Saltar navegación

3.4. Cuarta parada: Illa de Borneo (clima tropical húmido)

 

Glosario

Arquipélago

Imaxe de ivarias illas formando un arquipélagoDefinición: 

Conxunto de illas que están cerca unhas de outras.

Exemplo:

A illa de Borneo forma parte dun arquipélago con moitas illas máis.

Exportar

Imaxe de mercadorías e frechas indicando que se exportanDefinición:

Vender ou enviar produtos a outro país.

Exemplo:

Galicia exporta peixe a outros países.

Pigmeo

Imaxe de tres cuadrados de máis grande a máis pequenoDefinición:

De escaso tamaño ou de baixa estatura. Sinónimo de anano.

Exemplo:

Na illa de Borneo viven elefantes pigmeos.

Sostible

Imaxe do Globo terráqueo como se fose un vexetal

Definición: 

Que non esgota os recursos naturais nin causa dano ao medio ambiente.

Exemplo: 

A horta escolar é sostible porque produce vexetais para consumir coidando o medio ambiente.

Ler

A viaxe

Man esquerda suxeita un compás analóxico que ten un estoxo de madeira.






A viaxe co compás máxico cada vez resúltate máis confortable. Esta vez ademais pasa coma un lóstrego. Tes a sensación de que non estás demasiado lonxe do teu anterior destino e... estás no certo!

Os teus guías

Fotografía de 4 nenos sorrindo vestidos con roupas rechamantes de cor maiormente vermella.






Na illa de Borneo non será só unha persoa a que che faga de guía, senón parte da rapazada do pobo Iban orixinario da propia illa. Son da túa idade, pero saltan e bailan ao teu redor coma se fosen máis cativos. Un deles saúdate moi amigable:

- Benvido á nosa illa Borneo! Ves sen compaña? - pregunta amosando incredulidade.

Ao ver o teu aceno de incerteza outro dos teus anfitrións descúlpanse:

- Non te alporices que xa non cazamos cabezas! Agora somos moito máis amigables. Pero sempre nos estraña ver persoas solitarias. Nós adoitamos estar sempre en grupo.

- Acompáñanos e ensinarémoste este precioso lugar.

O biótopo

Gráfica de liñas na que se representan precipitacións abundantes durante todo o ano e temperaturas que rondan os vinte e sete graos durante todo o ano

Borneo é a máis grande das illas do arquipélago de Indonesia, situado no límite do océano Índico co océano Pacífico.

A humidade propia dun lugar rodeado de costa aumenta se temos en conta o seu clima.

A chuvia é abundante durante todos os meses do ano!

A biocenose

Fotografía dun orangután comendo un coco.

A meirande parte da illa está cuberta por un ecosistema de bosque tropical. Na andaina cos nenos Iban pasamos a carón de enormes canas de bambú, fentos xigantes, plataneiros e palmeiras cocoteiras. Todos os vexetais semellan ter medrado máis do habitual.

Porén, tes a impresión de que coa fauna pasou o contrario!

Podemos divisar ao lonxe elefantes pigmeos, moitísimo máis pequenos do habitual, rinocerontes ananos e leopardos nubrados.

- É unha magoa que non tiveramos a sorte de ver algún orangután ou algún pangolín no noso paseo. Cada vez son máis escasos. Moitos dos animais desta rexión están en perigo de extinción e andan agochados pola espesura da selva.

A pegada ecolóxica humana

Fotografía dun bosque tropical tallado por máquinas e tractores

Mentres volvedes cara o poboado non paran de falar e contarte cousas sobre a súa cultura:

- Os Iban somos un pobo tranquilo. Gústanos entender a nosa vida vencellada á natureza porque nos da todo o que precisamos para vivir. Incluso as nosas vivendas están fabricadas con materiais extraídos directamente da natureza.

- Dedicámonos á agricultura e á pesca sostibles, aínda que tamén temos outros traballos moi importantes como son a fabricación de tecidos artesanais e complementos como por exemplo sombreiros de bambú.

