É unha barra lixeira que os e as atletas teñen que superar, sen tirala, nas probas de salto de altura.
Exemplo:
A atleta celebrou superar o listón colocado a 2 metros de altura.
Técnica
Definición:
Forma ou método que se usa para facer algo correctamente.
Exemplo:
Coa técnica de Fosbury, o ou a atleta pasa de costas sobre o listón.
Sabías que...?
Na Grecia antiga, as persoas atletas saltaban sobre terra ou area para recibir a caída, non había colchóns como na actualidade.
A técnica máis coñecida, chamada Fosbury flop, foi popularizada por Dick Fosbury nos Xogos Olímpicos de 1968, revolucionando a forma de saltar.
Antes do Fosbury, as persoas atletas utilizaban técnicas como o straddle ou as scissors, saltando de fronte ou de lado o listón.
Lectura facilitada
Na Grecia antiga, os atletas caían sobre terra ou area, non había colchóns.
A técnica máis coñecida é o Fosbury flop, creada por Dick Fosbury nos Xogos Olímpicos de 1968.
Antes do Fosbury, os atletas saltaban de lado ou de fronte.
Audio
Aspectos técnicos do salto de altura
No salto de altura o obxectivo é superar un listón situado a certa distancia do chan sen derrubalo. Para conseguir isto, a persoa atleta combina velocidade na carreira, forza nas pernas e técnica no aire. A caída realízase nun colchón, garantindo seguridade.
Existen diferentes técnicas para pasar o listón, sendo a máis utilizada hoxe o Fosbury flop, na que o ou a atleta salta de costas e arquea o corpo para superar a altura.
Un intento considérase nulo cando o ou a atleta derruba o listón ou non consegue superalo correctamente. Tamén é nulo se despega cos dous pés á vez, xa que a batida debe facerse cun só pé.
No regulamento básico, cada atleta dispón de tres intentos por cada altura. Se non supera esa altura en tres ocasións, queda eliminado ou eliminada. A altura do listón vai aumentando progresivamente e gaña quen consiga superar a maior altura.
Está dividido en catro fases: carreira de aproximación, batida, fase de voo e caída ou fase de aterraxe.
Demostración
No seguinte vídeo tes un exemplo de salto de lonxitude no que se indican as fases das que consta:
Carreira
A persoa atleta corre cara ao listón mantendo velocidade e control, preparando o corpo para o impulso final.
A carreira debe ser regular e constante para que o salto sexa efectivo.
Batida
É o momento no cal a persoa atleta apoia o pé de batida e transforma a velocidade da carreira en altura.
É importante coordinar forza, equilibrio e postura para levantar o corpo sen tocar o listón.
Fase de voo
Durante o voo, o corpo pasa por riba do listón.
Na técnica do Fosbury flop, a persoa atleta arquea as costas e leva a cabeza e as pernas de forma coordinada para superar a altura.
Caída
É o momento de tocar o colchón.
A persoa atleta debe caer de costas ou lateralmente, mantendo o corpo controlado, para evitar tocar o listón e aproveitar ao máximo a altura conseguida.
Lectura facilitada
O obxectivo do salto de altura é pasar un listón sen derrubalo.
A técnica máis usada hoxe é o Fosbury flop.
No Fosbury flop sáltase de costas arqueando o corpo.
A caída faise nun colchón para maior seguridade.
Un salto é nulo se:
Se derruba o listón.
A batida non é cun só pé.
Cada atleta ten tres intentos por altura.
Se non supera a altura, queda eliminado.
O salto ten catro fases:
Carreira.
Batida.
Voo.
Caída.
Observa o seguinte vídeo:
Audio
Voando por enriba do listón
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Agora que xa coñecedes as características das probas de salto de altura, é momento de pasar á acción e experimentar na práctica o que significa saltar como verdadeiros e verdadeiras atletas.
Tedes dúas sesións para practicar diferentes desafíos e analizar cales poden formar parte das probas máis axeitadas para o proceso de selección do Comité Olímpico Galego que teredes que realizar na Fase 4.
