Saltar navegación

Escocia

Migramos a Escocia

Bandeira de Escocia que ten o fondo azul e unha X no centro de cor brancoEscocia é un país que forma parte do Reino Unido. A súa capital é Edimburgo e destaca polas paisaxes montañosas, especialmente as Highlands (Terras Altas), as illas e os lagos como o famoso Lago Ness.

Coñece máis de Escocia!

Danzas e xogos

Danza: "Shetland Wedding"

Shetland Wedding é unha danza tradicional das illas Shetland, un arquipélago situado ao norte de Escocia. É unha danza alegre e chea de simbolismo, que representa o ambiente festivo dun casamento tradicional escocés.

Xogos das Terras Altas

Se vas a Escocia, non podes perder os Highland Games. Estes son encontros tradicionais das Terras Altas de Escocia que combinan deporte, música e cultura. 

Na emisión podedes amosar algún destes 2 xogos:

Tiro de corda (Tug of war)

Tiro de corda (Tug of war): Trátase dun xogo de forza e traballo en equipo, no que dous grupos compiten tirando dende os cabos opostos dunha corda ata conseguir arrastrar ao equipo contrario. Finaliza cando un dos equipos sobrepasa a liña central.

2 equipos enfrontándose tirando da corda.
Pau da preguiza (Maide Leisg)

Pau da preguiza (Maide Leisg): Proba de forza e resistencia onde dúas persoas sentan no chan fronte a fronte, cos pés apoiados un contra a outra e suxeitando un pau de madeira coas mans. O obxectivo é tirar do pau ata conseguir que o rival se erga do chan ou solte a súa presa.

A imaxe amosa a dúas persoas executando o xogo.

Lectura facilitada

A danza escocesa proposta chámase Shetland Wedding.

É tradicional das illas Shetland.

É unha danza alegre e que representa o espírito dos casamentos escoceses.

Respecto aos xogos escoceses debedes escoller un destes xogos:

  • Tiro de corda (Tug of war): 
    • Enfróntanse 2 equipos.
    • Cada equipo colócase nun dos cabos da corda.
    • Ao sinal débese turrar co obxectivo de arrastrar o equipo rival.
    • Remata cando un equipo supera a marca sinalada no centro.
  • Pau da preguiza (Maide Leisg):
    • Enfróntanse dúas persoas competidoras.
    • Colócanse sentadas no chan e cos pés apoiados entre si. 
    • Ámbalas dúas suxeitan un pau.
    • Ao sinal cadaquén turra do pau tratando de arrebatarllo ao rival ou de facer que este se levante do chan.

Practica e rexistra

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que xa coñecedes o voso país de destino, toca afondar na súa cultura para logo decidir que ides amosar na emisión do programa. Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país. Non esquezades:

  • Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
  • Ter á man as Fichas de rexistro de danza e xogo estranxeiro (descargástelas no apartado 3.2).

Lectura facilitada

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Xa coñecedes o voso país de destino.

Tócavos afondar na súa cultura.

Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país.

Máis adiante escolleredes cal queredes representar na emisión.

Non esquezades:

  • Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
  • Ter á man as Fichas de rexistro da danza e do xogo estranxeiro (descargadas no apartado 3.2).

Por onde comezar?

Imaxe cunha pista e unha frecha simulando o comezo dunha carreiraXogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza e prestade atención á música.
  2. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  3. Ensaiade os primeiros pasos e a medida que os dominedes ide sumando os seguintes.
  4. Cando xa teñades aprendidos todos os pasos, ensaiade até que dominedes a danza con soltura.
  5. Amosádelle a danza á persoa docente para verificar que está correcta.
  6. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira.

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente para que verifique que está correcto.
  6. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Lectura facilitada

Por onde comezar?

Xogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza.
  2. Prestade atención á música.
  3. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  4. Ensaiade os primeiros pasos.
  5. Ide sumando os seguintes pasos.
  6. Ensaiade a danza completa ata dominala con soltura.
  7. Amosádelle a danza á persoa docente.
  8. Verificade que está correcta.
  9. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira. 

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente.
  6. Verificade que está correcto.
  7. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)