Saltar navegación

Outras funcións

Segue a FUNCIONar!

Levas un tempo traballando con diferentes funcións de LibreOffice Calc. Como sabes, o programa ten outras moitas, entre as que se atopan as funcións de texto e as funcións de follas de cálculo. Precisarás utilizar unha función de cada unha destas categorías no reto. Descubre cal é!

Funcións de texto

As funcións de texto traballan con contido en forma de texto. Empréganse para unir cadeas de texto, para transformar texto en números ou números en texto, para obter parte do texto contido nunha cadea, etc.

A sintaxe das funcións de texto é moi variable. Cada función de texto ten a súa propia, pero moitas seguen unha estrutura parecida a:

=NOMEFUNCIÓN(Texto;Outros)

  • O texto incluído pode servir para ser modificado dalgunha forma, cortando parte, unindo varias cadeas de texto, transformando a outros formatos...
  • Outros poden ser outras cadeas de texto, valores numéricos...

Que campos da base de datos de adestramentos teñen texto? Ocórreseche que se pode facer cos valores deses campos? 

Función CONCATENAR

Os nomes e apelidos dos participantes das probas da base de datos "Adestramentos.ods" son cadeas textuais que pertencen a celas diferentes. Pode ser interesante unir esas cadeas de texto nunha soa. Para iso emprégase a función CONCATENAR. 

A súa sintaxe é:

=CONCATENAR(Texto 1; Texto 2;...)

Cada argumento desa función é unha cadea de texto (Texto 1, Texto 2, etc.), que podes introducir manualmente entre comiñas ou facer referencia ao contido da cela na que se atopa.

Outras funcións

Outras funcións de texto son ESQUERDA ou DEREITA, que nos permiten obter os primeiros ou últimos caracteres dun texto, por exemplo, para obter a inicial dun nome.

Exemplos

Exemplo do uso de concatenar para redactar a nota dun alumno en Matemáticas.

Captura de calc co uso da función CONCATENAR

Funcións de folla de cálculo

As funcións de folla de cálculo permiten obter referencias e información sobre a localización e contido de celas, rangos, filas ou columnas dentro da folla de cálculo.

A sintaxe das funcións de folla de cálculo é moi variable, pero adoitan levar como argumentos matrices ou vectores, que son conxuntos ordenados de datos. No caso de matrices, en filas e columnas, e no caso de vectores nunha fila ou unha columna. Tamén adoitan empregar algunha referencia.

=NOMEFUNCIÓN(Referencia;Matriz;Outros)

Función PROCV

No reto ides empregar a función PROCV, que serve para buscar un valor na primeira columna dunha táboa e devolver un dato asociado doutra columna da mesma fila.

A súa sintaxe é:

=PROCV(Dato_buscado;Rango_onde_buscar;Número_columna;Procura_aproximada)

- Dato_buscado é o valor que se desexa localizar na primeira columna do Rango_onde_buscar. Podes introducilo manualmente ou como referencia a unha cela, que é o recomendable se queres automatizar unha procura.

Rango_onde_buscar é a táboa de datos que ten na primeira columna os valores polos que comezamos a procura.

Número_columna é o número de columna do rango que contén o valor que se desexa obter (é o número de columna dentro do rango, indiferentemente de que se trate da columna A, a Z ou calquera outra).

Procura_aproximada é un argumento opcional; se se omite ou é 1 ou VERDADEIRO, a procura será aproximada e seleccionarase a fila que conteña o maior valor menor co buscado. Isto esixe que a táboa estea ordenada na súa primeira columna. Se se especifica 0 ou FALSO a procura será exacta e se non ten éxito devolverá o valor de erro #N/D (Non dispoñible).

A función PROCH funciona de xeito similar, pero substituíndo columnas por filas.

Exemplo

Fíxate como podes empregar a función PROCV para obter a temperatura máxima dun día determinado de agosto de xeito automático. Na cela E2 introdúcese o día que se quere buscar e na E3 sae automaticamente a temperatura.Exemplo do uso da función PROCV

Lectura facilitada

Traballaches xa con varias funcións diferentes de LibreOffice Calc.

O programa ten outras moitas.

Algunhas delas son as funcións de texto e as funcións de follas de cálculo.

Precisarás utilizar unha función de cada unha destas categorías no reto.

