Programas de aplicación
Xa coñeces o papel do sistema operativo. Agora, toca centrarte nos programas que usas no día a día. As aplicacións son as ferramentas que permiten realizar tarefas concretas no ordenador ou no móbil.
Que son?
Os programas de aplicación son o software que utiliza directamente a persoa usuaria para realizar tarefas concretas nun ordenador ou dispositivo. Cando escribes textos, navegas por Internet, editas fotos ou escoitas música, estás usando programas ou aplicacións.
A diferenza do sistema operativo, que se encarga de controlar o funcionamento do equipo, os programas de aplicación están deseñados para cumprir unha función concreta e utilizan os recursos do ordenador a través do sistema operativo.
Que fan?
Cada programa de aplicación ten unha función específica, pero existen moitos tipos diferentes, procesadores de texto, navegadores web, editores de imaxe ou vídeo, reprodutores multimedia, videoxogos, programas de deseño, etc.
Segundo as súas funcións non todos necesitan o mesmo esforzo e recursos do ordenador. Os principais recursos que usan son o procesador ou CPU, a memoria RAM, o almacenamento en disco e a tarxeta gráfica ou GPU. Así, un editor de vídeo ou un videoxogo usan moitos máis recursos do sistema que un procesador de textos.
Como funcionan
Os programas de aplicación funcionan grazas ao sistema operativo, que é quen controla o ordenador.
- O sistema operativo carga o programa na memoria cando o abrimos.
- Permítelle usar recursos do ordenador como a memoria, a pantalla, o teclado ou os altofalantes.
- Poden funcionar varios programas ao mesmo tempo (por exemplo, escribir e escoitar música).
- O sistema operativo reparte os recursos para que todo funcione correctamente.
Problemas que poden aparecer
Ás veces poden xurdir erros cando usamos un programa, como que vaia lento ou que se peche de repente. É difícil distinguir se é un problema do programa o do sistema operativo, polo que nestes casos tamén debemos usar o Vixiante do sistema.
Para solucionar problemas cos programas e aplicacións pódese pechar e abrir de novo o programa que ten o erro, gardar o traballo con frecuencia, manter os programas actualizados ou, no último caso, reiniciar o ordenador.
Comprender como funcionan as aplicacións axudarache a utilizalas mellor e a resolver problemas cando aparezan. Isto será fundamental para avanzar no reto de manter o teu equipo en forma..
Lectura facilitada
Xa coñeces o sistema operativo
Agora imos ver os programas que usas cada día.
As aplicacións son ferramentas para facer tarefas no ordenador ou no móbil.
Que son?
Os programas de aplicación son programas que usa directamente a persoa.
Serven para facer tarefas concretas.
Por exemplo:
- Escribir textos.
- Navegar por Internet.
- Editar fotos.
- Escoitar música.
A diferenza do sistema operativo, as aplicacións non controlan o ordenador. Só fan unha tarefa concreta.
Usan o sistema operativo para poder funcionar.
Que fan?
Cada aplicación serve para unha cousa diferente.
Hai moitos tipos:
- Procesadores de texto.
- Navegadores web.
- Editores de imaxe ou vídeo.
- Xogos.
Non todas as aplicacións usan os mesmos recursos.
Os principais recursos son:
- CPU (procesador).
- Memoria RAM.
- Disco duro.
- Tarxeta gráfica.
Por exemplo:
- Un videoxogo ou un editor de vídeo usa moitos recursos.
- Un procesador de texto usa poucos recursos.
Como funcionan
As aplicacións funcionan grazas ao sistema operativo.
Cando abrimos unha aplicación, o sistema operativo cárgaa na memoria.
Despois a aplicación pode usar:
- Pantalla.
- Teclado.
- Memoria.
- Altofalantes.
Podemos ter varios programas abertos ao mesmo tempo. Podemos escribir un texto e escoitar música.
O sistema operativo reparte os recursos para que todo funcione ben.
Problemas que poden aparecer
Ás veces poden aparecer problemas como:
- O programa vai lento.
- O programa péchase só.
Pode ser difícil saber se o problema é do programa ou do sistema operativo.
Nestes casos, podemos usar o Vixiante do sistema.
Saber como funcionan as aplicacións axuda a:
- Usalas mellor.
- Resolver problemas.
- Coidar o ordenador.
Isto é importante para manter o equipo en bo estado.

.png)
