Transaccións electrónicas seguras

Que son as transaccións electrónicas?
Unha transacción electrónica é unha operación financeira ou comercial que se realiza utilizando medios electrónicos, como Internet ou dispositivos electrónicos, para realizar pagos, transferencias de fondos, compras en liña e outras transaccións similares. Este tipo de transaccións non implican necesariamente procedementos complexos ou protocolos de seguridade sofisticados.
Exemplos de transaccións electrónicas inclúen, entre outros, compras en liña, banca electrónica, transferencia de fondos, pago de facturas ou recibos, recarga de saldo no teléfono, envío de diñeiro a través de mensaxería instantánea, compra de billetes ou entradas a espectáculos.
Estas transaccións electrónicas simples son amplamente utilizadas na vida cotiá e facilitan moitas das nosas actividades financeiras e comerciais. Aínda que poden ser relativamente sinxelas en comparación con outras transaccións electrónicas máis complexas, é importante aplicar medidas de seguridade básicas para protexer a información persoal e financeira durante estas operacións.
Como podemos facer esas transaccións seguras?
Para realizar transaccións electrónicas de forma segura e protexer a nosa identidade e os nosos datos, enumeramos algunhas medidas que podes tomar.
Utiliza sitios web seguros
Realiza transaccións electrónicas só en sitios web seguros que utilicen cifrado SSL (Secure Sockets Layer). Podemos identificar un sitio seguro pola presenza de "https://" na barra de enderezos e un cadeado na barra de estado do navegador.
Comproba a información legal da empresa
Se a empresa está radicada en España ten que cumprir unha serie de requisitos legais, que deberemos comprobar. En caso dunha empresa estranxeira, deberemos asegurarnos da súa lexitimidade con outros medios como pode ser a verificación da súa reputación a través da Rede.
Utiliza redes wifi seguras
Evita facer transaccións electrónicas en redes wifi públicas ou non seguras. Utiliza unha conexión segura e privada, preferiblemente a túa propia rede wifi doméstica, ou datos móbiles.
Utiliza unha conexión VPN
Se necesitas facer transaccións en liña en redes wifi públicas ou non seguras, considera o uso dunha conexión VPN (rede privada virtual) para cifrar o teu tráfico de Internet e protexer a túa privacidade.
Mantén o software actualizado
Mantén actualizado o software dos dispositivos, incluíndo o sistema operativo, o navegador web e calquera aplicación relacionada con transaccións en liña. As actualizacións de seguridade corrixen vulnerabilidades e protexen contra ameazas en liña.
Utiliza autenticación de dous factores
Activa a autenticación de dous factores sempre que sexa posible. Esta capa adicional de seguridade require unha segunda forma de autenticación, como un código enviado ao teu teléfono móbil xunto co teu contrasinal habitual.
Nunca compartas información sensible
Non compartas información sensible, como contrasinais, números de tarxeta de crédito ou datos bancarios, por correo electrónico ou mensaxes de texto. Estes métodos de comunicación non son seguros e poden ser interceptados por terceiras persoas malintencionadas.
Verifica regularmente as transaccións
Revisa regularmente os extractos bancarios e as notificacións de transaccións para identificar e informar calquera actividade sospeitosa ou non autorizada.
Utiliza métodos de pagamento seguros
Utiliza métodos de pagamento seguros, como tarxetas de crédito ou sistemas de pagamento en liña fiables, que ofrezan protección contra fraudes e disputas. Desconfía de pagos a través de Western Union, Ukash e sitios similares.
Mantén a información persoal privada
Non divulgar información persoal innecesaria en liña e asegurarnos de que a información que proporcionamos para as transaccións sexa necesaria e segura.
Comproba as opinións doutras persoas usuarias
As opinións e experiencias doutras persoas usuarias poden servir para alertarnos ante un posible fraude. Podemos comprobar a reputación dunha tenda ou sitio web a través das propias plataformas de ventas ou incluso cunha simple procura en Internet. Amazon, AliExpress, eBay dispoñen dun sistema de ranking que é moi útil para este tipo de comprobacións.