Saltar navegación

Portugal

Migramos a Portugal

Imaxe da bandeira de PortugalPortugal é un país do suroeste europeo, localizado na Península Ibérica, cunha longa costa atlántica e cuxa capital é Lisboa. Foi un país moi destacado na coñecida era dos descubrimentos, onde tivo colonias como Brasil, Angola, ou Cabo Verde.

Coñece máis de Portugal!

Danzas e xogos

Agora que estades en Portugal, imos ver que danzas e xogos podedes representar na emisión de Galegas polo mundo!

Danza: "A tía Anica"

A Tía Anica é un baile tradicional portugués, especialmente asociado ás rexións do Alentejo e do Ribatejo. Forma parte do repertorio de festas populares, feiras e celebracións rurais, representando a tradición e o espírito comunitario da cultura portuguesa.

Xogo: "Jogo da malha"

O Jogo da malha é un xogo tradicional de precisión, moi arraigado na cultura rural portuguesa no que os participantes lanzan discos metálicos, chamados malhas, contra o pino ou cravo colocado a certa distancia. O obxectivo é achegar a malha o máis posible ao cravo ou derrubalo.

Desenvolvemento: xógase 1 contra 1 ou en equipos de 2. Delimítase unha liña de lanzamento, desde a que cada persoa debe lanzar. Adoita estar entre 10 e 13 metros do cravo. As persoas participantes lanzan as súas malhas por quendas, intentando acertar no cravo ou achegarse ao máximo. Normalmente lánzanse dúas malhas por quenda. Respecto á puntuación, o máis habitual é:

  • 3 puntos se derrubas o cravo.
  • 1 punto se a túa malha queda máis preto do cravo sen derrubalo. Se unha mesma persoa ten dúas malhas máis preto, gaña 2 puntos.
  • Se unha persoa derruba o cravo e o rival tamén o fai na mesma quenda, adoitan anularse os puntos ou decidir pola proximidade.

Gaña a persoa ou equipo que chega primeiro a un número acordado de puntos, polo xeral 15 ou 21 puntos.

Lectura facilitada

A danza portuguesa proposta chámase Tía Anica.

É un baile tradicional da rexión do Alentejo.

É unha danza alegre propio de feiras e festas populares.

O xogo portugués proposto chámase Jogo da malha.

É un xogo de lanzamento e precisión.

As persoas participantes lanzan discos metálicos chamados malhas contra un cilindro metálico chamado pino ou cravo.

O obxectivo dos lanzamentos é derrubar o pino ou cravo.

Xógase en equipos de 2 ou 1 contra 1.

Lánzase dende unha distancia de 10 metros aproximadamente.

Conseguiredes 3 puntos se derrubades o pino ou cravo.

Conseguiredes 1 punto se, ao final da quenda, a vosa malha quedou máis preto do pino.

Se as 2 malhas máis achegadas ao pino son dunha mesma persoa, esta gaña 2 puntos.

Xógase a 15 ou 21 puntos.

Practica e rexistra

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que xa coñecedes o voso país de destino, toca afondar na súa cultura para logo decidir que ides amosar na emisión do programa. Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país. Non vos esquezades:

  • Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
  • Ter a man as Fichas de rexistro de danza e xogo estranxeiro (descargástelas no apartado 3.2).

Lectura facilitada

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Xa coñecedes o voso país de destino.

Tócavos afondar na súa cultura.

Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país.

Máis adiante escolleredes cal queredes representar na emisión.

Non vos esquezades de:

  • Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
  • Ter a man as Fichas de rexistro da danza e do xogo estranxeiro (descargadas no apartado 3.2).

Por onde comezar?

Imaxe cunha pista e unha frecha simulando o comezo dunha carreiraXogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza e prestade atención á música.
  2. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  3. Ensaiade os primeiros pasos e a medida que os dominedes ide sumando os seguintes.
  4. Cando xa teñades aprendidos todos os pasos, ensaiade até que dominedes a danza con soltura.
  5. Amosádelle a danza á persoa docente para verificar que está correcta.
  6. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira 

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente para que verifique que está correcto.
  6. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Lectura facilitada

Por onde comezar?

Xogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente vos indicará cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza.
  2. Prestade atención á música.
  3. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  4. Ensaiade os primeiros pasos.
  5. Ide sumando os seguintes pasos.
  6. Ensaiade a danza completa ata dominala con soltura.
  7. Amosádelle a danza á persoa docente.
  8. Verificade que está correcta.
  9. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira. 

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente.
  6. Verificade que está correcto.
  7. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)