Descubre cales son!

Funcións de texto

As funcións de texto traballan con contido en forma de texto.

Poden ter varias funcións:

  • Unir cadeas de texto.
  • Transformar texto en números ou números en texto.
  • Obter parte do texto contido nunha cadea.

A estrutura das funcións de texto é moi variable.

Cada función de texto ten a súa propia, pero moitas seguen unha estrutura parecida a:

=NOMEFUNCIÓN(Texto;Outros)

  • O texto incluído será modificado dalgunha forma: cortando parte, unindo varias cadeas de texto, transformando o texto a outros formatos...
  • Outros poden ser outras cadeas de texto, valores numéricos...

Que campos da base de datos de adestramentos teñen texto?

Que podes facer cos valores deses campos? 

Función CONCATENAR

Os nomes e apelidos dos participantes no ficheiro "Adestramentos.ods" están separados.

Pode ser interesante unir esas cadeas de texto nunha soa. 

Para iso empregase a función CONCATENAR. 

A súa estrutura é:

=CONCATENAR(Texto 1; Texto 2;...)

Cada argumento desa función é unha cadea de texto (Texto 1, Texto 2, etc.).

Podes introducir eses textos de forma manual.

Escribe o texto que queres que apareza entre comiñas.

Tamén podes facer referencia ao contido da cela na que se atopa. Así copias o contido da cela.

Cando se unen as cadeas pode ser preciso encher espazos de forma manual.

Outras funcións

Outras funcións de texto son ESQUERDA ou DEREITA.

Con elas podes obter os primeiros ou últimos caracteres dun texto.

Por exemplo, para obter a inicial dun nome.

Exemplos

Exemplo do uso de concatenar para redactar a nota dun alumno en Matemáticas.

Captura de calc co uso da función CONCATENAR

Funcións de folla de cálculo

As funcións de folla de cálculo permiten obter información dun conxunto de datos.

Por exemplo, se temos os datos dos libros dunha biblioteca, co código de cada libro podemos saber o autor, o título, a editorial e outra información. 

A estrutura das funcións de folla de cálculo é moi variable.

Adoitan levar como argumentos conxuntos ordenados de datos.

Estes conxuntos de datos ordenados poden ser matrices ou vectores.

As matrices son datos ordenados en filas e columnas.

Os vectores son datos ordenados nunha fila ou unha columna.

Tamén adoitan empregar algunha referencia.

=NOMEFUNCIÓN(Referencia;Matriz;Outros)

Función PROCV

No reto ides empregar a función PROCV.

Serve para buscar un valor na primeira columna.

Despois devolve un dato asociado doutra columna da mesma fila.

No exemplo anterior da biblioteca, na primeira columna estaría o código. 

Coa función PROCV buscas o código, e obtés o valor doutra columna: o autor, o título ou outro dato que che interese.

A súa estrutura é:

=PROCV(Dato_buscado;Rango_onde_buscar;Número_columna;Procura_aproximada)

- Dato_buscado é o valor que se desexa localizar na primeira columna do Rango_onde_buscar.

Podes introducilo manualmente ou como referencia a unha cela.

O recomendable é facelo como referencia se queres automatizar unha procura.

Rango_onde_buscar é a táboa de datos na que imos buscar.

Na primeira columna estarán os valores cos que comezarás a procura.

No exemplo da biblioteca estarían os códigos.

Número_columna é o número da columna da táboa da que imos sacar o resultado da función.

No exemplo anterior, se na primeira pode estar o código, na segunda o título e na terceira o autor.

Se queremos obter o autor, terás que poñer 3. Se é o título terás que poñer 2.

Estes números refírense á orde na táboa.

É igual que se trate da columna A, a Z ou calquera outra).

Procura_aproximada é un argumento opcional.

Se non se pon nada ou escribes 1 ou VERDADEIRO, a procura será aproximada.

Seleccionarase a fila que conteña o valor máis próximo por defecto ao buscado.

Para iso a táboa ten que estar ordenada na súa primeira columna.

Se se especifica 0 ou FALSO a procura será exacta.

Se non se atopa o que se busca, a función devolverá o valor de erro #N/D (Non dispoñible).

A función PROCH funciona de xeito similar, pero substituíndo columnas por filas.

