Compoñentes informáticos
Xa sabes que os equipos informáticos están constituídos por hardware e software.
Para analizar correctamente os problemas dun dispositivo e actuar como un bo equipo de informática forense, é fundamental comprender como se relacionan o hardware e o software entre si. Moitas veces un mesmo síntoma, por exemplo, que un ordenador non arranque ou que un programa peche de súpeto, pode deberse a un fallo físico, a un erro lóxico de software ou incluso a un ciberataque.
Hardware

O hardware inclúe todas as partes físicas dun sistema informático, é dicir, compoñentes electrónicos, eléctricos e mecánicos. É a parte “material” do dispositivo, responsable de executar as accións e facer posible o funcionamento do sistema. Podemos diferenciar dous tipos principais:
Hardware interno
Son os compoñentes que están dentro do equipo e resultan esenciais para o seu funcionamento.
Exemplos: placa base, memoria RAM, procesador, disco duro, fonte de alimentación.
Entre os fallos típicos destes compoñentes podes encontrar: un disco duro que non arranca, memoria RAM mal colocada ou sobrequecemento do procesador.
Estes fallos físicos poden simular síntomas de ataque, por exemplo, un disco duro bloqueado pode parecer que un ransomware secuestrou os arquivos, ou un reinicio constante pode confundirse cun virus que provoca inestabilidade.
Hardware periférico
Son os dispositivos externos que amplían as funcións do equipo ou facilitan a interacción co usuario.
Exemplos: monitor, teclado, rato, impresora.
Entre os fallos típicos destes dispositivos podes encontrar: un teclado que non responde ou un monitor que mostra imaxes distorsionadas.
Estes problemas tamén poden ser provocados ou simulados por malware que interfire coa comunicación do dispositivo co sistema.
Software
O software é o conxunto de programas, instrucións e datos que permiten ao hardware realizar tarefas concretas. É a parte “non material” do sistema, que guía ao hardware no seu funcionamento. Segundo a súa función, podemos distinguir varios tipos:
Software de sistema
É o software que xestiona e controla o hardware para garantir que todo funcione correctamente.
Exemplos: sistemas operativos como Windows, macOS ou Linux.
Entre os fallos típicos que podes encontrar neste tipo de software están actualizacións que non se instalan, programas que se pechan de forma inesperada ou ventás de erro constantes.
Estes síntomas poden parecer inofensivos, pero tamén poden ser provocados por malware que modifica arquivos do sistema operativo ou controla procesos críticos.
Software de aplicación
Son os programas deseñados para que o usuario realice tarefas específicas.
Exemplos: procesadores de texto, follas de cálculo, navegadores web, editores de vídeo.
Entre os fallos típicos de este tipo de software poderás encontrar un navegador que redirixe automaticamente a páxinas sospeitosas ou un documento que non se abre correctamente.
Moitas veces estes fallos son o resultado de ataques de phishing, instalación de adware ou ransomware que afecta directamente ás aplicacións.
Software de desenvolvemento
Son as ferramentas utilizadas para crear outros programas e aplicacións.
Exemplos: contornos como Visual Studio ou Eclipse.
Os fallos típicos son erros de compilación ou arquivos corruptos que impiden executar aplicacións.
Algúns destes problemas poden ser consecuencia de código malicioso ou de explotación de vulnerabilidades que un atacante introduciu intencionadamente.
Lectura facilitada
Os ordenadores teñen dúas partes importantes, o hardware e o software.
Ás veces un ordenador falla.
- Pode fallar por unha peza rota.
- Pode fallar por un programa.
- Pode fallar por un virus.
Hardware
O hardware é todo o que podemos tocar nun ordenador.
Podemos diferenciar dous tipos principais:
Hardware interno
Está dentro do ordenador.
Exemplos:
- Placa base.
- Memoria RAM.
- Procesador.
- Disco duro.
- Fonte de alimentación.
Problemas:
- O ordenador non acende.
- Vai moi lento.
- Fai ruídos ou quéntase moito.
Ás veces parece un virus, pero pode ser unha peza rota.
Hardware periférico
Son os dispositivos que conectamos ao computador.
Exemplos:
- Pantalla.
- Teclado.
- Rato.
- Impresora.
Problemas:
- O teclado non funciona.
- A pantalla non se ve ben.
- O rato non responde.
Software
O software son os programas do ordenador.
Non se poden tocar.
Podemos diferenciar tres tipos principais:
Software de sistema
É o programa principal que fai funcionar o ordenador.
Exemplos:
- Windows.
- macOS.
- Linux.
Problemas que pode producir:
- O ordenador dá erros.
- Os programas péchanse sós.
- Non funciona ben.
Ás veces pode ser por un virus.
Software de aplicación
Son programas para facer tarefas.
Exemplos:
- LibreOffice Writer.
- LibreOffice Calc.
- Navegador de Internet.
Problemas:
- Páxinas raras aparecen soas.
- Os arquivos non se abren.
- O programa non funciona ben.
Isto pode ser por virus ou programas malos.
Software de desenvolvemento
Son programas para crear outros programas.
Exemplos:
- Visual Studio.
- Eclipse.
Problemas:
- Erros ao crear programas.
- O programa non funciona.
Ás veces pode haber fallos ou virus.