Saltar navegación

Funcións matemáticas

 

Glosario

Minuendo

Pictograma de ARASAAC dunha operación matemática de resta.

Definición:

É a cantidade inicial da que se vai restar outra cantidade na operación de subtracción.

Exemplo:

Na imaxe o minuendo sería o número 8.

Subtraendo

Pictograma de ARASAAC dunha operación matemática de resta.

Definición:

É a cantidade que se resta doutra cantidade nunha operación de subtracción ou resta.

Exemplo:

Na imaxe o subtraendo sería o número 2.

Funcións matemáticas

Queres calcular a diferenza entre o mellor e o peor tempo dun participante nunha proba de atletismo? Ou coñecer o tempo que precisou un equipo de atletas nunha proba por relevos? As funcións matemáticas poden axudarche a conseguir o reto.

Funcións matemáticas

Que son as funcións matemáticas

As funcións matemáticas permiten facer cálculos aritméticos sinxelos como sumas, restas, produtos ou divisións, e outros máis complexos como potencias, arredondar ou xerar números aleatorios.

Sintaxe das funcións matemáticas

A sintaxe das funcións matemáticas é: "=NOME_FUNCIÓN(Número1;Número2;...)" para operacións sinxelas como sumas, restas ou produtos.

Captura de pantalla da sintaxe dunha función matemática

Outras funcións máis específicas, teñen a mesma sintaxe pero os argumentos farán referencia á operación que queremos aplicar. Por exemplo, se desexamos facer un cociente, os argumentos serán o numerador e o denominador, ou se desexamos facer unha potencia, os argumentos serán a base e o expoñente.

Algunhas funcións matemáticas

Lembra que premendo no asistente de funcións (icona "fx") poderás consultar a listaxe de funcións matemáticas dispoñibles en Calc. Algunhas das funcións máis empregadas e que serán de utilidade para o reto son:

  • SUMA: devolve o resultado de sumar un conxunto de números.
  • SUMARSE: suma un conxunto de números que corresponden a un intervalo de datos e que verifican un criterio concreto.
  • ARREDONDAR: aproxima un número a un número concreto de decimais.

Exemplos

A continuación, podes consultar como aplicar algunhas funcións matemáticas a un conxunto de datos: 

Función suma dun rango de celas

Exemplo da función SUMA a un rango de celas que conteñen unha serie de números. 

Captura de pantalla da función suma dun rango de celas.

Función cociente de dous números

Exemplo da función COCIENTE de dous números. No exemplo obtemos o resultado do cociente de dividir os 100 metros lisos nos que consiste a proba entre o tempo investido polo primeiro participante (F2). Este resultado sería o número de metros que percorrería nun segundo.

Captura de pantalla da función cociente de dous números

Función suma dun conxunto de números

Exemplo de función SUMA a un conxunto de números non consecutivos. Neste caso introducimos os números que desexamos sumar en cada un dos argumentos da función. No exemplo, calculamos a suma dos números que ocupan as primeiras celas pares (F2+F4+F6+F8).

Captura de pantalla da función suma dun conxunto de números

Potencia dun número

Exemplo da función POTENCIA cos seus argumentos, a base e o expoñente. No exemplo, a cela F2 será a base e elevámola ao cubo, sendo polo tanto 3 o expoñente.

Captura de pantalla da función potencia

Lectura facilitada

Queres calcular a diferenza entre o mellor e o peor tempo dun participante nunha proba de atletismo?

Precisas coñecer o tempo que precisou un equipo de atletas nunha proba por relevos?

As funcións matemáticas poden axudarche a conseguir o reto.

Funcións matemáticas

Que son as funcións matemáticas

As funcións matemáticas permiten facer cálculos aritméticos:

  • Sinxelos como sumas, restas, produtos ou divisións.
  • Complexos como potencias, arredondar ou xerar números aleatorios.

Sintaxe das funcións matemáticas

A sintaxe das funcións matemáticas é:

"=NOME_FUNCIÓN(Número1;Número2;...)"

para operacións sinxelas como sumas, restas ou produtos.

Captura de pantalla da sintaxe dunha función matemática

Outras funcións máis específicas, teñen a mesma sintaxe pero os argumentos farán referencia á operación que queremos aplicar.

Por exemplo:

  • Se desexamos facer un cociente, os argumentos serán o numerador e o denominador.
  • Se desexamos facer unha potencia, os argumentos serán a base e o expoñente.

