Saltar navegación

Funcións lóxicas

E se...?

Queres que Calc che diga automaticamente se un participante superou unha proba determinada ou non, en base ao valor dunha marca de referencia? Podes empregar unha función lóxica.

Funcións lóxicas

Que son as funcións lóxicas

As funcións lóxicas baséanse en establecer condicións que se poden avaliar coma "verdadeiro" ou "falso". Despois de avaliar esa condición ou condicións establecen resultados para o caso de que se cumpran ou non.

Sintaxe das funcións lóxicas

A sintaxe nas funcións lóxicas é moi variable, pero en xeral, pódese esquematizar do seguinte xeito:

= NOMEDAFUNCIÓN(Condición, outros)

  • A condición é unha expresión matemática que se pode avaliar coma verdadeiro ou falso
  • Os outros argumentos poden ser resultados en caso de que se cumpra a condición, ou tamén en caso de que non se cumpra.

Algunhas funcións lóxicas

Algunhas das funcións lóxicas que empregarás na resolución do reto son a función SE e a función SECONXUNTO.

Función SE

A función SE permítenos avaliar unha condición e obter un resultado se a condición é certa e outro se é falsa. A sintaxe desta función é a seguinte:

=SE(Condición; Valor se verdadeiro; Valor se falso)

A condición é unha expresión matemática que se pode avaliar coma verdadeiro ou falso. Se se avalía como verdadeiro, o resultado da función será o "Valor se verdadeiro". Se non, será o "Valor se falso". 

Función SECONXUNTO

A función SECONXUNTO permítenos avaliar varias condicións das cales obteremos un resultado para a primeira que se cumpra. En caso de non cumprirse ningunha das condicións dará unha mensaxe de erro. A sintaxe desta función é a seguinte:

=SECONXUNTO(Condición 1; Resultado 1; Condición 2; Resultado 2; ...)

Se se cumpre a Condición 1, o resultado da función será Resultado 1; se se cumpre a Condición 2, o resultado será "Resultado 2"... En caso de non cumprirse ningunha, o resultado dará o erro #N/D (non dispoñible).

Exemplos

A continuación, podes consultar exemplos de aplicación das funcións SE e SECONXUNTO.

Función SE

Exemplo de aplicación da función SE para separar un grupo de notas en aprobados e suspensos.

Captura de pantalla cun exemplo da función SE
Función SECONXUNTO

Agora clasificamos as notas numéricas en notas de letra coa función SECONXUNTO.

Exemplo de emprego da función SECONXUNTO para clasificar notas numéricas como notas de letra

Lectura facilitada

Calc pode dicirche automaticamente se un participante conseguiu mellorar unha marca determinada. Para iso podes empregar unha función lóxica.

Funcións lóxicas

Que son?

As funcións lóxicas establecen condicións. Esas condicións poden ser "verdadeiras" ou "falsas".

Se a condición é verdadeira, a función obterá un resultado. Se a condición é falsa obterá un resultado distinto.

Como se escriben as funcións lóxicas?

Hai moitas funcións lóxicas. Cada unha escríbese dunha maneira distinta. Pero moitas teñen unha forma similar a esta:

= NOMEDAFUNCIÓN (Condición, outros)

NOMEDAFUNCIÓN é o nome que ten a función en Calc.

A condición é unha expresión matemática que pode ser verdadeira ou falsa. 

Outros poden ser resultados se a condición é verdadeira, ou se é falsa.

Algunhas funcións lóxicas

Podes ver 2 funcións lóxicas que empregarás na resolución do reto: a función SE e a función SECONXUNTO.

1. A función SE comproba unha condición. Se é verdadeira obtén un resultado. Se é falsa obtén un resultado distinto. A estrutura da función SE é a seguinte:

=SE(Condición; Valor se verdadeiro; Valor se falso)

A condición é unha expresión matemática que pode ser verdadeira ou falsa.

Se é verdadeira, o resultado da función será o "Valor se verdadeiro". Se é falsa, o resultado será o "Valor se falso". 

2. A función SECONXUNTO comproba varias condicións. A primeira condición que se cumpra dará o resultado. Se ningunha das condicións se cumpre dará unha mensaxe de erro. A estrutura é a seguinte:

=SECONXUNTO(Condición 1; Resultado 1; Condición 2; Resultado 2; ...)

Se a Condición 1 é verdadeira, o resultado da función será Resultado 1.

Se a Condición 1 é falsa, pasamos á Condición 2.

