volve cara atrás.

Nas competicións oficiais hai:

  • Tres intentos iniciais.
  • Unha segunda rolda, con tres intentos máis.

O salto de lonxitude divídese en catro fases:

  1. Carreira de aproximación.
  2. Batida.
  3. Fase de voo.
  4. Caída ou aterraxe.

Observa o seguinte vídeo:

Saltando sen Límites

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que xa coñecedes as características das probas de salto de lonxitude, é momento de pasar á acción e experimentar na práctica o que significa saltar como verdadeiros e verdadeiras atletas.

  • Tedes dúas sesións para practicar diferentes desafíos e analizar cales poden formar parte das probas máis axeitadas para o proceso de selección do Comité Olímpico Galego que teredes que realizar na Fase 4. 
  • Non vos esquezades de facer o quecemento específico e o estiramento correspondente que deseñastes (ou practicastes, segundo vos tocase) no apartado 3.1.

Desafío 1: "Salto estratéxico"

Pictograma dunha persoa saltando aros á pata coxa

Dentro de cada comisión, organizádevos por parellas cun aro. Un membro da parella será quen salte, mentres o outro terá a misión de colocar o aro a unha distancia que considere axeitada para que o seu compañeiro ou compañeira poida chegar con éxito.

Despois de cada salto, o aro volverá colocarse máis adiante, intentando avanzar ata un punto marcado no menor tempo posible.

Desafío 2: "Misión Relevo Olímpico"

Pictograma con persoas colocadas en filas

Por comisións, colocádevos en filas. O primeiro membro de cada fila lanzará un aro cara adiante, a unha distancia que logo poida cubrir cun salto a pés xuntos. Despois deberá avanzar saltando a pés xuntos ata completar a distancia marcada (15 metros).

Ao chegar ao compañeiro ou compañeira situado enfronte, entregaralle o aro para que repita a mesma acción.

Desafío 3: "Impulso en equipo"

Pictograma dunha persoa realizando un salto cos pés xuntos

Por comisións, cada participante colocarase detrás dunha liña marcada no chan e, desde parado e cos dous pés xuntos, realizará un salto cara adiante sobre o colchón.

Na parte principal do desafío, situarase unha pelota enriba do colchón. Tras o salto, cada integrante deberá golpear a pelota cos pés no momento da caída, intentando enviala o máis lonxe posible. Cada grupo sumará as distancias acadadas pola pelota nos diferentes intentos. 

Desafío 4: "Voo vertical"

Pictograma dunha persoa saltando cos pés xuntos

Por comisións, cada participante realizará unha carreira de aproximación controlada de 3 ou 4 pasos e impulsará cun pé antes dunha liña marcada, intentando aterrar de pé sobre o colchón con equilibrio.

Nunha segunda fase do desafío, colocarase unha goma elástica a determinada altura. Tras a carreira de aproximación e a batida, deberedes intentar superar a goma sen tocala. A altura irá aumentando progresivamente. Cada equipo sumará as alturas superadas polos seus integrantes. 

Lectura facilitada

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que coñecedes o salto de lonxitude, é hora de practicar.

  • Tedes dúas sesións para probar diferentes desafíos.
  • Pensade cales poden formar parte das probas do Comité Olímpico Galego.
  • Non vos esquezades de facer o quecemento e os estiramentos do apartado 3.1.

Desafío 1: "Salto estratéxico"

Dentro de cada comisión, traballade por parellas cun aro.

  • Un membro salta.
  • O outro coloca o aro a unha distancia axeitada.

Despois de cada salto:

  • O aro colócase máis adiante.
  • Hai que avanzar ata un punto marcado o máis rápido posible.

Desafío 2: "Misión Relevo Olímpico"

Por comisións, colocádevos en filas.

  • A primeira persoa lanza un aro cara adiante.
  • Despois avanza saltando cos pés xuntos ata chegar (15 metros).

Cando chega ao outro lado:

  • Entrega o aro ao seguinte compañeiro ou compañeira.
  • Este repite a mesma acción.

Desafío 3: "Impulso en equipo"

Por comisións, cada participante colócase detrás dunha liña.

  • Salta cara adiante cos pés xuntos sobre o colchón.

Despois:

  • Hai unha pelota no colchón.
  • Ao caer, debe golpeala cos pés.
  • Intenta enviala o máis lonxe posible.

O grupo suma as distancias de todos os intentos.

Desafío 4: "Voo vertical"

Por comisións, cada participante:

  • Fai unha carreira curta (3 ou 4 pasos).
  • Impúlsase cun pé antes da liña.
  • Aterra de pé no colchón, mantendo o equilibrio.

Despois:

  • Colócase unha goma a certa altura.
  • Hai que saltar e pasar por riba sen tocala.
  • A altura sobe pouco a pouco.

O equipo suma as alturas superadas por cada participante.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)