É un programa informático deseñado para funcionar nun teléfono móbil ou tableta dixital, que permite realizar diferentes tarefas ou actividades.
Exemplo:
A calculadora do móbil é un exemplo de aplicación que todos empregamos algunha vez.
Xogo de mesa
Definición:
Un xogo de mesa é unha actividade lúdica que combina diversión e, moitas veces, aprendizaxe, no que participan unha ou máis persoas seguindo unhas regras establecidas arredor dunha mesa.
Exemplo:
Un exemplo de xogo de mesa é o xogo da oca.
Xogar por xogar: os "party games"
Movido pola curiosidade, o persoal da biblioteca decidiu investigar un pouco máis acerca do Sensa6. Pronto descubriron que se trataba dun xogo de mesa, xa que contaba cun taboleiro, pero non dun xogo calquera, senón dun party game. Como saberedes, este tipo de xogos propón ás persoas xogadoras pequenas probas de habilidade física ou mental, como saltar, adiviñar datos, debuxar ou realizar accións con destreza. Os party games están pensados para xogar de maneira informal, en reunións sociais ou en grupos numerosos, e son ideais para ambientes distendidos, como festas ou actividades na aula.
Algúns party games incorporan tecnoloxía, como é o caso do Sensa6, que conta con varias placas controladoras.
Parece que está na mesma liña de xogos como o Hitster, no que a música e a tecnoloxía se combinan para crear unha experiencia de xogo dinámica, participativa e moi entretida, mediante o uso dunha aplicación móbil que complementa a partida.
Lectura facilitada
O persoal da biblioteca investigou o Sensa6.
Descubriron que é un xogo de mesa.
Descubriron que é un party game.
Os party games teñen probas curtas.
As probas poden ser físicas ou mentais.
Están pensados para xogar en grupo.
Algúns party games usan tecnoloxía.
O Sensa6 ten placas controladoras.
O Sensa6 é un xogo con tecnoloxía.
É parecido a xogos como Hitster.
Audio
Outros tipos de xogos de mesa
Xogos de cartas
Moi presentes na nosa cultura e nas nosas tradicións, os xogos de cartas forman parte do lecer de moitas xeracións. Con toda seguridade, cunha baralla española podes xogar cos teus pais, cos teus avós ou con outras persoas da familia.
Os xogos de cartas adoitan combinar azar, estratexia e toma de decisións, e tamén requiren estar atentos ás cartas que van saíndo durante a partida. Por iso son moi recomendables para desenvolver o razoamento lóxico e a competencia matemática.
Algúns dos xogos máis populares empregan unha baralla propia, como é o caso do Virus! ou do UNO.
Eurogames
Esta categoría inclúe os xogos de mesa con taboleiro, que poden incorporar tamén cartas, fichas, sistemas de puntuación e outros elementos que cómpre xestionar durante a partida. Isto fai que sexan xogos nos que o azar ten menos peso e nos que a estratexia adquire unha maior importancia.
Algúns dos máis coñecidos e innovadores son Carcassonne, no que o taboleiro se vai construíndo a medida que avanza a partida, ou Catán, un dos xogos de mesa máis vendidos e recomendados en todo o mundo.
Cooperativos
Os xogos cooperativos son xogos de diferentes tipos nos que todas as persoas participantes traballan xuntas para superar un reto común. A diferenza doutros xogos nos que cada xogador compite por gañar, nos xogos cooperativos o importante é colaborar, compartir información, tomar decisións en grupo e buscar estratexias que permitan acadar o obxectivo entre todas e todos.
Neste tipo de xogos é fundamental a comunicación, a confianza e a coordinación entre as persoas do equipo. Por iso tamén axudan a desenvolver habilidades sociais como o traballo en grupo, a planificación conxunta e a resolución colectiva de problemas.
Algúns exemplos moi recomendables de xogos cooperativos son The Mind, Hanabi ou A Tripulación, nos que o éxito depende da capacidade do grupo para organizarse e colaborar.
Xogos de rol
Dende a aparición do famoso Dungeons & Dragons, os xogos de rol acadaron unha grande relevancia no mundo do lecer. A diferenza doutros xogos de mesa, neste caso as persoas participantes non só seguen unhas regras, senón que tamén crean e interpretan personaxes dentro dunha historia que vai evolucionando ao longo da partida.
A historia desenvólvese coa guía dunha persoa que exerce como mestra ou mestre do xogo (máster), quen narra as situacións, describe os escenarios e presenta os retos. Mentres tanto, o resto do grupo toma decisións e interpreta as accións dos seus personaxes.
