Saltar navegación

3.2. Guantes de boxeo (Forza)

 

Glosario

Isométricos

Manter unha posturaDefinición:

Son os exercicios onde facemos forza, pero sen movernos

Exemplo:

Aguanta na plancha durante 30 segundos

Concéntricos e excéntricos

Músculo que se acortaDefinición:

Son os exercicios de forza onde o músculo aumenta e disminúe de tamaño

Exemplo:

Nunha flexión cando baixamos facemos forza excéntrica e cando subimos concéntrica

Telegrama de Vittalo Motore

[TELEGRAMA ENTRANTE: Bip, bibi-bip, bip, bibi-bip, bip, biiiip...]

Insignia ForzaAXENTE, ATENCIÓN!

Unha das claves para derrotar ao Sedentor reside na forza. Esta é a túa misión inicial: debes dominar as manifestacións, o desenvolvemento e a avaliación da forza ao longo das vindeiras sesións. Só co dominio teórico-práctico deste contido poderás empregalo na batalla final. Ao completar a misión, a Axencia enviarache os GUANTES DE BOXEO!!!

EFECTO: Estes guantes canalizan toda a forza muscular do portador nun único punto de impacto. Cando golpees a Sedentor, os teus ataques serán máis contundentes e penetrarán as súas defensas con facilidade, outorgándoche un aumento no dano crítico.

Executa a misión con determinación! Ánimo!

V. Motore

[FIN DA TRANSMISIÓN]

Lectura facilitada

Insignia ForzaTELEGRAMA ENTRANTE

Debes aprender sobre a forza.

Como recompensa recibirás uns guantes de boxeo.

Coa recompensa poderás facer máis dano con cada golpe ao Sedentor.

Ánimo!

Forza: o motor do teu corpo

A forza é unha das capacidades físicas máis importantes que tes. É, basicamente, a capacidade que teñen os teus músculos para pelexar contra unha carga (un peso extra que suxeitamos, o teu propio corpo, ou mesmo a gravidade).

A ver, hai que ser claros: ter uns músculos fortes non é só cousa de deportistas. A forza é a base para ter unha vida longa e de calidade. Lembras ao Sedentor? Ese bicho que vive na preguiza? Pois o seu obxectivo é que sexas tan frouxo que che custe abrir un frasco, cargar a mochila que levas ao instituto ou mesmo erguerte do sofá. Se non tes forza, o Sedentor gaña.

En resumo, a forza é a unha garantía que temos facer as tarefas do día a día e que resulten moito máis sinxelas.

 

Os tipos de forza (como usas os teus músculos)

Non toda a forza é igual. Usamos os músculos de xeitos diferentes dependendo do que queiramos facer. Segundo como os usemos, podemos distinguir entre:

Forza máxima

É a forza que empregas en situacións nas que precisas toda a túa forza para mover algo que é case imposible de mover. O movemento é lento, e sen descanso, non serás capaz de repetir ese esforzo varias veces.

Exemplo: vas no coche e atopas unha árbore grande que tapa todo camiño, polo que baixas para intentar mover o tronco a unha beira para continuar o teu camiño. Difícil, non si? Terás que usar o 100% da túa forza para logralo, verdade? Neste caso, estarías empregando a túa forza máxima.

Forza explosiva

É a capacidade de facer moita forza á máxima velocidade posible. Aquí non vale só con ser forte, tes que facelo rápido.

Exemplopensa cando xogas a tirarte na piscina, e queres saltar o máis lonxe e alto posible para facer unha bomba. Para que o salto sexa grande non serve só que te impulses forte coas pernas contra o chan, senón que tamén debes facelo con rapidez. Se o impulso coas pernas é a cámara lenta, non saltas. En conclusión, tes que usar a forza explosiva para facer moita forza a moita velocidade.

Forza resistencia

É a forza que che permite facer un exercicio moitas veces sen cansar ou aguantar o esforzo durante moito tempo. A carga é lixeira, pero a loita é contra o tempo e a fatiga.

Exemplo: pensa cando estás de excursión cunha mochila ás costas e toca subir moitas escaleiras ou unha pendente cara arriba. A mochila non ten un peso elevado, pero con cada paso que das tes que esforzarte en levantar o teu corpo máis a mochila. Cando dás os primeiros pasos non son complicados, pero é preciso ter unha boa forza de resistencia para poder estar así durante horas.

Lectura facilitada

A forza é a capacidade dos músculos para mover ou soportar pesos.

Ter forza non é só para deportistas: axuda a vivir mellor e durante máis tempo.

Se non temos forza, actividades sinxelas como cargar a mochila ou erguerse do sofá fanse difíciles.

A forza facilita as tarefas do día a día e mellora a nosa calidade de vida.

Existen tres tipos de forza:

  • Forza máxima: cando precisas toda a forza.
  • Forza explosiva: cando fas a forza á máxima velocidade.
  • Forza resistencia : cando fas a forza mantida durante un tempo.

Apoio visual

Esquema visual que explica os tipos de forza

Cales son as vantaxes de traballar a forza?

Un traballo de forza axeitado vai repercutir na túa saúde da seguinte maneira:

  • Aumenta a estabilidade e o control corporal: Uns músculos fortes permiten manter unha postura correcta, moverse con seguridade e controlar mellor cada movemento.
  • Mellora a capacidade funcional no día a día: A forza facilita tarefas cotiás como levantar peso, subir escaleiras ou cargar bolsas sen fatigarse tanto.
  • Fortalece a conexión corpo–mente: O adestramento de forza require concentración e control técnico, mellorando a consciencia corporal e a coordinación.
  • Potencia o sistema músculo-esquelético: Incrementa a densidade ósea, reforza tendóns e ligamentos e mellora a capacidade do corpo para soportar cargas.
  • Reduce o risco de lesións: Uns músculos fortes protexen as articulacións, melloran o equilibrio e fan o corpo máis resistente ante impactos ou movementos bruscos.
  • Mellora a autoconfianza e o benestar xeral: Sentirse máis forte xera unha maior sensación de autonomía, motivación e autoestima tanto no deporte como na vida diaria.

