Kenya é un país de África oriental que se independizou do Reino Unido en 1963 e cuxa capital é Nairobi. Ten gran diversidade étnica e lingüística, co suahili e o inglés como linguas oficiais, pero hai máis de 60 idiomas.
Audio
Coñece máis de Kenya!
Localización xeográfica
Kenya é un país situado no leste de África (África oriental) e cuxa capital é Nairobi.
Corredores e corredoras de Kenya
Sabías onde están as mellores corredoras do mundo? Kenya destaca deportivamente polo dominio dos seus corredores e corredoras nas probas de carreiras de longa distancia.
Guerreiros masai
Coñeces os guerreiros masai? Os masai son unha das tribos orixinarias máis coñecida de Kenya, dedícanse tradicionalmente ao pastoreo e son moi coñecidos polos seus saltos verticais. En Kenya existen máis de 40 grupos étnicos diferentes.
Audio
Danzas e xogos
Agora que estades en Kenya, imos ver que danzas e xogos podedes representar na emisión de Galegas polo mundo!
Danza: "Kwaheri"
Kwaherisignifica adeus en suahili e é unha danza tradicional kenyana usada en despedidas ou festividades. Bailan homes e mulleres en filas ou círculos, con pasos rítmicos, movementos de brazos e xiros, acompañados de cantos e tambores. Simboliza despedida, boa sorte e reforza os lazos sociais.
Xogo: "Mbube Mbube"
Mbube Mbube é un xogo tradicional kenyano de persecución.
As persoas participantes forman un círculo e dúas colócanse no centro cos ollos vendados: o león e o antílope. O león tenta atrapar ao antílope, mentres ambos se moven entre os demais, que berran Mbube, Mbube! Se o león non o atrapa nun minuto, pasa ao círculo e o antílope convértese en león. Outra persoa participante entra como novo antílope e o xogo continúa. Se o león atrapa ao antílope, escóllese outro antílope para seguir xogando.
Mbube significa león en lingua zulú e suahili.
Lectura facilitada
A danza de Kenya proposta chámase Kwaheri.
Bailan homes e mulleres organizados de xeito circular.
Realízanse pasos rítmicos, movementos de brazos e xiros.
Simboliza a despedida e a boa sorte.
O xogo de Kenya proposto chámase Mbube Mbube.
É un xogo de persecución.
As persoas que xogan formarán un círculo.
Dentro do círculo situaranse dúas persoas.
Unha persoa será o león (mbube) e o outro o antílope.
Ambos terán os ollos tapados.
Trala sinal, o mbube terá 1 minuto para atrapar ao antílope.
Se o mbube atrapa ao antílope, cambiarase ao antílope.
Se o mbube non o consegue, o antílope pasa a ser mbube e outra persoa pasa a ser antílope.
No anterior caso, o mbube pasa a formar parte do círculo.
Audio
Practica e rexistra
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Agora que xa coñecedes o voso país de destino, toca afondar na súa cultura para logo decidir que ides amosar na emisión do programa. Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país. Non esquezades:
Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
Ter a man as Fichas de rexistro de danza e xogo estranxeiro (descargástelas no apartado 3.2).
Lectura facilitada
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Xa coñecedes o voso país de destino.
Tócavos afondar na súa cultura.
Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país.
Máis adiante escolleredes cal queredes representar na emisión.
Non esquezades:
Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
Ter a man as Fichas de rexistro da danza e do xogo estranxeiro (descargadas no apartado 3.2).
Audio
Por onde comezar?
Xogo ou danza?
Tedes que experimentar os 2.
A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.
Dinámica para a danza
Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza e prestade atención á música.
Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
Ensaiade os primeiros pasos e a medida que os dominedes ide sumando os seguintes.
Cando xa teñades aprendidos todos os pasos, ensaiade até que dominedes a danza con soltura.
Amosádelle a danza á persoa docente para verificar que está correcta.
Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira
Dinámica para o xogo
Analizade ben as normas e a dinámica do xogo.
Identificade o material que precisades.
Organizade o material e os equipos.
Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
Amosádelle o xogo á persoa docente para que verifique que está correcto.
Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.
Lectura facilitada
Por onde comezar?
Xogo ou danza?
Tedes que experimentar os 2.
A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.
Dinámica para a danza
Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza.
Prestade atención á música.
Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
Ensaiade os primeiros pasos.
Ide sumando os seguintes pasos.
Ensaiade a danza completa ata dominala con soltura.
Amosádelle a danza á persoa docente.
Verificade que está correcta.
Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira.
Dinámica para o xogo
Analizade ben as normas e a dinámica do xogo.
Identificade o material que precisades.
Organizade o material e os equipos.
Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
Amosádelle o xogo á persoa docente.
Verificade que está correcto.
Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.