Rusia é o país máis grande do mundo en superficie, situado entre Europa e Asia. A capital é Moscova e a lingua oficial é o ruso que destaca pola escritura cirílica. Ten unha poboación aproximada de 145 millóns de habitantes.
Audio
Coñece máis de Rusia!
Localización xeográfica
Sabías que Rusia ten até 11 fusos horarios diferentes? É o país máis extenso do mundo e considérase un país transcontinental xa que pertence a dous continentes. A parte occidental pertence a Europa, mentres que a parte oriental a Asia.
Variedade de paisaxes
Poderías vivir nun sitio así? Rusia é tan grande que alí existe unha gran variedade de paisaxes. En xeral destaca polo clima frío das súas rexións, con especial mención de Siberia que en inverno ten temperaturas de -20 a -40 graos, podendo chegar a -50 ou -60 graos. O récord está en -71 graos.
A foto é do lago Baikal (Siberia) conxelado.
Arquitectura
Coñeces este edificio? A arquitectura rusa é moi rechamante e variada, dende edificios sobrios e grandes da época soviética a palacios ostentosos ou edificios relixiosos coloridos. Na imaxe podes ver a catedral de San Basilio, en Moscova.
Audio
Danzas e xogos
Agora que estades en Rusia, imos ver que danzas e xogos podedes representar na emisión de Galegas polo mundo!
Danza: "Troika"
A Troika é unha danza tradicional rusa que recibe o seu nome do carro tirado por tres cabalos, típico da cultura rusa. A danza intenta recrear os movementos rápidos e enérxicos dun carro en marcha, combinando pasos alegres, xiros e saltos rítmicos.
Xogo: "Lapta"
É un xogo tradicional ruso de bateo, semellante nalgúns aspectos ao béisbol ou ao crícket. Xógase ao aire libre, normalmente nun campo longo, e participan dous equipos de entre 6 e 12 xogadores/as cada un.
O espazo de xogo é rectangular e ten dúas liñas. A liña chamada kon que é a liña contraria e a liña gorod que é dende onde se executan os bateos.
Un xogador batea unha pelota cun pau tralo servizo dun compañeiro/a. Neste momento as persoas atacantes teñen que correr ata o kon e regresar ao gorod mentres o equipo que defende tenta collelos coa pelota. As persoas atacantes poden decidir correr até o kon e alí pararse sen poder ser eliminadas. No vindeiro bateo intentarán o regreso cara ao gorod co obxectivo de finalizar e acadar os puntos.
Elimínase a unha persoa atacante:
Se a pelota se colle no aire tralo bateo.
Se a persoa atacante é golpeada coa pelota mentres corre.
Se a persoa atacante sae fóra do espazo de xogo.
Gañan 1 punto as persoas que conseguen ir até o kon e regresar ao gorod sen seren tocadas.
O equipo que defende pasa a atacar cando eliminan persoas e non as hai dispoñibles para batear.
Normalmente os encontros duran 1 hora dividida en 2 metades.
Lectura facilitada
A danza rusa proposta chámase Troika.
É unha danza con movementos enérxicos e rápidos.
O xogo ruso proposto chámase Lapta.
É un xogo de bateo semellante ao béisbol.
Participan dous equipos de 6 a 12 persoas.
Unha persoa batea a pelota tralo servizo dun compañeiro/a.
Neste momento tódolos membros dese equipo tratan de cruzar o campo e volver.
Gáñase 1 punto por cada persoa que consiga cruzar e volver.
Se o equipo defensor colle a pelota no aire elimina ao bateador.
Se alguén do equipo defensor consegue tocar coa pelota a un dos atacantes, este queda eliminado.
Se unha persoa atacante sae do espazo, queda eliminada.
Os equipos cambian o rol cando non hai persoas para batear.
Normalmente duran 1 hora dividida en 2 metades.
Audio
Practica e rexistra
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Agora que xa coñecedes o voso país de destino, toca afondar na súa cultura para logo decidir que ides amosar na emisión do programa. Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país. Non esquezades:
Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
Ter a man as Fichas de rexistro de danza e xogo estranxeiro (descargástelas no apartado 3.2).
Lectura facilitada
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Xa coñecedes o voso país de destino.
Tócavos afondar na súa cultura.
Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país.
Máis adiante escolleredes cal queredes representar na emisión.
Non esquezades:
Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
Ter a man as Fichas de rexistro da danza e do xogo estranxeiro (descargadas no apartado 3.2).
Audio
Por onde comezar?
Xogo ou danza?
Tedes que experimentar os 2.
A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.
Dinámica para a danza
Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza e prestade atención á música.
Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
Ensaiade os primeiros pasos e a medida que os dominedes ide sumando os seguintes.
Cando xa teñades aprendidos todos os pasos, ensaiade até que dominedes a danza con soltura.
Amosádelle a danza á persoa docente para verificar que está correcta.
Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira
Dinámica para o xogo
Analizade ben as normas e a dinámica do xogo.
Identificade o material que precisades.
Organizade o material e os equipos.
Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
Amosádelle o xogo á persoa docente para que verifique que está correcto.
Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.
Lectura facilitada
Por onde comezar?
Xogo ou danza?
Tedes que experimentar os 2.
A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.
Dinámica para a danza
Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza.
Prestade atención á música.
Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
Ensaiade os primeiros pasos.
Ide sumando os seguintes pasos.
Ensaiade a danza completa ata dominala con soltura.
Amosádelle a danza á persoa docente.
Verificade que está correcta.
Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira.
Dinámica para o xogo
Analizade ben as normas e a dinámica do xogo.
Identificade o material que precisades.
Organizade o material e os equipos.
Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
Amosádelle o xogo á persoa docente.
Verificade que está correcto.
Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.