Se a Condición 2 é verdadeira, o resultado da función será Resultado 2.

Se a Condición 2 é falsa, compróbase a seguinte.

Pode haber máis condicións. A primeira que se cumpre dá o resultado.

Se ningunha condición se cumpre, o resultado dará o erro #N/D (non dispoñible).

Exemplos

A continuación, podes consultar exemplos de aplicación das funcións SE e SECONXUNTO.

Función SE

Na imaxe vese o uso da función SE.

Separa un grupo de notas en aprobados e suspensos.

Captura de pantalla cun exemplo da función SE
Función SECONXUNTO

Nesta imaxe aparece o uso da función SECONXUNTO.

Clasifica as notas numéricas en notas de letra. 

Exemplo de emprego da función SECONXUNTO para clasificar notas numéricas como notas de letra

Adestramento: SE

Abre a base de datos para os adestramentos que descargaches ao principio da Fase 3 e gárdaa co nome "AdestramentoSE.ods".

A continuación vas facer unha clasificación dos tempos para cada sexo. Terás que seguir os seguintes pasos:

1. Ordena os participantes por sexo. Para iso, selecciona toda a táboa e pulsando o botón "Ordenar" aparecerá o menú correspondente.

Captura de Calc co botón e menú Ordenar


2. No menú, selecciona no despregable "Clave de ordenación 1" Xénero, e en "Orde", marca Descendente. Agora tes todos os participantes ordenados por sexo.

3. Vas comparar os tempos co mellor dese sexo en cada proba. Para iso, nas celas F22 e F23 porás o mellor tempo da categoría masculina e feminina. Empregarás para iso a función MÍNIMO, co rango axeitado. Xa tes o mellor tempo en homes e mulleres para a primeira proba.

4. Fai o mesmo para a segunda e a terceira proba, nas celas G22, G23, H22 e H23.

5. Agora tes que empregar a función SE para comparar os tempos de cada participante co mellor da súa categoría. Clasifica os tempos como "Top" se non supera o mellor en máis dun 10%, e "Normal" se o supera.

Exemplo! Para o primeiro participante, na cela I2 poderías poñer:

  • como condición da función SE que F2<=1,1*F22,
  • como valor verdadeiro "Top",
  • e como valor falso (se non se cumpre a condición) "Normal".

6. Repite a fórmula para cada participante e cada intento. Lembra que podes copiar a fórmula arrastrando, e para o tempo de referencia lembra empregar referencias absolutas. Amosa os resultados nas columnas I, J e K.

7. Garda como "AdestramentoSE.ods" no cartafol do teu proxecto.

Lectura facilitada

Abre a base de datos de adestramento. Descargaches o ficheiro ao principio da Fase 3.

Gárdaa co nome "AdestramentoSE.ods".

Agora farás unha clasificación dos tempos para cada sexo.

Terás que seguir os seguintes pasos:

1. Ordena os participantes por sexo.

Selecciona toda a táboa e pulsa o botón "Ordenar". Aparecerá o menú correspondente.

Captura de Calc co botón e menú Ordenar

2. Marca "Xénero" no despregable "Clave de ordenación 1". En "Orde", marca "Descendente". Tes todos os participantes ordenados por sexo

3. Compara os tempos co mellor dese sexo en cada proba:

  • Na cela F22 porás o mellor tempo da categoría masculina.
  • Na cela F23 porás o mellor tempo da categoría feminina.
  • Emprega a función MÍNIMO, co rango axeitado. Xa tes o mellor tempo en homes e mulleres para a primeira proba.

4. Fai o mesmo:

  • Para a segunda proba nas celas G22 e G23.
  • Para a terceira proba, nas celas H22 e H23.

5. Emprega a función SE para comparar os tempos de cada participante co mellor do seu sexo:

  • Se o tempo non pasa do mellor multiplicado por 1,1 será "Top".
  • Será "Normal" se é maior có mellor multiplicado por 1,1.

Exemplo! Para o primeiro participante, na cela I2 poderías poñer:

  • como condición da función SE que F2<=1,1*F22,
  • como valor verdadeiro "Top",
  • e como valor falso (se non se cumpre a condición) "Normal".

6. Repite a fórmula para cada participante e cada intento:

  • Lembra que podes copiar a fórmula arrastrando.
  • Para o tempo de referencia lembra empregar referencias absolutas.
  • Amosa os resultados nas columnas I, J e K.

7. Garda como "AdestramentoSE.ods" no cartafol do teu proxecto.

Como quedaría?