Exemplo

Na imaxe vese como podes empregar a función PROCV para obter unha temperatura máxima dun día de agosto de xeito automático.

Na cela E2 introdúcese o día que se quere buscar e na E3 sae automaticamente a temperatura.Exemplo do uso da función PROCV

Adestramento: CONCATENAR

Vas empregar a función CONCATENAR para crear unha frase na que se dea o nome de cada participante co seu sexo e categoría.

Exemplo de resultado para a primeira fila: "JUAN JOSÉ HIDALGO é home e de categoría infantil".

Abre en LibreOffice Calc a folla de datos "Categorias.ods" que fixeches no adestramento de funcións lóxicas e gárdaa co nome "ResumoParticipantes.ods".

A continuación, realiza as seguintes accións:

  1. Crea unha columna para o xénero de cada participante. Para crear a de xénero podes usar unha función SE.
  2. Na primeira columna que quede libre terás que concatenar os textos necesarios para crear a frase: "NOME APELIDO 1 APELIDO 2 é XÉNERO e de categoría NOME DA CATEGORÍA". Fíxate en que hai palabras desa frase que están nas celas (por exemplo o NOME, ou o XÉNERO) pero outras palabras son engadidas (por exemplo "é" ou "e de categoría"). O texto "extra" que non estea nas celas tes que poñelo entre comiñas.
  3. Lembra deixar os espazos necesarios para que non queden palabras pegadas. Por exemplo, entre a cela do nome e a do apelido terá que ir un argumento " " co espazo entre as comiñas.
  4. Aumenta o tamaño da columna do resultado para que a frase non apareza cortada.
  5. Garda o ficheiro como "ResumoParticipantes.ods" no cartafol do teu proxecto.

Lectura facilitada

Vas empregar a función CONCATENAR para crear unha frase por cada participante.

Nesa frase darase o nome de cada participante co seu sexo e categoría.

Exemplo de resultado para a primeira fila: "JUAN JOSÉ HIDALGO é home e de categoría infantil".

Abre en LibreOffice Calc a folla de datos "Categorias.ods" que fixeches no adestramento de funcións lóxicas.

Gárdaa co nome "ResumoParticipantes.ods".

Despois, realiza as seguintes accións:

  1. Crea unha columna para o sexo de cada participante.
    • Para crear a columna de sexo podes usar unha función SE.
  2. Na primeira columna que quede libre vas concatenar os textos para crear a frase:
    • A frase será: "NOME APELIDO 1 APELIDO 2 é XÉNERO e de categoría NOME DA CATEGORÍA".
    • Fíxate en que hai palabras desa frase que están nas celas (por exemplo o NOME, ou o XÉNERO).
    • Outras palabras son engadidas (por exemplo "é" ou "e de categoría").
    • Ese texto "extra" que non estea nas celas tes que poñelo entre comiñas. 
  3. Lembra deixar espazos:
    • As palabras teñen que estar separadas.
    • Por exemplo, entre a cela do nome e a do apelido terá que ir un argumento " " co espazo entre as comiñas.
    • Algunhas versións de Calc xa deixan o espazo de xeito automático.
  4. Aumenta o tamaño da columna do resultado para que a frase non apareza cortada.
  5. Garda o ficheiro como "ResumoParticipantes.ods" no cartafol do teu proxecto.

Como quedaría?

O resultado será similar ao seguinte:

Resultado do adestramento da función CONCATENAR

Adestramento: PROCV

Neste adestramento vas preparar unha procura automática, de xeito que ao introducir nunha cela o apelido dun participante, aparezan nas de abaixo o seu nome, data de nacemento, categoría, sexo e mellor marca nos 3 intentos.

Abre o ficheiro de "Adestramentos.ods" que descargaches ao comezo da Fase 3 e gárdao co nome "ProcuraDatos.ods".

