Saltar navegación

4. Poñer as mans á masa

Entrar na cociña

Aparece un pintor pintando un cadro dun cociñeiro

Chega o momento de poñerte "mans á masa". Como nun restaurante, antes de servir un bo prato é preciso pensar, planificar e cociñar con coidado. Do mesmo xeito, antes de deseñar o voso cartel convén botar a vista atrás e lembrar todo o traballo previo que xa realizastes.

O que xa tedes feito:

  • Na fase 1, escolléstes o alimento que ides publicitar.
  • Na fase 2, cada persoa do grupo seleccionou distintas imaxes, tanto en mapa de bits como vectoriais, comprobando que tiñan unha licenza que permitía o seu uso.
  • Na fase 3, acordástedes en grupo unha paleta de cores para os deseños e, dentro desta mesma fase, cada persoa retocou imaxes seguindo os adestramentos con GIMP ou Inkscape.

Agora si, chega o momento de deseñar o cartel. Para conseguilo, ides seguir paso a paso a receita. Presta atención e mans á masa!

Lectura facilitada

Agora toca empezar o cartel.

Na fase 1 escollestes o alimento.

Na fase 2 escolliches imaxes con licenza.

Na fase 3 decidiches unha paleta de cores.

Na fase 3 tamén retocaches imaxes.

Agora ides deseñar o cartel paso a paso.

A receita

Persoa seguindo unha ruta Que pasos debedes seguir?

Diferentes tipos de alimentos Abrir a despensa

O primeiro que tedes que facer é poñer en común as imaxes coas que traballastes nas fases anteriores:

  • Ensinádevos as imaxes en .png e .svg que cada persoa escolleu na fase 2.
  • Ensinádevos as imaxes modificadas nos adestramentos da fase 3.
  • Ensinádevos as animacións creadas na fase 3.

Pictograma choiva Choiva de ideas

A continuación, cada membro do equipo debe expoñer unha idea para o cartel, sen que as demais persoas discutan nin critiquen.

Logo da exposición de todas as propostas, tedes que escoller unha única idea entre as presentadas. Esa será a base do deseño do voso cartel.

Imaxe que representa unha persoa facendo o deseño das ideas dun cartel Deseñar o cartel

Unha vez acordada a idea base do cartel:

  • Engadide modificacións e melloras para adaptala ao gusto de todo o equipo.
  • Facede un bosquexo en papel no que indiquedes a animación prevista e a tipografía que ides empregar.

Grupo de alumnado repartindo os traballos Dividir e repartir o traballo

  • Decidide o número de fotogramas, preferentemente divisible entre o número de persoas do grupo.
  • Asignade, cando menos, un fotograma a cada membro do equipo.
  • Editade e exportade cada fotograma en formato .png.
  • Creade un cartafol coas imaxes que ides utilizar, tal e como se explicou na fase 2.

Pictograma dunha persoa facendo unha presentación oral dun documento proxectado. Unir o traballo e presentalo

Cando teñades listos todos os fotogramas, tedes que:

  • Xuntalos nun mesmo cartafol, ao que podedes chamar gif_animado.
  • Renomealos cun número de orde, por exemplo: capa_1.png, capa_2.png.
  • Abrir todas as imaxes á vez como capas, comprobar que están ben ordenadas e exportalas en formato .gif, tal e como se explicou na fase 3.
  • Exportar varias versións modificando a velocidade da animación, usando nomes correlativos como cartel1.gif, cartel2.gif.
  • Presentar o traballo á persoa docente.

Lectura facilitada

Que pasos debedes seguir?

Abrir a despensa

Amosade o material do grupo.

  • Imaxes en .png e .svg.
  • Imaxes modificadas.
  • Animacións creadas.

Choiva de ideas

Cada persoa propón unha idea.

As demais persoas escoitan.

Escollede unha idea final.

Deseñar o cartel

Mellorade a idea entre todas as persoas.

Facede un bosquexo en papel.

Indicade tipografía e animación.

Dividir e repartir o traballo

Decidide cantos fotogramas terá o GIF.

Repartide o traballo.

  • Cada persoa fará polo menos un fotograma.
  • Exportade cada fotograma en .png.
  • Gardade as imaxes nun cartafol común.

Unir o traballo e presentalo

Xuntade todos os fotogramas.

  • Creade un cartafol chamado gif_animado.
  • Renomeade os ficheiros con números.
  • Exportade o cartel en formato .gif.
  • Probade varias velocidades.
  • Presentade o traballo á persoa docente.

Rúbrica gastronómica para avaliar o reto

A continuación, tedes a rúbrica de avaliación do reto. Prestade atención aos diferentes criterios para axustarvos ben aos requisitos solicitados e acadar a valoración de tres estrelas.

Rúbrica gastronómica
 Tres estrelasDúas estrelasUnha estrelaSen estrelas
Entrega e documentación do proxectoO proxecto entrégase no prazo indicado, con documentación completa, estruturada e clara (cartafol con fotogramas, explicación técnica e versión final) (2)O proxecto entrégase en prazo e coa documentación suficiente para comprender o proceso. (1)O proxecto entrégase fóra de prazo ou con documentación incompleta pero suficiente para comprender o proceso. (0.50)A entrega chega fóra de prazo ou a documentación é escasa, desorganizada ou inexistente. (0)
Organización do grupo e actitudeO grupo distribúe as tarefas equilibradamente, colabora con fluidez e mantén unha actitude responsable e respectuosa. (2)Hai colaboración, pero con algunhas desigualdades ou dificultades puntuais de coordinación, que se resolven dentro do grupo. (1)Hai colaboración, pero cómpre que o persoal docente interveña para solventar as desigualdades e/ou dificultades puntuais de coordinación. (0.50)Falta coordinación, hai conflitos ou a participación é moi desigual. O persoal docente ten que intervir de xeito constante para facer que o grupo traballe cohesionado. (0)
Formato produto finalO ficheiro final cumpre coas especificacións técnicas: formato GIF, bucle, tempo de retraso axeitado, tamaño das capas e fotogramas... (2)O ficheiro final cumpre coas especificacións técnicas do formato pero presenta algún erro (non é bucle, tamaños ou animacións incorrectas...) (1)O ficheiro final cumpre coas especificacións técnicas do formato pero presenta varios erros (non é bucle, tamaños ou animacións incorrectas...) (0.50)O formato do ficheiro é incorrecto ou non cumpre as principais indicacións técnicas (non hai animación, fotogramas negros...) (0)
Número de fotogramas e calidadeO número de fotogramas é axeitado e coherente coa acción; alta calidade visual. (2)Número de fotogramas suficiente pero irregular; aparecen pequenos fallos. (1)Poucos fotogramas, movemento entrecortado ou calidade visual moi baixa. (0.50)Só hai un fotograma, o que impide visualizar a animación. (0)
Recursos técnicos e de deseñoRecursos técnicos e de deseño (capas, tipografía, cores, redacción...) empregados con sentido creativo e controlado. (2)Varios recursos técnicos e de deseño (capas, tipografía, cores, redacción...) empregados con sentido creativo e controlado. (1)Algúns recursos técnicos e de deseño (capas, tipografía, cores, redacción...) empregados con sentido creativo e controlado. (0.50)Escasa ou nula utilización de recursos técnicos, ou aplicación incorrecta. (0)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica gastronómica (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Feito con eXeLearning (Nova xanela)