A Bretaña é unha rexión histórica situada no noroeste de Francia coñecida pola súa forte identidade cultural. Ten raíces celtas así como un idioma propio e tamén destaca pola súa costa escarpada con grandes cantís, praias salvaxes e illas.
Audio
Coñece máis da Bretaña!
Localización xeográfica
A Bretaña está situada no noroeste de Francia, ocupando unha gran península que se adentra no océano Atlántico.
Finistére
Sabías que tamén existe unha Fisterra na Bretaña? Finistère é a zona máis occidental e comparte o mesmo nome que a comarca coruñesa. Ao igual que en Galicia, o seu nome vén do latín Finis Terrae e durante séculos pensouse que esas costas batidas polo Atlántico marcaban o límite do mundo coñecido.
Festival Intercéltico de Lorient
O Festival Intercéltico de Lorient xunta cada ano as chamadas "nacións celtas". Rexións como Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles, Illa de Man, Galicia e Asturias comparten durante 10 días concertos, danzas, deportes e outras actividades culturais vinculadas ás tradicións de orixe celta. Na imaxe podes ver á delegación galega desfilando nunha das edicións do festival.
Audio
Danzas e xogos
Agora que estades na Bretaña, imos ver que danzas e xogos podedes representar na emisión de Galegas polo mundo!
Danza: "An dro"
An dro é unha das danzas tradicionais máis coñecidas da Bretaña, especialmente na zona do oeste (Finistère). O nome significa en bretón “a volta” ou “o xiro”, facendo referencia ao movemento circular ou en cadea do baile.
Xogo: "palet" bretón
Xogo bretón que consiste en lanzar palets, discos de aceiro, sobre unha placa de madeira ou outro material que se chama planche, co obxectivo de deixar o seu palet máis preto do maître ao final da rolda . O maître (mestre) é un disco metálico máis pequeno que se coloca no centro da planche.
Cada persoa participante (ou equipo) dispón dun número igual de palets e lánzase desde unha distancia fixada, normalmente uns 3 metros. Gaña 1 punto quen deixa o seu palet máis preto do maître ao final da rolda e a partida adoita xogarse a 12 puntos. Pódense desprazar os palets da persoa rival e mesmo mover o maître coa forza do lanzamento. Isto engade estratexia ao xogo. Se a consecuencia dun lanzamento, o maître sae fóra da planche, a rolda queda anulada.
O maître será colocado pola persoa que inicia a partida mediante lanzamento e terá 3 intentos para que quede sobre a planche. De non quedar na planche, será unha persoa do equipo contrario quen o intente con outros 3 posibles lanzamentos. Trala colocación do maître, esa persoa lanzará 2 palets máis e a continuación só volverá lanzar en caso de que a persoa ou equipo contrario consiga colocar un palet máis preto. Continuarase con ese criterio até que algún dos equipos remata os palets.
Lectura facilitada
A danza bretoa proposta chámase An Dro.
O seu nome significa volta ou xiro. Está relacionado co movemento circular do baile.
É tradicional da zona oeste chamada Finistère.
O xogo bretón proposto chámase palet bretón.
É un xogo de lanzamento e precisión.
Lánzanse uns discos chamados palets cara a unha placa chamada planche.
O obxectivo é deixar os palets o máis preto posible do maître.
O maître é outro disco algo máis pequeno que se sitúa dende o inicio no centro da planche.
Os lanzamentos fanse dende unha distancia de 3 metros.
Cos palets propios pódense desprazar os dos rivais.
A partida comeza coa colocación do maître.
A persoa que inicia terá 3 lanzamentos para colocar o maître.
Despois de colocar o maître, lanzará 2 palets.
A partir de aí cambiase de quenda cando o rival coloca un palet máis preto do maître.
Audio
Practica e rexistra
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Agora que xa coñecedes o voso país de destino, toca afondar na súa cultura para logo decidir que ides amosar na emisión do programa. Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país. Non esquezades:
Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
Ter a man as Fichas de rexistro de danza e xogo estranxeiro (descargástelas no apartado 3.2).
Lectura facilitada
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Xa coñecedes o voso país de destino.
Tócavos afondar na súa cultura.
Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país.
Máis adiante escolleredes cal queredes representar na emisión.
Non esquezades:
Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
Ter á man as Fichas de rexistro da danza e do xogo estranxeiro (descargadas no apartado 3.2).
Audio
Por onde comezar?
Xogo ou danza?
Tedes que experimentar os 2.
A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.
Dinámica para a danza
Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza e prestade atención á música.
Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
Ensaiade os primeiros pasos e a medida que os dominedes ide sumando os seguintes.
Cando xa teñades aprendidos todos os pasos, ensaiade até que dominedes a danza con soltura.
Amosádelle a danza á persoa docente para verificar que está correcta.
Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira.
Dinámica para o xogo
Analizade ben as normas e a dinámica do xogo.
Identificade o material que precisades.
Organizade o material e os equipos.
Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
Amosádelle o xogo á persoa docente para que verifique que está correcto.
Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.
Lectura facilitada
Por onde comezar?
Xogo ou danza?
Tedes que experimentar os 2.
A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.
Dinámica para a danza
Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza.
Prestade atención á música.
Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
Ensaiade os primeiros pasos.
Ide sumando os seguintes pasos.
Ensaiade a danza completa ata dominala con soltura.
Amosádelle a danza á persoa docente.
Verificade que está correcta.
Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira.
Dinámica para o xogo
Analizade ben as normas e a dinámica do xogo.
Identificade o material que precisades.
Organizade o material e os equipos.
Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
Amosádelle o xogo á persoa docente.
Verificade que está correcto.
Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.