Compoñente electrónico encargado de procesar e xerar as imaxes que se mostran na pantalla dun ordenador ou dispositivo.
Exemplo:
O novo portátil ten un chip gráfico máis potente para executar videoxogos e programas de deseño.
Curtocircuíto
Definición:
Fallo eléctrico polo cal a corrente pasa directamente dun condutor a outro ou á terra, provocando un aumento brusco da intensidade que pode danar o circuíto.
Exemplo:
O técnico descubriu que o computador non funcionaba por mor dun curtocircuíto na placa.
Eléctrodo
Definición:
Condutor polo que entra ou sae corrente eléctrica nun dispositivo ou batería.
Exemplo:
Os eléctrodos da pila permiten que a corrente eléctrica circule a través do circuíto.
Migración
Definición:
Proceso de transferir datos dun sistema ou dispositivo a outro.
Exemplo:
A empresa fixo unha migración de datos ao novo servidor durante a fin de semana.
Protocolo
Definición:
Conxunto de pasos ou procedementos que se seguen de maneira ordenada para identificar e solucionar un problema técnico.
Exemplo:
O equipo técnico seguiu un protocolo de comprobación para atopar o erro no sistema.
Troubleshooting
Definición:
Proceso de identificar, analizar e resolver problemas técnicos nun sistema ou dispositivo.
Exemplo:
O equipo técnico realizou varias probas de troubleshooting para descubrir por que o programa fallaba.
Os problemas
Os problemas aos que vos enfrontades como equipo de forenses informáticos non son novos. De feito, visitando a hemeroteca pódense atopar casos de empresas informáticas e persoas cuxos equipos tiveron erros de consecuencias fatais. A continuación tes algúns exemplos:
Xbox 360
Ano 2005. O anel vermello da morte
Microsoft viviu na Xbox 360 a súa primeira gran crise como fabricante de consolas.
Os míticos ‘aneis vermellos’ das primeiras unidades da consola foron un desastre para a imaxe da marca. Nas primeiras unidades da consola Xbox 360 aparecía con frecuencia un erro coñecido como “Red Ring of Death” (anel vermello da morte). A consola mostraba tres luces vermellas arredor do botón de acendido, indicando un fallo grave de hardware. Cando isto ocorría, a consola deixaba de funcionar completamente. O problema estaba relacionado principalmente cun sobrequecemento do sistema, a deformación da placa base e a rotura das soldaduras do chip gráfico (GPU) por exceso de calor nesa parte da consola. A consola era incapaz de refrixerar a temperatura interna do seu interior, o que finalmente ‘partía’ compoñentes clave.
Ano 2016. Samsung Galaxy Note 7 retirado do mercado
O Samsung Galaxy Note 7 protagonizou un dos maiores fallos de hardware na historia recente dos smartphones.
Algúns dispositivos quentábanse de máis e chegaban a incendiarse debido a un defecto nas baterías.
A investigación posterior revelou dous problemas de fabricación distintos, as celas da batería estaban demasiado comprimidas dentro do dispositivo, o eléctrodo negativo podía dobrarse e tiñan fallos no sistema de illamento eléctrico. Producíase un curtocircuíto interno e a batería podía incendiarse ou estoupar.
Este problema tivo un impacto enorme na compañía Samsung. Para reducilo, a empresa Samsung Electronics tivo que retirar todos os dispositivos do mercado, cancelar o modelo e substituír millóns de unidades do teléfono. As perdas estimadas para aempresa superaron os 5.000 millóns de dólares.
Unha actualización defectuosa do software de seguridade da empresa CrowdStrike provocou fallos masivos en ordenadores con Microsoft Windows.
O problema apareceu porque a actualización incluía un erro no arquivo de seguridade do sistema, e, cando Windows tentaba cargar o ficheiro defectuoso, o sistema colapsaba. Hai que ter claro que non foi un virus, foi un erro de software de seguridade.
Como curiosidade este problema afectou ao Sergas en Galicia. A afectación foi “puntual” en hospitais e centros de saúde e nalgúns servizos como o 061, pero recuperouse a normalidade en pouco tempo.
O banco británico TSB Bank sufriu un grave fallo tras unha migración do seu sistema informático.
Miles de clientes non podían acceder ás súas contas ou vían datos doutras persoas. O problema provocou a interrupción do servizo de banca en liña durante días e perda de confianza dos clientes.
A investigación posterior apuntou a varios factores técnicos, unha migración de datos mal sincronizada, servidores sobrecargados e probas insuficientes antes do cambio. É dicir, o novo software non estaba preparado para soportar millóns de usuarios e usuarias ao mesmo tempo.
WannaCry propagouse por internet infectando miles de ordenadores.
En 2017 o malware WannaCry propagouse por internet infectando miles de ordenadores. Aproveitaba unha vulnerabilidade en Microsoft Windows.
Unha falla de seguridade permitía ao malware entrar nos ordenadores sen permiso, propagarse automaticamente pola rede e bloquear ficheiros importantes sen necesitade de que o usuario abrise un arquivo infectado. Era capaz de infectar a outros ordenadores conectados á mesma rede.
