Saltar navegación

Actividades

Tizas de cores. Escrito "Escola aberta"
Pixabay . Escola (CC0)

Antes de escoller actividades deste apartado, mira as actividades preliminares que veñen no apartado anterior de "Dinámica de aula". Logo, en función do perfil da clase, as súas preferencias e necesidades, podemos desenvolver algunha destas actividades ou todas elas. É moi posible que isto nos leve a realizar de novo escoitas parciais ou completas do conto, como xa indicamos no apartado anterior sobre dinámicas.

Recomendamos documentar en vídeo e/ou audio as actividades para que logo teñas máis material para a actividade final.

Teatriño

A aprendizaxe en movemento é interesante porque nos permite variar o estilo de aprendizaxe e de paso, propor unha actividade de corte lúdico e creativo.

Repartimos os papeis en colaboración co alumnado. O resto fará de público. Hai máis contos! Non hai por que discutir se todos queren participar. Tampouco nos preocupa que o resultado sexa perfecto. Practicamos simplemente unha forma de aprendizaxe en movemento. Preparamos as escenas. Podemos preparar tamén algún complemento a modo de atrezzo. Lanzamos o audio e, axudados por indicacións do/da ensinante, comeza o xogo.

É importante descargar ao alumnado da ansia dun resultado correcto. O que buscamos é que participen con interese e se divirtan. Isto axudará a que comprendan o comportamento dos personaxes.

Finalmente, podemos propor ao público que reflexione de novo (agora que viron as accións e non so as escoitaron).

 Non esquezas gravalo en vídeo!

Bailamos e cantamos

No apartado "Poesía e música" está o pentagrama e máis un audio que te pode axudar a que aprendan a canción do Piti Pitiño.

Inspirados pola escenificación da actividade anterior, podemos inventar en colaboración co noso alumnado unha sinxela e descritiva coreografía para a canción mentras a van cantando.

Grava todo para a actividade final.

Meniña con auriculares bailand
Pixabay. Música (CC0)

Segunda escoita. Reflexionamos.

Podemos recurrir ao audioconto, que iremos parando segundo queiramos tratar certos temas, ou o/a ensinante pode lelo ao ritmo da clase. Se é posible, podemos convidar a un familiar (avó ou avoa, por exemplo) a que veña lerlles o conto. Deste xeito terán outro modelo oral. Ben podería ser un alumno ou alumna de cursos superiores quen realice esta segunda lectura, involucrando á escola na unidade didáctica.

Nesta segunda e nas sucesivas escoitas, se as houber, xa se pretende que o alumnado participe na narración repetindo as pasaxes suxeridas (ver as notas no exemplar do conto para ensinantes) e que aprendan a cantar a canción. 

Ademais, agora que xa coñecen o conto, podemos profundar na nosa reflexión en voz alta e abordar os contidos 2 a 4

En canto ao contido 2: que debo facer se me perdo? Sei o meu nome completo e o nome dos meus pais e o meu enderezo? Con quen debo falar? Comportamentos a evitar (subir en coches con descoñecidos, etc.). Se é preciso, involucraremos ás familias nesta actividade para que practiquen co seu fillo/a esta información relevante para a súa seguridade.

No que se refire ao contido 3: a colaboración. Que animais mostran un comportamento colaborador e axudan ao pitiño? Cales non se portan ben con el? Por que? Esperamos que razoen en voz alta por que uns comportamentos son adecuados e outros non. Intentaremos que lembren algunha situación na que alguén os axudou ou na que eles axudaron a alguén. Como se sentiron? É importante axudarnos entre nós?

No contido 4 abordarems os estereotipos estéticos que xa dende a nosa infancia nos poden marcar. Aínda que son pequenos e pequenas, xa mediante as ilustracións dos libros e sobre todo pola TV e os comentarios dos adultos, perciben como fermosos unha serie de estereotipos que convén desmontar. Por que o merlo e a pedra pensan que o pitiño é feo? Pensarán o mesmo os seus pais? Por que a árbore non pensa que é feo? Quen ten a razón? É feo o pitiño? O obxectivo é levar a clase cara unha valoración de distintos modelos de corpos: hai nenos e nenas de todo tipo e forma, igual que os adultos. Tampouco esqueceremos os estereotipos ligados á expresión de xénero (as nenas visten e levan o pelo así, mentras os nenos...etc.).

Aprendendo coas mans

Facemos un comedeiro ou un bebedeiro para os paxaros do noso patio?

Esta actividade dará ocasión de lembrar ao longo do ano o conto e o aprendido. Poden establecerse quendas para deixar comida e auga e para observar cos prismáticos os nosos comedeiros. Podemos anotar as nosas observacións nunha táboa na clase mediante debuxos que poidan comprender. Data, observación realizada, etc. Algunha idea para manualidade podes vela neste vídeo:

Youtube. Paxareira (CC0)

Investigamos

Interrogante de herba
Pixabay. Interrogante (CC0)

Axudados de materiais complementarios como mapas, fotos e páxinas web de asociacións relacionadas coa ornitoloxía e a ecoloxía de Galicia, iniciamos ao alumnado na busca de información referida ás aves da contorna e ás aves migratorias de Galicia. Onde se poden observar?

Podes consultar lugares onde observar aves e outras informacións relacionadas, premendo nesta ligazón:

        AVES DE GALICIA      


Se hai un observatorio preto ou temos a posibilidade de desprazarnos, podemos levar prismáticos e observar as aves. Esta actividade pode tamén realizarse sen moverse do centro e a súa contorna, mesmo urbana; basta que haxa unha árbore e dediquemos un pouco de tempo a observar o que fan os paxaros, cal é o seu canto…

Podemos recoller plumas se as hai, para posteriormente identificar a ave. E gravar en audio os paxariños! Vainos resultar útil para a actividade final.

Actividade final 

Nesta actividade podemos integrar o aprendido nun mural multimedial dun xeito atractivo usando as nosas gravacións en vídeo e audio, os debuxos, fotografías, plumas dos paxaros, etc. 

Podemos gravar tamén (se non o fixemos xa) o canto dos paxaros, os que escoitamos na nosa casa, no colexio… e tratar de identificar o paxaro. Debuxaremos o paxariño e/ou recortaremos unha foto (que o/a ensinante pode imprimir). Con todo este material comezaremos un gran mural para a clase ou para un corredor da escola. 

Podería bastar con isto, pero é máis chamativo para unha exposición final para as familias e as outras clases do colexio, se enlazamos mediante códigos QR as nosas gravacións. Hai en internet sitios onde podes fácilmente xerar o teu código Qr para cada arquivo. Se a escola conta cunha pantalla no corredor, poderíamos tamén colocar o noso mural preto dela e así complementalo co noso material audiovisual a través da pantalla. No noso mural todo pode ter o seu espazo.

O alumnado pode entregar un convite voador (en forma de paxaro) na casa para que as familias entren na escola a ver o seu mural.





Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os audio neste mural). Primeiro debemos aloxar eses audio de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada canto de paxaro seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do paxaro concreto que canta no audio. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os cantos.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0