Lectura facilitada

Beneficios de traballar a forza:

  • Mellora o control do corpo.
  • Facilita tarefas do día a día.
  • Conecta corpo e mente.
  • Fai os ósos e músculos máis fortes.
  • Reduce o risco de lesións.
  • Aumenta a confianza nun mesmo.

Métodos de traballo

Existen diferentes formas de traballar a forza:

  • Exercicios desde posicións variadas (sentado, de xeonllos, tumbado) para activar distintos grupos musculares.
  • Circuítos con cambios de exercicio bruscos (sentadillas, flexións, zancadas, remos) para traballar a forza dinámica e a estabilidade en transicións rápidas.
  • Traballo de forza combinado con habilidade (por exemplo, empurrar balón medicinal e despois realizar un control ou pase) para mellorar forza, coordinación e control corporal.
  • Series progresivas de forza, aumentando pouco a pouco a carga ou a intensidade (peso, resistencia elástica ou dificultade técnica), ata acadar o máximo esforzo controlado.
  • Percorridos curtos con elementos de resistencia (arrastrar obxectos, empurrar picas, transportar pesos lixeiros) para mellorar a forza funcional e a capacidade de aplicar forza en movementos reais.
  • Forza combinada con xogo ou coordinación, como empurrar un balón medicinal lixeiro e despois facer un pase, lanzar e recepcionar ou realizar minixogos que impliquen forza e habilidade.

Lectura facilitada

Formas de traballar a forza:

  • Exercicios en diferentes posicións.
  • Circuítos con varios exercicios seguidos.
  • Forza máis habilidade.
  • Forza con xogos.

Que aprendiches da forza

Le o parágrafo seguinte e escribe as palabras que faltan.

A forza e a muscular veñen a falar do e de como se contrae para soportar un peso, mover unha carga ou, simplemente, para manter a nosa corporal. Grazas ao seu adestramento, os nosos músculos vanse facer máis e fortes e vai incidir moi positivamente no noso estado de .

Cando facemos moita forza falamos de forza , cando a facemos moi rápido falamos de forza e se facemos moito tempo ou moitas veces falamos de forza . Debemos adestrar todas e cada unha para ter un bo e corpo compensado.

Activar JavaScript

A practicar!

Agrupamento: Individual

Instrucións do desafío

Neste desafío debes avanzar 10 metros facendo saltos ou burpees o máis rápido posible. Cronométrate e anota o teu tempo.

Podes escoller o teu nivel de complexidade entre os seguintes:

  1. Saltar horizontalmente cara diante cos pés xuntos.
  2. Facer burpees con unha flexión de cóbados e saltar cara diante cos pés xuntos.
  3. Facer burpees, tres flexións e saltar cara diante cos pés.


Grávate e móstrallo a #017 na clase para que cho valore.

Instrucións do desafío

Neste desafío debes facer agachamentos mentres o globo está no aire. Os tres niveis de dificultade son:

  1. Deixar caer o globo e facer os agachamentos ata que a coxa queda paralela ao chan.
  2. Lanzar o globo cara arriba e facer agochamentos ata que a coxa queda paralela ao chan.
  3. Lanzar o globo e golpealo 5 veces cando caia mentres facemos agochamentos ata que a coxa queda paralela ao chan.

Grávate e móstrallo a #017 na clase para que cho valore.

Instrucións do desafío

Imos traballar o teu CORE. Proba a facer unha plancha lateral mentres golpeas un globo tantas veces como queiras cara arriba sen que caia ou ata que canses.

Os dous niveis que podes tentar son:

  1. Con dous pés apoiados no chan.
  2. Cun pé no chan e o outro levantado no aire facendo a posición de estrela (separar a perna co xeonllo extendido).

Este desafío tamén o podes atopar no adestramento do corpo (control postural).

Grávate e móstrallo a #017 na clase para que cho valore.

A practicar!

Agrupamento: Parellas ou pequenos grupos

Instrucións do desafío

Neste desafío debes quedar con algún compañeiro ou compañeira para facer flexións de cóbados coordinadas do seguinte xeito:

Flexión de cóbados e chocamos a man dereita, flexión de cóbados e chocamos a man esquerda e facede cantas poidades.

Os tres niveis que che propoñemos son:

  1. Facede as flexións cos xeonllos apoiados no chan.
  2. Facede as flexións cos pés apoiados no chan.
  3. Facede as flexións cos pés apoiados no chan e en vez de chocar a man, dádevos un apretón de 5 segundos cada vez.

Grávate e móstrallo ao axente #017 na clase para que cho valore.

Instrucións do desafío

Desta volta tocarache transportar e ser transportado por un compañeiro ou compañeira. Desprázate 5 metros levando a alguén e volvede cambiando o transportador e o transportado. 

Os tres niveis que che propoñemos son:

  1. Transportádevos facendo a posición do cabaliño, un enriba das costas do outro.
  2. Transportádevos facendo o estilo nupcial, collendo ao outro en brazos.
  3. Transportádevos facendo a carretilla.

Grávate e móstrallo ao axente #017 na clase para que cho valore.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)