Saltar navegación

Xapón

Migramos a Xapón

Imaxe coa bandeira de XapónO Xapón é un país de Asia oriental formado por catro illas principais (Honshu, Hokkaido, Kyushu e Shikoku) e moitas illas menores. A capital é Tokio, unha das cidades máis poboadas e modernas do mundo. A lingua oficial é o xaponés e chama a atención como combinan a tradición e a modernidade.

Coñece máis de Xapón!

Danzas e xogos

Agora que estades en Xapón, imos ver que danzas e xogos podedes representar na emisión de Galegas polo mundo!

Danza: "Bon Odori"

Bon Odori é unha danza tradicional xaponesa que se realiza durante o festival Obon, unha celebración dedicada aos espíritos dos antepasados. O Bon Odori simboliza respecto aos antepasados, a unidade comunitaria e a alegría e é unha das tradicións máis representativas da cultura xaponesa.

Xogo: "Hanetsuki"

O Hanetsuki é un xogo tradicional xaponés que se xoga durante o ano novo. Consiste en golpear un pequeno volante chamado hane cunha pa de madeira chamada hagoita, intentando que non toque o chan. Poden xogar unha ou dúas persoas, e o obxectivo é manter o hane no aire o máximo posible. Cando se xoga de 2 e unha persoa falla recibe unha mancha negra na cara como castigo divertido.

Considérase unha actividade de boa sorte para comezar o ano.

Mulleres niponas xogando ao Hanetsuki

Lectura facilitada

A danza xaponesa proposta chámase Bon Odori.

Realízase durante unha festividade chamada Obon.

Simboliza o respecto aos antepasados.

O xogo xaponés proposto chámase Hanetsuki.

Xógase durante a celebración do ano novo.

Consiste en golpear unha especie de volante chamado hane cunha pa chamada hagoita.

O obxectivo é que o hane non toque o chan.

Pódese xogar de xeito individual ou por parellas.

Ao xogar en parellas, píntaselle unha mancha negra na cara ao xogador que comete un erro no golpeo.

Practica e rexistra

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que xa coñecedes o voso país de destino, toca afondar na súa cultura para logo decidir que ides amosar na emisión do programa. Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país. Non esquezades:

  • Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
  • Ter a man as Fichas de rexistro de danza e xogo estranxeiro (descargástelas no apartado 3.2).

Lectura facilitada

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Xa coñecedes o voso país de destino.

Tócavos afondar na súa cultura.

Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país.

Máis adiante escolleredes cal queredes representar na emisión.

Non esquezades:

  • Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
  • Ter a man as Fichas de rexistro da danza e do xogo estranxeiro (descargadas no apartado 3.2).

Por onde comezar?

Imaxe cunha pista e unha frecha simulando o comezo dunha carreiraXogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza e prestade atención á música.
  2. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  3. Ensaiade os primeiros pasos e a medida que os dominedes ide sumando os seguintes.
  4. Cando xa teñades aprendidos todos os pasos, ensaiade até que dominedes a danza con soltura.
  5. Amosádelle a danza á persoa docente para verificar que está correcta.
  6. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira 

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente para que verifique que está correcto.
  6. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Lectura facilitada

Por onde comezar?

Xogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza.
  2. Prestade atención á música.
  3. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  4. Ensaiade os primeiros pasos.
  5. Ide sumando os seguintes pasos.
  6. Ensaiade a danza completa ata dominala con soltura.
  7. Amosádelle a danza á persoa docente.
  8. Verificade que está correcta.
  9. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira. 

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente.
  6. Verificade que está correcto.
  7. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)