Saltar navegación

1. Inicializando sistema

 

Glosario

Conta regresiva

Imaxe cun reloxo representado, simboliza unha conta atrás.

Definición:

É unha conta atrás, unha secuencia de contar atrás para indicar o tempo que queda antes de que ocorra un evento programado.

Exemplo:

A conta regresiva para o lanzamento comezou ás dez da mañá.

Dispositivo dixital

Imaxe dun ordenador con código binario na pantalla de barras

Definición:

Un dispositivo dixital é un aparello electrónico que funciona usando información en formato dixital, é dicir, datos que poden ser representados principalmente por números binarios (0 e 1).

Exemplo:

Hoxe en día, case todos usamos algún dispositivo dixital, como móbiles ou computadores, para comunicarnos ou buscar información.

Forense informático

Imaxe cunha informática investigando nunha computadora

Definición:

Persoa especialista en informática que se encarga de analizar e preservar datos dixitais para investigar delitos ou incidentes relacionados con computadoras e sistemas informáticos.

Exemplo:

A forense informática analizou a computadora e atopou probas de que un hacker puido roubar datos cun ciberataque.

Benvida

Icona con diferentes dispositivos dixitais. ordenador de sobremesa, portátil, tableta dixital e teléfono intelixente

Queremos darvos a benvida a Educación Dixital! Esta é unha materia que xira arredor dos dispositivos dixitais, pero non como un fin en si mesmos, senón como ferramentas ao voso servizo. Ao longo deste curso, aprenderedes a coñecelos mellor e, sobre todo, a utilizalos con criterio.

Empregarédelos para movervos con seguridade na rede, crear documentos e cálculos útiles, deseñar imaxes e presentacións atractivas, publicar contidos de maneira ética e responsable e mesmo programar para transformar as vosas ideas en proxectos reais. 

En definitiva, pasaredes de ser simples usuarios/as da tecnoloxía a creadores/as de contido e solucións dixitais.

E isto é só o comezo. Collede os vosos equipos informáticos porque a conta regresiva está iniciada!  Estades preparados e preparadas? 

Comezamos.

Lectura facilitada

Benvidas e benvidos a Educación Dixital!

Esta materia trata sobre os dispositivos dixitais.

Durante o curso, aprenderedes a coñecelos mellor. 

E tamén a usalos de forma responsable.

  • Aprenderedes a navegar por Internet con seguridade. 
  • Crear documentos e facer cálculos.
  • Deseñar imaxes e presentacións.
  • Publicar contidos de maneira ética.
  • E tamén programar ideas para facer proxectos reais.

Así, deixaredes de ser só usuarios. Pasaredes a crear contidos e solucións dixitais.

E isto é só o comezo. 

Collede os vosos equipos. 

A conta atrás comeza!

Estades preparados e preparadas?

Comezamos.

Conta regresiva

Un momento… Parece que houbo un problema e non podedes comezar aínda.

Cando se tentou activar o sistema central de Educación Dixital, algo fallou. O arranque detívose dun xeito inesperado e varias funcións quedaron bloqueadas. Neste momento non está claro que ocorreu exactamente. Tedes unha mensaxe da directora de operacións que está a revisar o sistema... podería tratarse dun fallo físico nalgún compoñente, dun erro nalgunha aplicación ou mesmo da intervención dunha persoa intrusa. 

O seguinte vídeo explica a situación e pide axuda para investigar o ocorrido:

Como vedes, fostes seleccionados/as para formar parte dun equipo de forenses informáticos, e a vosa misión será investigar o que ocorreu co sistema central de Educación Dixital.

Estades a punto?

Lectura facilitada

Un momento…

Parece que hai un problema. 

Non podedes comezar aínda.

Algo fallou ao activar o sistema de Educación Dixital.

O sistema parou de forma inesperada. 

Algunhas funcións quedaron bloqueadas.

Agora mesmo non sabemos que pasou.

Pode ser un problema dun compoñente físico.

Ou un erro nun programa.

Ou a acción dunha persoa intrusa.

Tedes unha mensaxe da directora de operacións.

O seguinte vídeo explica a situación. 

Pide a vosa axuda para investigar o ocorrido.

Como vedes, fostes seleccionados/as. 

Formades parte dun equipo de forenses informáticos.

A vosa misión é investigar o que pasou co sistema de Educación Dixital.

Estades a punto?

Que vas aprender?

Ao longo desta aventura, vas aprender a:

  • Empregar equipos informáticos, coñecendo os elementos principais e a súa función.
  • Manter e configurar sistemas operativos, realizando axustes que melloren o rendemento e a seguridade.
  • Organizar a información de xeito seguro en diferentes medios dixitais.
  • Protexer a información persoal xerada na rede e configurar as condicións de privacidade das redes sociais e espazos virtuais de traballo.
  • Xestionar contrasinais.
  • Identificar os riscos e ameazas na rede e saber reaccionar ante eles, valorando o benestar dixital.
  • Respectar os dereitos de autoría, empregando a información dixital de xeito ético.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)