Saltar navegación

1.3. O plan

Os pasos

Ides organizar e participar nunha emisión en directo de Galegas polo mundo!

  • Encargarédesvos de converter a aula nun estudio de televisión para simular conexións con diferentes partes do mundo.
  • Empregaredes danzas e xogos como elementos transmisores da cultura e as tradicións dun lugar.

Antes de comezar, consultade o plan que ides seguir para que todo saia perfecto!

Pasos que cómpre seguir

Pictograma dun grupo de seis persoas 1. Formación de equipos

Traballaredes en equipos de 5-6 persoas, nos que cada un/ha de vós terá unha responsabilidade específica. Formaredes os equipos e repartiredes os roles na Fase 2.

Pictograma de dúas persoas compartindo unha idea (representada por un globo de texto e unha lámpada)2. Exploración de coñecementos previos

Activaredes os coñecementos previos sobre danzas e xogos a través de diferentes actividades ao longo da Fase 2. Isto permitiravos preparar ben as representacións que formarán parte da emisión en directo.

Pictograma dun grupo de persoas bailando en círculo con traxes rexionais.3. Experimentación e selección de contidos

Por grupos, representaredes e participaredes nas principais danzas e xogos galegos e do mundo, recoñecendo os seus elementos principais, a súa música e materiais característicos, o seu modo de representación (individual ou grupal), etc. Logo da experimentación, escolleredes unha danza e un xogo dos que practicastes para representar durante a emisión de Galegas polo mundo! Faredes todo isto ao longo da Fase 3.

Pictograma dunha persoa no control dunha emisión de televisión, sentada con tres pantallas diante4. Organización e deseño da emisión en directo

Para que a emisión sexa un éxito, elaboraredes o seu guión, recompilaredes o material necesario e faredes un pequeno ensaio ao comezo da Fase 4.

Pictograma dunha persoa saíndo por televisión falando a través dun micrófono5. Desenvolvemento da emisión en directo

Dedicaredes unhas sesións a facer as conexións de Galegas polo mundo! simulando vivir nun país estranxeiro dende o que explicaredes á vosa audiencia (a vosa aula) que xogo ou danza galego levastes con vós, ao tempo que compartides unha danza ou xogo do lugar en cuestión. Con esta emisión remata a Fase 4.

Pictograma dunha persoa avaliando un documento cunha lupa e unha puntuación de 96. Reflexión e avaliación

Na Fase 5 faredes un repaso visual de todo o aprendido e valoraredes o voso traballo e o dos compañeiros e compañeiras ao longo de todo o reto. 

Lectura facilitada

    Ides organizar e participar nunha emisión en directo de Galegas polo mundo!

    Facer Galegas polo mundo! implica:

    • Converter a aula nun estudio de televisión.
    • Simular conexións con diferentes partes do mundo.
    • Empregar danzas e xogos para transmitir a cultura e as tradicións dun lugar.

    Aquí tedes o plan que cómpre seguir:

    Pasos que cómpre seguir

     1. Formación de equipos

    • Traballaredes en equipos de 5-6 persoas.
    • Cada un/ha vós terá unha responsabilidade específica.
    • Formaredes os equipos e repartiredes os roles na Fase 2.

    2. Exploración de coñecementos previos

    • Repasaredes danzas e xogos a través de actividades ao longo da Fase 2.
    • Este repaso permitiravos preparar ben a emisión en directo.

    3. Experimentación e selección de contidos

    Ao longo da Fase 3:

    • Representaredes as principais danzas galegas e do mundo.
    • Participaredes en xogos galegos e do mundo.
    • Recoñeceredes os elementos principais das danzas e xogos.
    • Escolleredes unha danza e un xogo dos que practicastes para representar durante a emisión de Galegas polo mundo!

    4. Organización e deseño da emisión en directo

    Ao comezo da Fase 4:

    • Elaboraredes o guión da emisión en directo.
    • Recompilaredes o material necesario.
    • Faredes un pequeno ensaio xeral.

    5. Desenvolvemento da emisión en directo

    Ao final da Fase 4, adicaredes unhas sesións a facer as conexións de Galegas polo mundo!

    Durante as conexións:

    • Simularedes vivir nun país estranxeiro.
    • Representaredes un xogo ou danza galego.
    • Compartiredes unha danza ou xogo estranxeiro.

    6. Reflexión e avaliación

    Na Fase 5:

    • Faredes un repaso visual de todo o aprendido.
    • Valoraredes o voso traballo.
    • Avaliaredes o traballo en equipo. 

    Pasado e presente

    Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

    Ao longo desta situación de aprendizaxe, converteraste en emigrante que leva polo mundo a cultura e a tradición galegas en forma de danza, baile e xogo. Ao mesmo tempo, descubrirás a forma de vivir e sentir doutros pobos e nacións. 

    É posible que algunha destas cuestións che resulten familiares. Ao fin e ao cabo, Galicia foi terra de emigrantes no pasado e, hoxe en día, descendentes deses galegos e galegas emigrados están a retornar á nosa patria en busca das súas raíces.

    Investiga sobre o papel da emigración na túa familia e comparte as túas achegas e reflexións respondendo ás preguntas da Fase 1 no teu diario de aprendizaxe.

    Lectura facilitada

    Converteraste en emigrante que leva as danzas, bailes e xogos galegos polo mundo.

    Descubrirás a forma de vivir e sentir doutros pobos e nacións. 

    Sóache algo isto?

    Investiga sobre o papel da emigración na túa familia.

    Comparte as túas achegas e reflexións no teu diario de aprendizaxe.  

    Deberás responder ás cuestións da Fase 1.

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)