- Mais cada vez máis a nosa economía se basea nas exportacións de palma. Grandes empresas pagan ao noso goberno para talar os nosos bosques e facer grandes plantacións de palma da que extraen a graxa para fabricar alimentos industriais e cosméticos. Esta agricultura non é sostible como a que practicamos nós e por esa causa, a nosa biodiversidade está en perigo e a cadea trófica resíntese.

Despedida

Agradecendo as ensinanzas da cativada Iban e con todas as fotografías do aprendido metidas na mochila, botas man ao peto para agarrar con forza o compás e seguir a túa viaxe. 

Lectura facilitada

A viaxe

Viaxar co compás máxico cada vez éche máis fácil.

Esta vez pasa moi rápido, coma un lóstrego.

Tes a sensación de que non estás moi lonxe do último destino, e... acertaches!

Os teus guías

Na illa de Borneo non te guía unha soa persoa.

Guíate un grupo de rapazada do pobo Iban.

Todos eles naceron e criáronse na illa.

Son da túa idade, pero saltan e bailan ao teu redor coma nenos máis pequenos.

Un deles saúdate con moita alegría:

— Benvido á nosa illa, Borneo! Viaxas só? — pregúntache sorprendido.

Ao notar a túa expresión de dúbida, outro dos mozos ri e tranquilízate:

— Non te preocupes, xa non cazamos cabezas!

— Agora somos moito máis amigables.

— Pero parécenos raro ver alguén só, porque sempre estamos en grupo.

— Ven con nós, ensinarémosche este fermoso lugar.

O biótopo

Borneo é a illa máis grande do arquipélago de Indonesia.

Está situada entre o océano Índico e o océano Pacífico.

Por estar rodeada de costa e ter un clima húmido, aquí chove moito durante todo o ano.

A biocenose

A maior parte da illa está cuberta por un bosque tropical.

Camiñando cos nenos Iban, pasades entre grandes canas de bambú, fentos xigantes, plataneiros e palmeiras cocoteiras.

As plantas semellan medrar máis do normal.

Porén, coa fauna parece ocorrer o contrario.

Desde lonxe vedes elefantes pigmeos, rinocerontes ananos e leopardos nubrados, todos moito máis pequenos do habitual.

— É unha mágoa non vermos ningún orangután ou pangolín — di un dos nenos.

— Cada vez hai menos.

— Moitos animais desta rexión están en perigo de extinción e escóndense na espesura da selva.

A pegada ecolóxica humana

De volta ao poboado, os nenos cóntanche máis sobre a súa cultura:

— Os Iban somos un pobo tranquilo.

-Vivimos en harmonía coa natureza porque nos dá todo o que necesitamos.

-Incluso as nosas casas están feitas con materiais naturais.

— Dedicámonos á agricultura e á pesca sostibles.

— Tamén fabricamos tecidos e complementos, como sombreiros de bambú.

— Pero agora, cada vez máis, a nosa economía depende das plantacións de palma.

— Grandes empresas pagan ao goberno para cortar os nosos bosques e plantar palma, da que sacan graxa para alimentos e cosméticos.

— Esta agricultura non é sostible e está poñendo en perigo a biodiversidade e o equilibrio natural.

Despedida

Dáslles as grazas aos nenos Iban por todo o que che ensinaron.

Gardas as fotos da túa aventura na mochila.

Metes a man no peto, agarras con forza o compás máxico e continuas a túa viaxe.

Audio

A viaxe

Viaxe
Borneo-Viaxe

Os guías

Guías
Borneo-Guías

O biotopo

Biotopo
Borneo-Biotopo

A biocenose

Biocenose
Borneo-Biocenose

Os medios de transporte

Transporte
Alert-Transporte

A pegada ecolóxica

Pegada ecolóxica
Borneo-Pegada ecolóxica

Despedida

Despedida
Borneo-Despedida

Apoio visual

Apoio visual do clima tropical húmido con pictogramas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)