Saltar navegación

Remudas

 

Glosario

Descualificar

Pictograma dunha tarxeta vermella.

Definición:

Expulsar a un deportista por non cumprir as regras.

Exemplo:

A corredora deixou caer o testemuño fóra da zona e o equipo foi descualificado da proba.

Portador/a

Pictograma dun cilindro.

Definición:

Persoa que leva o testemuño durante a carreira.

Exemplo:

O corredor portador levaba o testemuño na man dereita.

Receptor/a

Pictograma dunha atleta correndo nun pista de atletismo

Definición:

Persoa que recibe o testemuño do compañeiro ou compañeira durante a proba.

Exemplo:

A atleta receptora recibiu o testemuño na zona de entrega.

Sabías que...?

Fotografía onde se ve a dúas atletas entregando a testemuña nunha carreira de velocidade
  • As remudas fixéronse populares nos Xogos Olímpicos modernos, cando se incluíu a proba de 4 × 100 metros.
  • A técnica de entrega non visual, na que as persoas non se miran, comezou a usarse nos anos 30 e segue sendo a máis efectiva.
  • As remudas son as probas onde o estadio estalla en entusiasmo, xa que o público vive cada entrega do testemuño como un momento de máxima tensión.

Lectura facilitada

  • As remudas fixéronse populares nos Xogos Olímpicos modernos.
  • A primeira proba olímpica de remudas foi a de 4 × 100 metros.
  • A técnica máis usada é a entrega non visual, na que as persoas non se miran.
  • As remudas son emocionantes, porque o público vive cada entrega do testemuño con moita tensión.

Correndo en equipo

Pictograma onde aparecen dous atletas pasándose o testemuñoAs remudas son carreiras de velocidade nas que un grupo de atletas traballan xuntos/as para percorrer a distancia total, pasando un testemuño de man en man.

O obxectivo non é só correr rápido, senón coordinarse e sincronizar os movementos do equipo.

Lectura facilitada

As remudas son carreiras de velocidade en equipo.

  • Cada atleta percorre unha parte da distancia.
  • Pasan un testemuño de man en man.

O obxectivo non é só correr rápido, senón coordinarse e sincronizar os movementos do equipo.

As regras básicas

  • Cada equipo ten catro integrantes que se reparten a distancia total da carreira: Exemplo: 4 × 100 metros.
  • O testemuño debe entregarse dentro da zona de intercambio (mide 20 m de lonxitude), porén o/a receptor/a pode iniciar a súa carreira de aceleración dende unha distancia máxima de 10 metros denominada "pre-zona".
  • Se o testemuño é entregado fóra da zona de intercambio, o equipo queda descualificado.

Lectura facilitada

Cada equipo ten catro integrantes que reparten a distancia total da carreira.

Exemplo: 4 × 100 metros.

  • O testemuño debe entregarse dentro da zona de intercambio (20 m).
  • O/a receptor/a pode comezar a súa carreira na pre-zona (10 m antes da zona de intercambio).
  • Se o testemuño se entrega fóra da zona, o equipo queda descualificado.

A transmisión do testemuño

Existen dúas técnicas para a transmisión do testemuño entre atletas:

Entrega descendente

Fotografía onde se observa a entrega dun testemuño.
  • Tamén se chama "de arriba cara abaixo".
  • O portador ou portadora entrega o testemuño na man do ou da receptora desde arriba.
  • O receptor ou receptora colle o testemuño estendendo o brazo por enriba da cadeira e coa palma da man cara arriba, e os dedos unidos e dirixidos cara o exterior. 

Entrega ascendente 

Fotografía da entrega do testemuño
  • Tamén se chama "de abaixo cara arriba".
  • O portador ou portadora que entrega pasa o testemuño desde abaixo da man do/da atleta receptora.
  • O receptor ou receptora colle o testemuño co brazo semi-estendido atrás, a altura da cadeira e sen rixidez, coa palma da man mirando cara ao chan cos dedos unidos e o polgar separado uns 90º. 

Lectura facilitada

Existen dúas técnicas para pasar o testemuño entre atletas:

Entrega descendente

Esta técnica tamén se chama “de arriba cara abaixo”.

  • O/a portador/a entrega o testemuño desde arriba.
  • O/a receptor/a colle o testemuño: Brazo estendido por riba da cintura.
  • Palma cara arriba.
  • Dedos unidos e apuntando cara fóra.

Entrega ascendente 

Esta técnica tamén se chama “de abaixo cara arriba”.

  • O portador ou a portadora pasa o testemuño desde abaixo da man do receptor.
  • O receptor ou a receptora colle o testemuño: Brazo semi-estendido cara atrás, á altura da cintura.
  • Sen rixidez.
  • Palma mirando cara ao chan.
  • Dedos xuntos e o polgar separado uns 90°.