Para xogar utilízanse recursos como un libro de regras, dados de diferentes tipos, fichas de personaxe e, ás veces, mapas ou taboleiros. Con todo, o máis importante é a creación e evolución dos personaxes, que fan que cada partida sexa diferente e que o xogo fomente a imaxinación, a creatividade e a colaboración entre o grupo.
As partidas poden prolongarse durante semanas, meses ou mesmo anos, e ademais, contribúen a desenvolver a competencia lingüística, a imaxinación e a capacidade de narración dos xogadores.
Lectura facilitada
Xogos de cartas
Os xogos de cartas son moi coñecidos.
Moitas persoas xogan ás cartas en familia.
Estes xogos combinan azar e estratexia.
Estes xogos tamén axudan a pensar.
Algúns xogos usan unha baralla propia.
Un exemplo é o UNO.
Outro exemplo é Virus.
Eurogames
Os eurogames son xogos de mesa con taboleiro.
Poden ter cartas, fichas e puntuacións.
Nestes xogos importa moito a estratexia.
O azar ten menos importancia.
Un exemplo é Carcassonne.
Outro exemplo é Catán.
Cooperativos
Nos xogos cooperativos, o grupo xoga unido.
O obxectivo é superar un reto común.
Nestes xogos hai que colaborar.
Nestes xogos hai que falar e organizarse.
Axudan a traballar en grupo.
Algúns exemplos son The Mind, Hanabi e A Tripulación.
Xogos de rol
Nos xogos de rol, cada persoa interpreta un personaxe.
A historia cambia ao longo da partida.
Unha persoa guía o xogo.
Esa persoa explica os lugares e os retos.
O grupo toma decisións durante a historia.
Para xogar úsanse regras, dados e fichas.
Estes xogos desenvolven a imaxinación e a expresión oral.
Audio
Da xogada ao algoritmo
Xogo de tres en raia na pedra da praza do Obradoiro en Santiago de Compostela
Os xogos son tan antigos como a propia humanidade. Están presentes en todas as culturas e en todas as zonas xeográficas, e constitúen unha ferramenta fundamental para o crecemento e o desenvolvemento intelectual do Homo sapiens. A través do xogo aprendemos a socializar, a respectar normas comúns, a desenvolver a linguaxe e a lóxica, así como adquirir ou perfeccionar diferentes habilidades.
Os chamados xogos de mesa permiten compartir momentos de lecer en grupo dun xeito relaxado, mais no que tamén se produce unha aprendizaxe "invisible": non é avaliada formalmente, pero é real. Por exemplo, xogando ás cartas unha persoa desenvolve a súa capacidade de cálculo e de memoria.
Na materia de Educación Dixital isto é especialmente importante, porque xogando tamén practicamos habilidades básicas da programación, como seguir instrucións, aplicar regras e tomar decisións segundo cada situación.
Lectura facilitada
Os xogos existen en todas as culturas.
Os xogos axudan a aprender.
Co xogo aprendemos normas, linguaxe e habilidades.
Os xogos de mesa permiten xogar en grupo.
Os xogos de mesa tamén axudan a pensar.
Xogar ás cartas axuda á memoria e ao cálculo.
En Educación Dixital, xogar tamén é útil.
Ao xogar practicamos regras, instrucións e decisións.
Audio
Que aprendes xogando ao tres en raia?
Para xogar ao tres en raia, tes que coñecer —aínda que sexa de maneira intuitiva— un algoritmo, é dicir, unha serie de pasos ordenados e lóxicos, como os que estudamos en programación, se queres evitar perder.
Se xa non lembras como gañar neste xogo, proba a botar unha partida rápida coa compañeira ou co compañeiro de clase que teñas máis preto. Probablemente terás que repetir a partida varias veces ata descubrir cal é a mellor estratexia.
Lectura facilitada
Para xogar ao tres en raia hai que seguir unha estratexia.
Esa estratexia é un algoritmo.
Un algoritmo é unha serie de pasos ordenados.
Se queres non perder, tes que pensar ben as xogadas.
Se non lembras a estratexia, xoga unha partida.
Quizais teñas que repetir varias veces.
Así descubrirás a mellor forma de xogar.
Audio
Momento de reflexión
Os xogos forman parte da vida do ser humano en todas as culturas e épocas, sendo fundamentais para o seu desenvolvemento. Parácheste algunha vez a pensar na cantidade de cousas que se aprenden xogando? A socializar, a respectar normas ou a desenvolver habilidades como a linguaxe e a lóxica, entre moitas outras.
Reflexiona sobre esta cuestión respondendo as preguntas que atoparás na fase 1 do teu diario de aprendizaxe. A continuación, comparte as túas ideas co resto da clase.