A continuación, realiza os seguintes pasos:

  1. Engade o dato da mellor marca e da mellor categoría.
    • Podes engadilos para cada participante en columnas auxiliares empregando o aprendido nos adestramentos SECONXUNTO e MÍNIMO.
  2. Se engadiches dúas columnas, na columna K podes poñer os campos que cubrirás de xeito automático:
    • En primeiro lugar, o criterio de busca, no que haberá que encher un apelido.
    • Debaixo, o nome, data de nacemento, categoría, sexo e mellor marca.
  3. Terás que usar a función PROCV para que, unha vez posto o apelido, aparezan cubertos o resto de campos.
    • O sexo aparecerá coa inicial, se queres que apareza completo terás que empregar outra columna auxiliar.
  4. Se queres que realice a busca exacta, debes poñer como último argumento da función "FALSO()".
    • Se non o fas, considera que é unha lista ordenada e cando atope un apelido que estea despois no alfabeto do que ti estás buscando non continúa a procura.
  5. Cubre un dos apelidos da listaxe e comproba que se enchen correctamente todos os campos.
  6. Garda o ficheiro co nome "ProcuraDatos.ods".

Fíxate que cando se repite un apelido só saca o primeiro resultado que aparece. Isto sucede porque esta función está pensada para listaxes no que o campo de busca non se repite, como un número de DNI. Como poderías corrixir isto?

Lectura facilitada

Neste adestramento vas preparar unha procura automática.

Ao introducir nunha cela o apelido dun participante, aparecerán nas de abaixo o seu nome, data de nacemento, categoría, sexo e mellor marca nos 3 intentos.

Abre o ficheiro de "Adestramentos.ods" que descargaches ao comezo da Fase 3.

Gárdao co nome "ProcuraDatos.ods". A continuación, realiza os seguintes pasos:

  1. Engade o dato da mellor marca e da mellor categoría:
    • Podes engadilos para cada participante en columnas auxiliares.
    • Usa o aprendido nos adestramentos SECONXUNTO e MÍNIMO.
  2. Se engadiches dúas columnas, na columna K podes preparar as celas que cubrirás de xeito automático:
    • En primeiro lugar, a cela co contido que vas buscar coa función PROCV.
    • Esa cela terá que conter o apelido dun dos participantes.
    • Iso será o criterio de busca que usaremos para buscar o resto dos datos.
    • Debaixo terán que aparecer de xeito automático o nome, data de nacemento, categoría, sexo e mellor marca.
  3. Terás que usar a función PROCV para que unha vez posto o apelido aparezan cubertos o resto de campos:
    • O sexo aparecerá coa inicial.
    • Se queres que apareza completo terás que empregar outra columna auxiliar.
  4. Para que realice a busca exacta, debes poñer como último argumento da función "FALSO()":
    • Se non o pos, o programa considera que é unha lista ordenada.
    • Cando atope un apelido que estea despois no alfabeto do que ti estás buscando non continúa a procura.
  5. Cubre un dos apelidos da listaxe e comproba que se enchen correctamente todos os campos.
  6. Garda o ficheiro co nome "ProcuraDatos.ods".

Fíxate en que cando se repite un apelido só saca o primeiro resultado que aparece.

Isto sucede porque esta función está pensada para listaxes en que o campo de busca non se repite, como un número de DNI ou o código dun libro nunha biblioteca.

Como poderías corrixir isto?

Como quedaría?

O resultado debe ser similar ó seguinte:

Resultado do adestramento da función PROCV

Audio

Afondamento

Superaches sen suar os adestramentos básicos das funcións de texto e de folla de cálculo? Entón aínda che quedan forzas para afondar un pouco máis no manexo destas funcións.

Podes combinar funcións para obter resultados. Deseña coa folla Adestramentos.ods unha táboa na que obteñas o mellor tempo para homes e mulleres en cada proba e automaticamente se obteña o nome

Lembra que a función PROCV busca o que queiramos buscar na primeira columna, polo que terás que pór os tempos ao principio do rango que empregues na función.

Lectura facilitada

Superaches sen problema os adestramentos básicos das funcións de texto e de folla de cálculo?

Entón aínda che quedan forzas para afondar un pouco máis no manexo destas funcións.

Podes combinar funcións para obter resultados.

Emprega a folla Adestramentos.ods para deseñar unha táboa.

Nesa táboa debes obter:

  • O mellor tempo para homes e mulleres en cada proba.
  • O nome do atleta e a atleta que fixeron eses récords de xeito automático. 

Lembra que a función PROCV busca o que queiramos atopar na primeira columna.

Entón terás que pór os tempos ao principio do rango que empregues na función PROCV.

Como quedaría?

Captura de pantalla co resultado para a actividade de afondamento da sección doutras funcións.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)