Sincroniza e corre

Duración: 1 sesión Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que xa coñecedes as características das probas de remudas, é momento de pasar á acción e experimentar na práctica o que significa correr e coordinarse como un verdadeiro equipo olímpico. 

  • Tedes unha sesión para practicar diferentes desafíos e analizar cales poden formar parte das probas máis axeitadas para o proceso de selección do Comité Olímpico Galego que teredes que realizar na Fase 4.
  • Non vos esquezades de facer o quecemento específico e o estiramento correspondente que deseñastes (ou practicastes, segundo vos tocara) no apartado 3.1.

Desafío 1: "Coordinación en cadea"

Pictograma de dúas persoas correndo xuntas

Por comisións colocádevos en fila. Sen desprazarvos, comezaredes realizando o movemento de braceo propio da carreira, mentres pasades o testemuño dun membro a outro, ao sinal da persoa docente e seguindo a orde indicada.

Nunha segunda fase, repetiredes o exercicio, pero agora camiñando polo espazo. O obxectivo será avanzar ata un punto marcado sen que o testemuño caia ao chan.

Desafío 2: "Pano olímpico"

Pictograma de dúas persoas xogando

Dentro de cada comisión, organizádevos por parellas. Un membro colocará un pano nas costas e permanecerá nunha zona marcada no chan, separado a uns 5-6 metros do compañeiro ou compañeira. O compañeiro ou compañeira iniciará unha carreira con velocidade cara á zona marcada. Cando se acerque o compañeiro ou compañeira, quen leva o pano deberá realizar unha saída rápida e tentar chegar á meta sen que lle arrebaten o pano.

Desafío 3: "Zona perfecta"

Pictograma de dúas persoas entregando o testemuño

Por comisións, marcade as zonas de intercambio, separadas 6-8 metros entre si.

O desafío consiste en realizar varias remudas seguidas, conseguindo que o testemuño se entregue sempre dentro da zona, o  receptor ou receptora xa estea en movemento no momento da entrega e non caia o testemuño.

Desafío 4: "Relevo de supervivencia"

Pictograma dun grupo de persoas realizando relevos

Por comisións, marcade no chan unha pista de relevos dividida en zonas para cada integrante do equipo. O obxectivo do reto é superar o percorrido completo como equipo, mantendo todas as entregas correctas, sen que o testemuño caia e coa máxima coordinación posible:

  1. A primeira persoa colócase en posición de 5 apoios. Ao sinal da persoa docente, corre cara á zona do seguinte.
  2. O testemuño só se considera válido se se entrega dentro da zona marcada.
  3. Se alguén falla (o testemuño cae ou se entrega fóra da zona), todo o equipo retrocede á zona inicial e repite esa entrega.

Lectura facilitada

Agora que coñecedes a proba de remudas, é hora de practicar.

  • Tedes dúas sesións para probar diferentes desafíos.
  • Pensade cales poden formar parte das probas do Comité Olímpico Galego.
  • Non vos esquezades de facer o quecemento e os estiramentos do apartado 3.1.

Desafío 1: "Coordinación en cadea"

Por comisións, colocádevos en fila.

Primeira fase:

  • Sen desprazarvos, facedes o movemento de braceo propio da carreira.
  • Pasádevos o testemuño dun membro a outro ao sinal da persoa docente.
  • Seguide a orde indicada.

Segunda fase:

  • Repetide o exercicio camiñando polo espazo.
  • Obxectivo: avanzar ata un punto marcado sen que a testemuña caia ao chan.

Desafío 2: "Pano olímpico"

Dentro de cada comisión, traballade por parellas:

  • Un membro colócase un pano nas costas e permanece nunha zona marcada (5-6 metros do/da compañeiro/a).
  • O compañeiro ou compañeira inicia unha carreira rápida cara á zona marcada.
  • Quen leva o pano debe facer unha saída rápida e intentar chegar á meta sen que lle arrebatan o pano.

Desafío 3: "Zona perfecta"

Por comisións, marcade as zonas de intercambio (separadas 6-8 metros).

O desafío é realizar varias remudas seguidas cumprindo estas regras:

  • O testemuño debe entregarse sempre dentro da zona.
  • O receptor ou receptora debe estar en movemento cando recibe o testemuño.
  • O testemuño non pode caer ao chan.

Desafío 4: "Relevo de supervivencia"

Por comisións, marcade no chan unha pista de relevos dividida en zonas para cada integrante do equipo.

O obxectivo é superar o percorrido completo como equipo, mantendo as entregas correctas:

  • A primeira persoa colócase en posición de 5 apoios.
  • Ao sinal da persoa docente, corre cara á zona do seguinte.
  • O testemuño só é válido se se entrega dentro da zona marcada.
  • Se alguén falla (o testemuño cae ou se entrega fóra da zona), todo o equipo volve á zona inicial e repite a entrega.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)