Non vos esquezades de facer o quecemento específico e o estiramento correspondente que deseñastes (ou practicastes, segundo vos tocara) no apartado 3.1.
Desafío 1: "Curva perfecta"
Por comisións, o desafío consiste en correr debuxando unha espiral no chan, intentando que cada volta sexa máis pechada sen perder coordinación nin ritmo. A ver cal é o equipo que consegue realizar a espiral máis pequena mantendo orde e sincronización.
Variante: colocaranse aros formando un círculo no chan. Cada comisión deberá correr apoiando un pé dentro de cada aro, mantendo a traxectoria curva e sen pisar fóra.
Desafío 2: "Salto cooperativo"
Dentro de cada comisión, organizádevos por parellas correndo da man. Desde unha carreira de aproximación frontal, intentaredes saltar o listón sen tocalo, intentando superar a maior altura posible.
Variante: agora a dinámica é máis complexa, todos os membros da comisión deben ir agarrados das mans e realizar a carreira de aproximación xuntos/as. O obxectivo segue sendo superar o listón sen derrubalo.
Desafío 3: "Voo ao revés"
Dentro de cada comisión, organizarédesvos por parellas e situarédesvos de costas ao colchón e intentaredes superar o listón ou goma elástica sen tocalo. Cada equipo sumará as alturas superadas cos menores intentos posibles.
Variante: agora o desafío engade precisión. Colocaredes unha pelota entre os pés e, ao saltar de costas sobre ao colchón, deberedes lanzala cara atrás, intentando que percorra a maior distancia posible.
Desafío 4: "Toque vertical"
Por comisións, cada participante realizará unha carreira de aproximación controlada de 3 ou 4 pasos e impulsará cun pé antes dunha liña marcada, intentando aterrar de pé sobre ao colchón con equilibrio.
Nunha segunda fase do desafío, colocarase unha goma elástica a determinada altura. Tras a carreira de aproximación e a batida, deberedes intentar superar a goma sen tocala. A altura irá aumentando progresivamente. Cada equipo sumará as alturas superadas polos seus integrantes.
Lectura facilitada
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Agora que coñecedes o salto de altura, é hora de practicar.
Tedes dúas sesións para probar diferentes desafíos.
Pensade cales poden formar parte das probas do Comité Olímpico Galego.
Non vos esquezades de facer o quecemento e os estiramentos do apartado 3.1
Desafío 1: "Curva perfecta"
Por comisións, o desafío é correr facendo unha espiral no chan.
Cada volta debe ser máis pequena.
Hai que manter o ritmo e a coordinación.
A ver que equipo fai a espiral máis pequena sen perder a orde.
Variante:
Colócanse aros en círculo no chan.
Hai que correr pisando dentro de cada aro.
Non se pode pisar fóra.
Desafío 2: "Salto cooperativo"
Dentro de cada comisión, traballade por parellas collidos da man.
Facedes unha carreira curta cara ao listón.
Intentade saltar sen tocalo.
O obxectivo é superar a maior altura posible.
Variante:
Toda a comisión vai collida das mans.
Fai a carreira xunta.
Intentade superar o listón sen derrubalo.
Desafío 3: "Voo ao revés"
Dentro de cada comisión, traballade por parellas.
Colocádevos de costas ao colchón.
Intentade saltar o listón ou a goma sen tocalo.
O equipo suma as alturas superadas con poucos intentos.
Variante:
Colocade unha pelota entre os pés.
Saltade de costas sobre o colchón.
Lanzade a pelota cara atrás o máis lonxe posible.
Desafío 4: "Toque vertical"
Por comisións, cada participante:
Fai unha carreira curta (3 ou 4 pasos).
Impúlsase cun pé antes dunha liña.
Aterra de pé sobre o colchón mantendo o equilibrio.
Segunda fase:
Colócase unha goma a certa altura.
Tras a carreira e a batida, hai que pasar por riba sen tocar a goma.
A altura vai aumentando pouco a pouco.
O equipo suma as alturas superadas por todos os e as participantes.