Xogo de precisión, semellante a outros como o da chave.
Como xogar?
O que precisas
Para xogar precisas:
- Un obxecto cilíndrico duns 50 cm de longo aproximadamente que se chanta no chan e queda en posición vertical. Tradicionalmente usábase un pau de ferro. Este pau ten na base un mecanismo que xira arredor del e que permite establecer 2 circunferencias o que á súa vez permite asignar outras puntuacións menores aos lanzamentos que queden preto, pero que non se introducisen.
- Un obxecto circular e oco no centro, pode ser unha argola. Tradicionalmente usábanse ferraduras ou ferróns.
O espazo de xogo
O espazo de xogo adoita ser un terreo chairo, aberto e normalmente de terra, para poder chantar o pau. Debe ter polo menos uns 15 metros, pois a distancia de lanzamento será de 12 metros.
O desenvolvemento do xogo
O obxectivo do xogo é lanzar a ferradura, co fin de introducila dentro do pau. Cada xogador/a tira a peza ou ferradura 10 veces. A orde de tirada establécese mediante sorteo, antes de comezar a partida.
A puntuación
A puntuación dos lanzamentos será a seguinte:
- 5 puntos polas ferraduras introducidas.
- 2 puntos polas ferraduras que queden a unha distancia dunha cuarta aproximadamente (1ª circunferencia). Tradicionalmente isto medíase co mecanismo que permitía facer a circunferencia ao redor do ferrón.
- 1 punto polas ferraduras que queden a unha distancia de dúas cuartas aproximadamente (2ª circunferencia).
Normalmente xógase por equipos de 2 ou 3 persoas e páctanse con anterioridade un límite de puntos ou un límite de rondas.