WannaCry cifraba documentos, fotos e bases de datos e os atacantes pedían pagos en criptomoedas. Nova adaptada
O ataque afectou, en más de 150 países, a hospitais, empresas, universidades e organismos públicos. No caso do Sistema Nacional de Saúde británico (NHS) provocou cancelación de citas médicas, peche de sistemas hospitalarios e atrasos en operacións.
En 2018 descubriuse que datos de millóns de usuarios de Facebook foran utilizados por Cambridge Analytica sen o consentimento adecuado.
Despois do descubrimento, o máis grave foi que os usuarios non deran consentimento para que os seus datos fosen utilizados con fins políticos e para influír no seu voto.
Este caso converteuse nun dos maiores escándalos de privacidade da historia das redes sociais. Dentro de Facebook, unha aplicación externa ofrecía test psicolóxicos inocentes. A app accedía aos datos dos usuarios que a instalaban e tamén aos datos dos seus amigos sen que o soubesen.
A información foi utilizada para crear perfís psicolóxicos, influír en campañas políticas e dirixir publicidade personalizada.
O caso provocou investigacións internacionais, multas millonarias para Facebook e cambios nas políticas de privacidade.
Cando xorde un problema como os anteriores, se un dispositivo falla, un sistema deixa de funcionar ou hai unha posible filtración de datos, os equipos de informáticaforense actúan. O seu traballo consiste en investigar o que ocorreu e descubrir a causa do problema para ver como se pode solucionar e evitar que volva pasar.
Para iso seguen métodos de análise, moi semellantes aos que empregan os investigadores e as investigadoras nunha escena dun crime. Primeiro recollen pistas, logo analizan o sistema afectado e despois buscan a orixe do problema. A modo de conclusión, elaboran un informe do caso, no que reflicten todos os achados.
Para elaborar o seu informe, os equipos de investigación poden apoiarse noutros documentos: as listaxes de comprobación, que lles permiten verificar pasos ou accións necesarias para resolver un problema.
Lectura facilitada
Os equipos de informática forense actúan cando hai un problema, por exemplo:
un dispositivo non funciona
un sistema deixa de ir ben
hai unha filtración de datos
O traballo destes equipos é investigar o que pasou. Buscan a causa do problema. Así poden solucionalo e evitar que volva pasar.
Para investigar, seguen varios pasos. Son parecidos aos dunha investigación policial.
Primeiro, recollen pistas. Despois, analizan o sistema afectado. Ao final, buscan a orixe do problema.
Ao rematar, elaboran un informe do caso. Neste informe escriben todo o que atoparon.
Para facer o informe, usan axudas. Unha delas son as listaxes de comprobación.
Audio
Analizar a secuencia
Recoller evidencias
A recollida de evidencias é un paso moi importante na resolución de problemas informáticos, xa que permite obter información sobre o que está a ocorrer. Consiste en observar e anotar datos sobre o funcionamento do dispositivo, as mensaxes de erro ou os cambios recentes no sistema.
Grazas a esta información, pódese analizar mellor a situación e non facer suposicións incorrectas.
Listaxes de comprobación
As listaxes de comprobación ou checklists son ferramentas moi útiles para seguir correctamente un procedemento, xa que permiten comprobar paso a paso que todas as tarefas necesarias se realizan na orde adecuada. Grazas a elas redúcese a posibilidade de esquecer algún paso importante.
Fíxate no seguinte exemplo, é unha folla das primeiras comprobacións que debes facer se o teu ordenador non acende.
Lectura facilitada
Recoller evidencias é un paso moi importante. Significa obter información sobre o problema.
Consiste en:
Observar o que pasa
Anotar datos importantes. Por exemplo, como funciona o dispositivo ou se hai mensaxes de erro.
Esta información axuda a entender mellor o problema. Así evítanse erros e suposicións incorrectas.
As listaxes de comprobación axudan a seguir pasos.
Permiten comprobar todo pouco a pouco.
Grazas a elas:
Non esquecemos pasos importantes
Seguimos unha orde correcta
Agora, fíxate no seguinte exemplo. É unha lista coas primeiras comprobacións cando un ordenador non acende.
Audio
Para saber máis
Ademais das listaxes de comprobación, os equipos de investigación poden apoiarse noutros documentos, como os protocolos de troubleshooting, que teñen unha función parecida pero cun formato máis visual, parecido ao dun diagrama de fluxo de programación.
Os protocolos de troubleshooting son guías estruturadas que permiten identificar os problemas a través dunha serie de pasos ou preguntas. Estes protocolos axudan a localizar a causa dun fallo e a aplicar a solución máis axeitada.
Fíxate no seguinte exemplo, é un un diagrama de fluxo sinxelo para identificar a causa de que o teu ordenador non acenda.
Lectura facilitada
Os equipos de investigación poden usar outros documentos distintos das listas de comprobación.
Un exemplo son os protocolos de troubleshooting.
Estes protocolos son parecidos ás listas, pero teñen un formato máis visual. Son como un diagrama de fluxo.
Os protocolos de troubleshooting son guías con pasos ordenados. Serven para identificar problemas.
Funcionan facendo preguntas ou seguindo pasos.
Así podemos atopar a causa dun fallo e aplicar a mellor solución.
Agora mira o seguinte exemplo. É un diagrama de fluxo sinxelo. Axuda a saber por que o teu ordenador non acende.