O noso xeito de bailar
Xa sabes o que é unha foliada, pero… animaríaste a participar nunha? Se es dos e das que se animan, xenial, segue gozando das nosas troulas, pero se es desas persoas ás que lles custa soltarse, hai que poñerlle remedio a iso! Hoxe toca bailar.
Xa coñeces a muiñeira, este ano aprenderás a bailar a xota.
Audio
Orixe da xota
A súa orixe é anterior ao século XVIII. Pénsase que procede de Aragón e Navarra e que chegou a Galicia a través dos segadores e segadoras galegas que volvían de traballar na sega da meseta.
A nivel musical, a xota interprétase de maneira parecida á muiñeira, tanto por grupos de pandeiretas como por gaita e percusión.
Partes da xota
A xota ten tres partes principais:
- Paseo
-
- O paseo é a parte máis tranquila e sinxela.
- Serve para comezar o baile e para que as parellas ou grupos se coloquen e se despracen polo espazo.
- Os pasos son suaves, case sempre camiñados, e non requiren moita técnica.
- Punto
-
- O punto é a parte máis técnica e vistosa do baile.
- Aquí aparecen os pasos máis rápidos e elaborados, con pequenos saltos, voltas e xogos de pés.
- É onde cada bailador/a ou parella amosa a súa habilidade e o estilo da zona xeográfica a que pertenza.
- Volta ou "tablón"
-
- Volta: organízase en forma de círculo e as parellas bailan xirando todas no mesmo sentido.
- Tablón: as parellas bailan enfrontadas, normalmente facendo dúas filas, ou ben nunha especie de taboleiro recto. Un membro da parella avanza cara adiante e outro membro da parella retrocede cara atrás.
Exemplo
Ides ver un vídeo no que se mostran unidas todas as partes dunha xota. Prestade atención para poder mesturar diferentes puntos e crear movementos máis completos e divertidos nos vosos ensaios posteriores.
Audio
Queres saber máis?
A xota galega ten un ritmo ternario (1-2-3 / 1-2-3). Este vai-vén regular é o que lle dá ese carácter vivo e saltado.
Ademais hai dúas variantes moi coñecidas:
- O maneo, que se recoñece porque os pasos van arrastrados.
- O zapateado, onde se remarcan os cambios de cada parte golpeando o chan cos pés.