Algunhas funcións matemáticas

Algunhas das funcións máis empregadas e que serán de utilidade para o reto son:

  • SUMA: devolve o resultado de sumar un conxunto de números.
  • SUMARSE: suma un conxunto de números que corresponden a un intervalo de datos e que verifican un criterio concreto.
  • ARREDONDAR: aproxima un número a un número concreto de decimais.

Exemplos

A continuación, podes consultar como aplicar algunhas funcións matemáticas a un conxunto de datos: 

Función suma dun rango de celas

Exemplo da función SUMA a un rango de celas que conteñen unha serie de números. 

Captura de pantalla da función suma dun rango de celas.

Función cociente de dous números

Exemplo da función COCIENTE de dous números.

No exemplo obtemos o resultado do cociente de dividir os 100 metros lisos nos que consiste a proba entre o tempo investido polo primeiro participante (F2).

Este resultado sería o número de metros que percorrería nun segundo.

Captura de pantalla da función cociente de dous números

Función suma dun conxunto de números

Exemplo de función SUMA a un conxunto de números non consecutivos.

Neste caso introducimos os números que desexamos sumar en cada un dos argumentos da función.

No exemplo, calculamos a suma dos números que ocupan as primeiras celas pares (F2+F4+F6+F8).

Captura de pantalla da función suma dun conxunto de números

Potencia dun número

Exemplo da función POTENCIA cos seus argumentos, a base e o expoñente.

No exemplo, a cela F2 será a base e elevámola ao cubo, sendo polo tanto 3 o expoñente.

Captura de pantalla da función potencia

Adestramento: ARREDONDAR

Neste adestramento tes que empregar a función matemática axeitada para arredondar os tempos que obtiveron os participantes no intento 3 a un só decimal. Os resultados de aplicar esta función deben visualizarse na columna I e na fila correspondente a cada un dos participantes.

Abre en LibreOffice Calc a folla de datos "Adestramentos.ods" que descargaches ao principio desta Fase 3 e gárdaa co nome "arredondar.ods".

A continuación, realiza as seguintes accións:

  1. Sitúate na columna I, ao lado da que ten os datos relativos ao intento 3, e escribe na primeira fila (cela I1): "Valor arredondado" .
  2. Preme na segunda cela da columna I (é dicir, a I2) para inserir a función ARREDONDAR.
  3. Insire a función ARREDONDAR (dende o menú ou co asistente de funcións), cuxo argumento será a cela H2.
  4. O resultado debe ter unha cifra decimal, é dicir a cantidade será 1.
  5. Aplica unha referencia de celas adecuada para que ao picar e arrastrar esta cela I2, poidas obter os resultados arredondados de toda a columna I sen ter que inserir novamente a función en cada fila.
  6. Garda o ficheiro co nome "arredondar.ods" no cartafol do teu proxecto.

Lectura facilitada

Neste adestramento tes que arredondar os tempos que obtiveron os participantes no intento 3 a un só decimal.

Empregarás a función ARREDONDAR de Calc.

Amosarás os resultados na columna I e na fila correspondente a cada un dos participantes.

Abre a folla de datos "Adestramentos.ods" que descargaches ao principio desta Fase 3.

Garda a folla co nome "arredondar.ods".

A continuación, realiza as seguintes accións:

  1. Sitúate na columna I:
    • Está ao lado da que ten os datos relativos ao intento 3.
    • Escribe na primeira fila (cela I1): "Valor arredondado" .
  2. Preme na segunda cela da columna I (é dicir, a I2) para inserir a función ARREDONDAR.
  3. Insire a función ARREDONDAR (dende o menú ou co asistente de funcións), cuxo argumento será a cela H2.
  4. O resultado debe ter unha cifra decimal, é dicir a cantidade será 1.
  5. Aplica unha referencia de celas adecuada para que ao picar e arrastrar esta cela I2, podas obter os resultados arredondados de toda a columna I sen ter que inserir novamente a función en cada fila.
  6. Garda o ficheiro co nome "arredondar.ods" no cartafol do teu proxecto.

Como quedaría?

Captura de pantalla coa solución do adestramento da función arredondar

Audio

Adestramento: RESTA

Para completar este adestramento deberás calcular a diferenza entre o mellor e o peor tempo realizado na proba de 100 metros lisos para os participantes que naceron no ano 2012. 

