Saltar navegación

Dinámica de aula

Mestra con nenos e nenas da man
Pixabay. Mestra (CC0)

Comezamos

Propomos realizar varias lecturas/escoitas do conto. En cada escoita ou lectura podemos ir variando as actividades, aprendendo o novo léxico e profundando nos significados do conto. Deste xeito poden acceder a máis niveis de comprensión e aprender as palabras importantes.

Intentemos manter presente a intención de divertir e entreter que teñen o audioconto e a canción. O cal non impide que profundemos e traballemos diferentes aspectos da nosa programación mediante esta unidade didáctica que espero che resulten amena e útil. A que segue é a dinámica recomendada.

Antes da escoita

Actividade preparatoria para a primeira lectura/escoita

Sempre, antes de realizar unha primeira escoita, deberá haber unha actividade preparatoria.

Coñecer o léxico novo, formar unha imaxe mental dos animais que protagonizan o conto, pode axudar enormemente á comprensión do mesmo e a empatizar cos personaxes.

Cigoña voando
Pixabay. Cigoña (CC0)
Neste caso, imos comezar por comprender e coñecer un pouco o concepto de migración das aves. Dependendo da zona onde vivades, teredes tido ocasión de ver cegoñas ou outras aves migratorias. Partindo desta experiencia, introducimos á clase no concepto de paxaro migratorio e coñecemos un pouquiño a cegoña: que aspecto teñen, onde aniñan, como son as crías. Hai páxinas nas que podes coñecer os principais lugares onde observar este tipo de aves en Galicia e a mellor época para facelo. Preme na cegoña a ver onde te leva no seu voo...

Primeiras escoitas

Escoitamos de corrido o audioconto sen detelo para dar explicacións. Haberá ocasión para iso despois ou ben durante unha segunda escoita se o consideramos necesario. Esta pode darse no mesmo día pero é mellor realizala un día distinto. Podemos comezar esta segunda escoita tentando lembrar algúns aspectos do conto: que lembras do que sucedeu? Por que o pitiño fai isto ou aquilo? Isto é o que chamamos unha actividade de escoita recapituladora e é útil tamén para exercitar a memoria.

As aves da foto poden levarte a unha páxina moi interesante para saber máis sobre aves migratorias en Galicia.

Patos voando sobre fondo azul
               Pixabay. Patos (CC0)

Posta en común

Variña de mago con estrelas
Pixabay. Maxia (CC0)

O obxectivo desta conversa coa clase é ver canto comprenderon do conto, que ensinanza extraen del, que emocións lles provocan. Aproveitamos para observar ata que punto son capaces de respectar as normas da conversa que lles propomos. Se vemos que lles é complicado, recurriremos ao pau máxico da fala ou ben o gorro falador. Só quen o ten, pode falar. E non vale agarralo con mans e pés!

Deixamos que o alumnado comparta as súas sensacións e ideas en voz alta, axudando así á comprensión daqueles nenos ou nenas que puideron distraerse en algún punto e perder parte do contido. 

Deixa que o pau máxico te leve a ti e ao teu alumnado a un vídeo igual de máxico sobre as aves de Galicia. 



Tan importante é que toda a clase participe en algún momento, como evitar os posibles "monólogos" do alumnado máis participativo.

Este método chámase  REFLEXIÓN EN VOZ ALTA. É un recurso moi potente para explicitar microhabilidades co resto da clase de xeito que os demais as aprendan ou perfeccionen.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0