Saltar navegación

3.3. Poñendo as barreiras. Ciberseguridade

Ciberseguridade: non todo é o que parece

A ciberseguridade está máis presente do que parece no día a día dos sistemas informáticos. Moitos dos problemas que poden aparecer nun equipo non son simples fallos técnicos, senón que teñen a súa orixe en diferentes ameazas dixitais. Isto que está a ocasionar cada vez máis problemas nas empresas galegas, pois ningunha entidade, incluído o centro educativo no que estudas agora, está libre de recibir un ciberataque: 

Ao longo deste apartado, vas atopar a explicación de moitas destas ameazas. Tamén atoparas algúns exemplos de casos de ataques, onde terás que fixarte nas pistas e nos sinais de alerta que che permitan identificar o que está a acontecer.

Lectura facilitada

A ciberseguridade está na vida diaria dos sistemas informáticos.

Moitos problemas dun ordenador non son só fallos técnicos.

Ás veces, estes problemas están causados por ameazas dixitais.

Isto provoca cada vez máis problemas nas empresas galegas.

Ningunha entidade está libre dun ciberataque.

Iso tamén pode pasar nun centro educativo, como o teu.

Neste apartado vas atopar a explicación de moitas destas ameazas.

Tamén tes exemplos de ataques.

Neses casos terás que observar ben as pistas.

Así poderás identificar o que está a pasar.

Abride o caderno forense

Ao longo das seguintes páxinas non só irás analizando distintos casos de ameazas e riscos de ciberseguridade, senón que tamén terás que recoller a información máis importante de cada un deles.

Pictograma dun libro coa imaxe dun ordenador conectado á rede
 

En parellas, iredes elaborando o voso caderno forense, un documento de texto que servirá como ferramenta de apoio para organizar a investigación e actuar con máis criterio na misión final. En cada unha das páxinas atoparás exemplos, pistas e sinais de alerta que aparecerán ao deslizar o rato por enriba e che axudarán a identificar cada tipo de ameaza, os indicios que a delatan e o hardware e software que pode verse afectado.

Ao final de cada páxina tendes as instrucións detalladas para escribir cada un dos capítulos do voso caderno forense, ferramenta clave na investigación e que deberedes gardar baixo a máxima seguridade. Cada detalle conta!

Lectura facilitada

Nas seguintes páxinas vas analizar diferentes riscos e ameazas de ciberseguridade.

Tes que recoller a información máis importante de cada risco e ameaza.

Traballaredes en parellas.

Ides crear un caderno forense.

Este caderno é un documento de texto.

Serve para:

  • Organizar a información.
  • Axudar na investigación.
  • Tomar mellores decisións.

En cada páxina atoparás:

  • Exemplos.
  • Pistas.
  • Sinais de alerta.

Estas pistas e sinais de alerta aparecen marcadas.

Atoparás a marca ao pasar o rato por enriba. 

Estas axudas permitiranche identificar:

  • O tipo de ameaza.
  • Os indicios.
  • O hardware e o software afectados.

Ao final de cada páxina hai instrucións para escribir cada capítulo do caderno forense.

O caderno forense é moi importante.

Debes gardalo con seguridade.

Cada detalle é importante.

A ter en conta!

O caderno forense debe elaborarse en LibreOffice Writer. Este procesador de textos está dispoñible na maqueta Abalar. Tamén podedes descargalo premendo na seguinte ligazón.

Lectura facilitada

O caderno forense debe facerse en LibreOffice Writer.

Este programa está dispoñible na maqueta Abalar.

Se non o tes, podes descargalo nesta ligazón:

Descargar LibreOffice

Feito con eXeLearning (Nova xanela)