LibreOffice Calc non inclúe unha función resta para calcular a diferenza entre dous números, por iso é necesario recurrir a outros métodos: empregar a función SUMA ou escribir a operación resta na barra de fórmulas. Adestra neles!

Método 1: Empregar a función SUMA

Abre en LibreOffice Calc a folla de datos "Adestramentos.ods" que descargaches ao principio desta Fase 3 e gárdaa co nome "resta.ods".

A continuación, realiza as seguintes accións:

1. Sitúate na columna I e na primeira fila introduce o texto "Método 1". A continuación, localiza as filas dos participantes que naceron no ano 2012.

2. Preme nesta columna I na cela que corresponde ao primeiro dos participantes que naceron no ano 2012 (cela I2).

3. Insire a función SUMA (dende o menú "Inserir" ou co asistente de funcións, como prefiras), e introduce o primeiro dos argumentos, o "Número 1", picando na cela que contén o maior dos tempos invertidos por este participante na proba (cela H2). Este será o minuendo. A continuación, para introducir o segundo dos argumentos, o "Número 2", escribe primeiro o signo "-" e pica na cela que contén o menor dos tempos investidos por este participante na proba (cela F2). Este será o subtraendo

4. O resultado debe aparecer na cela I2 e será a diferenza entre o maior e o menor tempo investido polo participante na proba.

5. Comproba que o resultado ten dous decimais. En caso contrario, debes darlle formato á cela para configurar a categoría "Número" con dous decimais. Tamén podes axudarte da icona que atoparás na barra de ferramentas "0.0".

6. Repite agora o proceso para os outros participantes que tamén naceron no ano 2012. Os resultados deben aparecer nas celas I9 e I10.

7. Garda o ficheiro co nome "resta.ods" no cartafol do teu proxecto.

Método 2: Escribir a operación resta na barra de fórmulas

Continúa a traballar coa folla de datos "resta.ods" que gardaches no adestramento anterior e realiza as seguintes accións:

1. Sitúate na columna J e na primeira fila introduce o texto "Método 2".

2. Preme nesta columna J, na cela que corresponde ao primeiro dos participantes que naceron no ano 2012 (cela J2).

3. Pica na barra de fórmulas e escribe o signo "=". A continuación, pica na cela que contén o maior dos tempos investidos por este participante na proba (cela H2). Este será o minuendo. Escribe o signo "-" e, a continuación, pica na cela que contén o menor dos tempos investidos por este participante na proba (cela F2). Este será o subtraendo

4. O resultado debe aparecer na cela J2 e será a diferenza entre o maior e o menor tempo investido polo participante na proba.

5. Comproba que o resultado ten dous decimais. En caso contrario, debes darlle formato á cela para configurar a categoría "Número" con dous decimais. Tamén podes axudarte da icona que atoparás na barra de ferramentas "0.0".

6. Repite agora o proceso para os outros participantes que tamén naceron no ano 2012. Os resultados deben aparecer nas celas J9 e J10.

7. Garda o ficheiro co nome "resta.ods" no cartafol do teu proxecto.

Comproba que o resultado da diferenza aplicando o método 1 aparece na columna I, e o resultado da diferenza aplicando o método 2, na J. Logo garda novamente o ficheiro co nome "resta.ods" no cartafol do teu proxecto.

Lectura facilitada

Neste adestramento vas traballar cos datos da proba de 100 metros lisos.

Vas centrarte só nos participantes que naceron no ano 2012.

Deberás calcular a diferenza entre o mellor e o peor tempo rexistrado.

LibreOffice Calc non ten a función resta.

Para restar en Calc tes que empregar outros métodos:

  • Método 1: empregar a función SUMA.
  • Método 2: escribir a operación resta na barra de fórmulas.

Adestra neles!

Método 1: Empregar a función SUMA

Abre en LibreOffice Calc a folla de datos "Adestramentos.ods" que descargaches ao principio desta Fase 3.

Gárdaa co nome "resta.ods".