Resultado do adestramento coa función SE

Lectura facilitada

Adestramento: SECONXUNTO

Abre o ficheiro "Adestramentos.ods" que descargaches ao principio desta Fase 3, e gárdao co nome "Categorias.ods". Neste adestramento, clasificarás aos participantes segundo a categoría, en cadetes, júniors ou infantís. Axudaraste da función SECONXUNTO. Fíxate no criterio de clasificación que empregarás:

Ano de nacemento Categoría
2012 - 2013 Infantil
2010 - 2011 Cadete
2008 - 2009 Júnior

    A continuación, realiza os seguintes pasos:

    1.  Obtén o ano de nacemento para cada participante:
      • Emprega a función ANO(), na que metes nos parénteses a cela coa data de nacemento.
      • Emprega unha columna auxiliar para obter o ano.
      • Despois calcula a categoría noutra columna.
      • Outra opción sería facelo todo xunto, usando a función ANO como argumento da función SECONXUNTO. 
    2. Establece condicións para obter o resultado. Por exemplo: I2=2012, implica que a categoría é infantil.
    3. A orde das condicións importa:
      • Se cumpre a primeira condición dará o resultado que poñas nesa condición.
      • Se non a cumpre, comprobará a segunda, e así sucesivamente.
    4. Hai varias formas de establecer as condicións e chegar ao resultado:
      • O mínimo de condicións é de 3.
      • Canto máis o penses, menos condicións terás que escribir.
    5. Garda o resultado como "Categorias.ods" no cartafol do teu proxecto. 

    Lectura facilitada

    Ao principio da Fase 3 descargaches o ficheiro "Adestramentos.ods".

    Abre o ficheiro e gárdao do nome "Categorias.ods".

    Neste adestramento, clasificarás aos participantes en júniors, cadetes ou infantís.

    Empregarás a función SECONXUNTO.

    Fíxate no criterio de clasificación que empregarás:

    Ano de nacemento Categoría
    2012 - 2013 Infantil
    2010 - 2011 Cadete
    2008 - 2009 Júnior

      Realiza os seguintes pasos:

      1.  Obtén o ano de nacemento para cada participante:
        • Emprega a función ANO(), na que metes nos parénteses a cela coa data de nacemento.
        • Emprega unha columna auxiliar para obter o ano.
        • Despois calcula a categoría noutra columna.
        • Outra opción sería facelo todo xunto, usando a función ANO como argumento da función SECONXUNTO. 
      2. Establece condicións para obter o resultado. Por exemplo: I2=2012, implica que a categoría é infantil.
      3. A orde das condicións importa:
        • Se cumpre a primeira condición dará o resultado que poñas nesa condición.
        • Se non a cumpre, comprobará a segunda, e así sucesivamente.
      4. Hai varias formas de establecer as condicións e chegar ao resultado:
        • O mínimo de condicións é de 3.
        • Canto máis o penses, menos condicións terás que escribir.
      5. Garda o resultado como "Categorias.ods" no cartafol do teu proxecto. 

      Como quedaría?

      Resultado do adestramento da función SECONXUNTO

      Afondamento

      Superaches sen suar os adestramentos básicos de funcións lóxicas? Entón aínda che quedan forzas para afondar un pouco máis no manexo destas funcións.

      Sabes que coa función SE podes facer varias condicións empregando funcións aniñadas? Isto consiste en meter funcións SE dentro doutra, de xeito que se non se cumpre a primeira condición no Resultado_se_falso se poida avaliar unha nova condición. Deseña unha función desta maneira para resolver o adestramento de SECONXUNTO empregando só funcións SE.

      Lectura facilitada

      Conseguiches facer os adestramentos básicos de funcións lóxicas?

      É posible que poidas facer un exercicio algo máis difícil con funcións lóxicas.

      Coa función SE podes poñer varias condicións diferentes.

      Para iso empréganse funcións aniñadas.

      Consiste en meter funcións SE dentro doutra.

      Se non se cumpre a primeira condición no Resultado_se_falso pódese comprobar unha nova condición.

      Isto pódese facer varias veces.

      Deseña unha función así para resolver o adestramento de SECONXUNTO empregando só funcións SE.

      Como quedaría?

      O resultado ten que ser igual có do adestramento SECONXUNTO, pero o procedemento é diferente.

      Lectura facilitada

      O resultado é o mesmo ca no adestramento da función SECONXUNTO.

      Pero a forma de acadalo é distinta.

      Feito con eXeLearning (Nova xanela)