Saltar navegación

3.3. Editando con Inkscape

 

Glosario

Interface

Interface dun programa imaxinario, coas iconas e menús visibles

Definición:

Conxunto de elementos visuais que permiten interactuar cun dispositivo ou programa, como botóns, iconas, menús ou xanelas.

Exemplo:

LibreOffice ten unha interface na que a icona de gardar está representada por unha frecha para abaixo.

Retocar imaxes vectoriais

Trípode con Icona de Inkscape gota de tinta negra

Para retocar imaxes dixitais en formato vectorial utilízanse programas que permiten modificar formas, cores e trazos sen perder calidade. As imaxes vectoriais pódense ampliar ou reducir todas as veces que faga falta, porque non están feitas con píxeles, senón con liñas e formas definidas matematicamente.

Cando se descargan recursos de sitios como openclipart.org, adoitan estar en formato .SVG, o formato vectorial máis estendido. Este tipo de ficheiro permite cambiar facilmente cada parte da ilustración: cores, contornos, tamaños, posicións ou mesmo a composición completa.

Unha ferramenta que permite editar este tipo de imaxes é Inkscape, un software libre que traballa de maneira nativa con ficheiros .SVG e admite moitos outros formatos empregados no deseño gráfico.

Ao longo deste apartado terás a oportunidade de facer varios adestramentos para aprender a retocar imaxes vectoriais. Cada adestramento irá acompañado dun exercicio individual para practicar o aprendido.

Lectura facilitada

As imaxes vectoriais non usan píxeles.

As imaxes vectoriais usan liñas e formas.

As imaxes vectoriais non perden calidade.

Pódense ampliar ou reducir sen problema.

Moitas imaxes vectoriais están en formato .svg.

Inkscape serve para editar imaxes vectoriais.

Inkscape é un programa libre.

Farás varios adestramentos con Inkscape.

Preme para descargar Inkscape

Podes descargar Inkscape dende o seu sitio web: https://inkscape.app/es/descargar/.

Prepara a interface de Inkscape

Antes de comezar a traballar con Inkscape é importante configurar a interface do programa para que sexa igual á que aparece nos vídeos. Deste xeito poderás seguir as explicacións con máis facilidade. Para conseguilo, segue os pasos que se indican a continuación.

Lectura facilitada

Antes de usar Inkscape, configura a interface.

Así verás o mesmo que nos vídeos.

Isto axuda a seguir os pasos.

Adestramento 1: Desagrupar

Ás veces atopamos imaxes vectoriais que nos gustan para un proxecto, pero teñen partes que non queremos usar. Ao ser vectoriais, estas imaxes están formadas por formas xeométricas independentes, polo que é moi doado modificar o que non interesa.

Para facelo, só hai que abrir a imaxe en Inkscape, seleccionar os elementos que non se necesitan e borralos. O único detalle a ter en conta é que quen deseña unha ilustración vectorial adoita agrupar varias partes para traballar con máis comodidade.

Por iso, antes de editar, o primeiro paso será desagrupar a imaxe para poder acceder a cada elemento por separado.  No seguinte vídeo verás un exemplo paso a paso.

Lectura facilitada

Ás veces unha imaxe vectorial ten partes que non queres usar.

Nunha imaxe vectorial cada parte é unha forma separada.

Isto permite borrar só o que non interesa.

Moitas imaxes veñen agrupadas e primeiro hai que desagrupar.

No vídeo verás como agrupar e desagrupar.

Atréveste a facelo ti?

Escolle unha imaxe vectorial en formato .svg que teña varios alimentos. Desagrupa a imaxe en pezas e elimina todo o que non che interese até quedar só co alimento que queres illar.

Lectura facilitada

Escolle unha imaxe vectorial en formato .svg.

A imaxe debe ter varios alimentos.

Desagrupa a imaxe en partes.

Elimina o que non che interese.

Queda só co alimento que queres usar.

Adestramento 2: Cambiar as formas

Unha vez que tes a imaxe seleccionada e illada, pode que che interese cambiar algunha parte. Ao mellor queres modificar a forma dun obxecto ou cambiar a súa cor.

No seguinte vídeo verás como modificar a cor e a forma do pan que illamos no vídeo do adestramento anterior, para que se pareza ao pan de Cea e sexa máis doado de identificar.

Lectura facilitada

En Inkscape podes cambiar a forma dos obxectos.

En Inkscape podes cambiar a cor dos obxectos.

No vídeo verás un exemplo.

O pan transfórmase en pan de Cea.

Atréveste a facelo ti?

Modifica agora unha das imaxes que escolliches para que se pareza máis a un alimento da túa terra.

Lectura facilitada

Modifica unha das imaxes.

Fai que se pareza a un alimento da túa terra.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)