A continuación, realiza as seguintes accións:

  1. Sitúate na columna I e na primeira fila introduce o texto "Método 1".
  2. Localiza as filas dos participantes que naceron no ano 2012.
  3. Preme nesta columna I na cela que corresponde ao primeiro dos participantes que naceron no ano 2012 (cela I2).
  4. Insire a función SUMA (dende o menú "Inserir" ou co asistente de funcións, como prefiras).
  5. Introduce o primeiro dos argumentos, o "Número 1", picando na cela que contén o maior dos tempos investidos por este participante na proba (cela H2). Este será o minuendo.
  6. Para introducir o segundo dos argumentos, o "Número 2", escribe primeiro o signo "-" e despois pica na cela que contén o menor dos tempos investidos por este participante na proba (cela F2). Este será o subtraendo
  7. O resultado debe aparecer na cela I2 e será a diferenza entre o maior e o menor tempo investido polo participante na proba.
  8. Comproba que o resultado ten dous decimais. En caso contrario, debes darlle formato á cela para configurar a categoría "Número" con dous decimais. Tamén podes axudarte da icona que atoparás na barra de ferramentas "0.0".
  9. Repite agora o proceso para os outros participantes que tamén naceron no ano 2012. Os resultados deben aparecer nas celas I9 e I10.
  10. Garda o ficheiro co nome "resta.ods" no cartafol do teu proxecto.
    Método 2: Escribir a operación resta na barra de fórmulas

    Continúa a traballar coa folla de datos "resta.ods" que gardaches no adestramento anterior.

    Realiza as seguintes accións:

    1. Sitúate na columna J e na primeira fila introduce o texto "Método 2".
    2. Preme nesta columna J, na cela que corresponde ao primeiro dos participantes que naceron no ano 2012 (cela J2).
    3. Pica na barra de fórmulas e escribe o signo "=".
    4. Pica na cela que contén o maior dos tempos investidos por este participante na proba (cela H2). Este será o minuendo.
    5. Escribe o signo "-" e, a continuación, pica na cela que contén o menor dos tempos investidos por este participante na proba (cela F2). Este será o subtraendo
    6. O resultado debe aparecer na cela J2 e será a diferenza entre o maior e o menor tempo investido polo participante na proba.
    7. Comproba que o resultado ten dous decimais. En caso contrario, debes darlle formato á cela para configurar a categoría "Número" con dous decimais. Tamén podes axudarte da icona que atoparás na barra de ferramentas "0.0".
    8. Repite agora o proceso para os outros participantes que tamén naceron no ano 2012. Os resultados deben aparecer nas celas J9 e J10.
    9. Garda o ficheiro co nome "resta.ods" no cartafol do teu proxecto.

    Comproba o seguinte:

    • O resultado de aplicar o método 1 aparace na columna I.
    • O resultado de aplicar o método 2 aparece na columna J.
    • Os resultados das columnas I e J son iguais.

    Garda novamente o ficheiro co nome "resta.ods" no cartafol do teu proxecto.

    Como quedaría?

    Captura de pantalla coa solución do adestramento da resta.

    Afondamento

    Superaches sen suar os adestramentos básicos de funcións matemáticas? Entón aínda che quedan forzas para afondar un pouco máis no manexo destas funcións.

    No apartado de "Exemplos", cando liches as explicacións teóricas sobre as funcións matemáticas, viches unha mostra da función "Suma". Agora vas empregar unha variante desta función que realizará a suma dun conxunto de valores pero que cumpran un determinado criterio ou condición.

    Segue a traballar coa base de datos "Adestramentos.ods" e emprega a función matemática apropiada para sumar os tempos do intento 1 para aqueles participantes que son de sexo masculino e para os participantes que son de sexo feminino. Os resultados deben aparecer nas celas F24 e F25 respectivamente.

    Que función precisas? Cales son os seus argumentos? 

    Cando remates este afondamento garda o ficheiro co nome "sumarse.ods" no cartafol do teu proxecto.

    Lectura facilitada

    No apartado de "Exemplos" das funcións matemáticas viches unha mostra da función "Suma".

    Agora vas empregar unha variante desta función.

    Esta nova función debe facer a suma dun conxunto de valores.

    Ese valores deben cumprir unha condición.

    Segue a traballar coa base de datos "Adestramentos.ods".

    Emprega a función matemática apropiada para sumar os tempos do intento 1 para:

    • Participantes que son de sexo masculino. Amosa o resultado na cela F24.
    • Participantes que son de sexo feminino. Amosa o resultado na cela F25.

    Que función precisas?

    Cales son os seus argumentos? 

    Cando remates este afondamento garda o ficheiro co nome "sumarse.ods" no cartafol do teu proxecto.

    Como quedaría?

    Captura de pantalla coa solución do adestramento de ampliación de funcións matemáticas.

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)